Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (90)

miércoles, 16 de diciembre de 2015
Charo e Edelmiro

Un matrimonio que viñeron de Toledo. El traballaba na Telefónica, e veu destinado a Galicia. Acostumouse ben. Tiveron unha nena, Laura. Dicían que, aquí, en Ferrol, só había dúas estacións: o inverno e a do ferrocarril. Estaban contentos, pero desexando marchar para a súa terra, pola familia, o seu piso tan lonxe.

Charo aproveitou o tempo aprendendo moitas cousas: facer o caldo, os freixós, as empanadas; outro modo de vivir diferente. Nós tamén aprendemos deles moitas cousas, o familiares que son. A maioría da xente que tiveron no seu entorno, amigos dos amigos, todos visitaron Sotillo de la Adrada, e tamén o seu pobo, Pelahustán.

Luís e eu fomos primeiro, por Madrid. Alí, esperábanos Pepe, o pai de Charo. Estivemos no piso deles. Leváronnos a ver o Palacio Real, a Porta de Alcalá. Logo, fomos a Toledo, Sotillo, Ávila. Foi unha viaxe que non esqueceremos nunca.

Edelmiro, co carné de conducir recén sacado, con nós para todos os sitios. Cantos apuros pasaría. Todo foron atencións e cariño. É bonito abrir a ventá, pola mañá, e ver saír o pastor co seu rabaño de ovellas. O canciño monte arriba. Iso, en Galicia, non se ve.

En Pelahustán, polas noites, coa lúa chea. As casas sen xente; só as fins de semana. Recordo a Nieves (a nai de Charo) e Pepe, o seu marido, na “Machacona”, aquela mesa grande, aquelas aciñeiras. Tanto que traballaron. Naquela horta, había de todo. Xa pasaron moitos anos. A saúde vai escaseando.

Quixera que, cando nós non esteamos, os xoves sigan esta amizade, tanto coa familia de Charo como coa de Edelmiro. Teñen aquí, en Galicia, a onde vir, sitio para comer, durmir, pasar as vacacións. Pois, parece que aínda foi onte cando fomos nós pasar as vacacións a Ávila, Toledo, onde vimos o Alcázar. Despois de aprender na enciclopedia toda a historia, puidemos entrar e ver o que nos explicaron na escola. Aquí, se tes algo de terreo, xa podes plantar algo, pois chove moito.

Recordo, estando traballando na terra, poñíase escuro, como para chover. E Charo chamábame: “Francisca, veña, que ven a nube”. Nós non lle tiñamos medo, pois, en Galica, hai moitas nubes, xa estamos acostumados.

Tamén me gustou, por Castela, ver cruzar os coellos a carreteira. Isto, aquí, non é frecuente. Ese mar de trigo. Van de vacacións a outros países e aínda non coñecemos ben o noso. Recordo a Nieves, sentada, dobrando roupa, repasándoa. Xa tiña achaques. Así nos pasa a todos.

Un recordo agarimoso para estes amigos que nos fixeron ver o valor da amizade.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES