Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Marina Mayoral en Brétema

miércoles, 16 de diciembre de 2015
Non é tan habitual como sería de desexar que a un grande escritor os recoñecementos o acompañen ao longo dos seus días. Certa inclinación necro afea a conduta dos que non sempre saben valorar a tempo, dos Marina Mayoral en Brétemaque non son quen de congratularse polo privilexio de compartir xeiras e andaina con esas voces literarias que fan historia, que son clásicos en vida.

E se o recoñecemento en vida é inusual, que este se produza nos eidos dun é case que un milagre. A sentenza sabia de que ninguén é profeta na súa terra é norma de excepcións contadas, que fai aínda máis admirable a súa singularidade.

Marina Mayoral, a escritora e profesora mindoniense, é un deses merlos brancos que moito presta salientar. Onte, na súa cidade natal, o concello vallibriense honrouse honrando e recibiuna gasalleiramente organizando un acto de homenaxe por mor da dedicatoria da rúa que leva o seu nome na localidade.

Nada máis xusto, nada máis acaído que este recoñecemento. A obra de Mayoral orbita de seu arredor dun vórtice xeoliterario que ela denominou Brétema, un cronotopo no que se agocha un Mondoñedo ficcional ao que regresa adoito e que ten tamén pinceladas do Foz no que veraneou cando pícara, do Lugo tan visitado na nenez e mesmo da Compostela estudantil da mocidade.

Brétema é un paradiso, o espazo no que Mayoral fai habitar aqueles Marina Mayoral en Brétemapersonaxes que máis ama, unha sorte de retiro dourado alleo a todo mal, idílica arcadia na que as bondades non teñen fin.

Ese Mondoñedo-Brétema é o recanto do mundo orbe no que está situada a casa das avoas de Etel en La única libertad (1982); o territorio que percorre Esmeralda Novoa en Contra muerte y amor (1985); o microcosmos onde todo acontece en Unha árbore, un adeus (1988); a terra benquerida, próxima ao mar, que abrolla en La sombra del ángel (2000); a cidade á que Ana, a nai de Case perfecto (2007), regresa nas súas lembranzas; o escenario de infancia da Blanca de Recóndita armonía (2007); o taboleiro de xadrez no que cobra sentido a intriga de ¿Quen matou a Inmaculada de Silva? (2009); un dos polos, xunto a Madrid, entre os que abalan os personaxes de Deseos (2011); por suposto, tamén as orixes dos Castell e os seus devanceiros, os Pardo de Cela, na súa máis recente novela, El abrazo (2015).

Ben está, pois, que quen tanto fixo durante décadas porque Mondoñedo continúase sendo un enclave literario esencial, quen ten laborado arreo porque a terra dos Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Lence-Santar, Díaz Jácome e Cunqueiro siga brillando nas súas letras, vexa agora recoñecido ese denodado esforzo coa emblemática dedicatoria dunha rúa que inmortaliza toda unha vida de palabras, de sentimentos telúricos, de emocións que galopan pola derme e fan das campás da Paula, do cantón grande, as ruelas en sombra e as hortas de luz florida, os largacíos prados mariñaos e as veigas valecas unha nación literaria inmorrente que cristaliza nunha rúa que procura testemuña e loor.

Sexan beizóns para Marina Mayoral. Como mindoniense non podo senón sentir un fondo e agradecido orgullo á nosa cidade, máis nobre, leal e fiel cando sabe recoñecer tan preclara filla, xa para sempre envolveita na súa benamada Brétema.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES