A inmoralidade de vivir mellor
Pinto Antón, J.A. - viernes, 25 de diciembre de 2015
Tenta vivir ben a maioría deses 46.507.760 de españois. Traballar para termar da familia, ter un soldo que permita un proxecto de futuro, gañar o pan co suor da fronte e non na cola do Banco de Alimentos.
Non piden moito. Saben que a parte maior do soldo non está na nómina senón nas prestacións que ofrece o estado social, mal chamado de benestar. A saber: educación pública, sanidade universal e gratuíta, seguridade e xustiza para todos, axudas á dependencia, pensións públicas, paro se veñen mal dadas. Todo iso que cae baixo a piqueta da crise e do dogma económico. Acubillados nese paraugas é posible vivir cun soldo escaso pero con dignidade. Corren malos tempos para a humanidade, sentimento entretecido de liberdade, igualdade e fraternidade mentres na ponte de mando están os apóstolos da ditadura económica que domina o mundo.
E así, co desmantelamento a cachos da educación pública, coa privatización encuberta da sanidade, con infraestruturas e seguridade de pago, coas pensións nas mans dos bancos, cunha xustiza para ricos, sen axudas á dependencia, co paro recortado ata a esmola
non é doado vivir con dignidade.
Os mercados ditan normas que non son iguais para todos. Traballadores nos bordos da pobreza son obrigados a aceptar recortes no soldo e nos dereitos laborais. Vivir ben é tarefa difícil para maioría que ve, indignada, como uns poucos que xa vivían moi ben, tentan vivir mellor.
Son eses directivos das empresas do Ibex con soldos obscenos, moralmente indecentes e alleos á situación do país.
Son eses políticos que blindan privilexios opacos e non cotizan por todo o que ganan. Son eses malos xestores que levaron á ruína ás caixas con entramados opacos ao fisco para saquear con impunidade. E aínda non están na cadea!
Son eses ricos moi ricos, viaxando cara a Andorra, e mesmo multinacionais que gardan fóra o que gañan dentro negando a función social do diñeiro. E amontoan ouro na Cova de Alí Babá dos paraísos fiscais, cloaca onde desaugan os cartos máis sucios.
Son eses políticos corruptos, que de infección pasaron a epidemia, hoxe pandemia, e conciben a función pública como saqueo do público e non como servizo. A lista interminable coloca a España en lugares de vergonza na lista de transparencia internacional e percepción da corrupción.
Son eses deportistas de élite que traballando cos pés multiplican por miles o soldo dos mellores cerebros, científicos, investigadores. Tan necesarios estes como prescindibles aqueles.
Si, é posible un sistema económico con rostro humano onde poidamos vivir ben. O inceptable é a inmoralidade dos que viviron sempre por riba das nosas posibilidades, e tentan vivir aínda mellor.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora