Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Diálogo por maioría absoluta

miércoles, 23 de diciembre de 2015
As eleccións do domingo día 20 desvelaron a incógnita de se España seguía sendo ou non bipartidista. Despexar dita incógnita supón enfrontarse a outra moito máis difícil e complexa: a da gobernabilidade. Os bipartitos non suman de abondo e de novo faise posible o apoio do nacionalismo para acadar gobernos viables (agás un gran pacto entre o PP e o PSOE ou pactos entre o PSOE, Ciudadanos e Podemos). Miremos a posibilidade que miremos, lévanos a un escenario complexo no que a negociación vai ser a arma política do día a día.

Estamos ante unha nova realidade que en moitos aspectos nos trae a lembranza da Transición onde os grandes antagonistas se sentaron a dialogar. Isto é algo que xa pasa a nivel europeo en moitos países e que de algún xeito temos que ir naturalizando no noso.

Democracia e diálogo van intrinsecamente unidos reflexándose mutuamente. A experiencia dinos que nas maiorías absolutas, por moi lexítimas que sexan, múdase a negociación pola imposición e xurde un certo mesianismo que cando o racionalizamos sempre resulta antitético coa idea de democracia. Desta volta España elixiu pluralizarse para recoñecerse a si mesma e neste sentido o parlamento ten que ser máis que nunca o punto de acordo dun pobo.

Por outra banda os posibles pactos de forzas afíns requiren necesariamente o achegamento aos nacionalismos, dos que en moitos casos se renegou e incluso se combateron de xeito explícito. España semella volverse pondaliana para dicir “os tempos son chegados” para que as ideoloxías procuren puntos de acordo a prol dunha estabilidade que supere a crise a través dun programa de mínimos que facilite o funcionamento do país.

Nestes resultados hai razóns para o optimismo se nos damos un voto de confianza e pensamos que todos os líderes políticos van facer país a través da xenerosidade. Podemos dicir que os grandes derrotados de onte son o pensamento único e o mesianismo que caeron fronte o diálogo, o pensamento crítico e a diversidade. Se os actores políticos actuais entenden esta mensaxe estamos ante a oportunidade de construír un país de maior calidade democrática que en definitiva é o que fai a unha cidadanía ceibe, crítica e empoderada para protexer o seu propio benestar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES