
Pasaron dous anos desde o oito de setembro de 2004, cando Manuel María nos deixou.
Os cabodanos vanse esvaendo a medida que o tempo pasa, e acabamos por esquecelos, pero con Manuel esto non ocorre.
A súa personalidade, o seu trato, a súa amizade, fixo que tódolos que o tratamos teñamos del lembranza e presencia permanente.
O oito de setembro, o pasado venres, houbo de novo xuntanza á beira da súa tumba no cemiterio de Outeiro de Rei da Terra Chá, chamados pola Fundación Manuel María que preside Alfonso Blanco Torrado, e en Outeiro cada asistente levou unha rosa á súa tumba, léronse poemas e fíxose xuntanza de amizade.
Pouco despois, no Campo de Santa Isabel, Mini e Mero recibiron cadansúa navalla (antes foran os pregoeiros da xuntanza no cemiterio), en lembranza das navallas do Manuel, moito más ca coleccionismo, expresión dun simbolismo moito por riba do utilitario. E compartimos todos pan, queixo e viño nunha ceremonia laica de irmandade, na que cantaron Tino Vaz e Miro Casabella, e tocou o gaiteiro Raul Galego.
Naturalmente, Saleta presidiu os actos e recibiu a amizade e agarimo dos presentes.
Logo cantaría Milladoiro en Vilalba, e ó día seguinte o Bng repetiría ceremonia en Outeiro de Rei. Mágoa que tamén uns bárbaros en Monforte lembrasen esta efeméride atentando de novo contra da estatua do Manuel recentemente erixida.
Pero as cousas boas sempre están por riba das ingratas. ¡Feliz cumpreanos, Manuel, amigo, vivo sempre!.