Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adeus e graciñas, dona Cristina

martes, 15 de diciembre de 2015
“Todo mal chega con ás e fuxe coxeando” (Voltaire ).
A recente elección presidencial na República Arxentina é motivo dos máis variados comentarios. Unha metade da poboación amosa alegría e a outra metade, tristeza. Aquí en Galicia dóenos moito cando sucede algo malo no país do mundo onde máis galegos atoparon un espazo solidario onde quecer das friaxes seculares. Coido que é un momento moi axeitado para pedir que o andazo macrista sexa pasaxeiro e que axiña a xenerosa dona Arxentina volva a camiñar polo roteiro da solidariedade.

Nesta beira norte levamos anos con información deformada, manipulada ou mesmamente falsa sobre os gobernos de Néstor Kirchner e Cristina Fernández. Non se coñece ningún país democrático no que os grandes medios de comunicación estivesen ocultando as realizacións do goberno ao mesmo tempo que publicando unha mentira detrás de outra. A exportación da mentira ten unha clara finalidade. Trátase de crear un estado de opinión contrario ao mandatario que disque é medio autoritario ou disque ten millóns en Suiza ou disque mercou unhas xoias marabillosas en París. O veleno busca contaxiar toda clase de sentimentos negativos para estragar a imaxe do presidente Kirchner, primeiro, e da presidente Fernández, logo, durante 8 anos de constante ataque persoal.

Haberá quen se pregunte polo fundamento desta activa campaña en contra dun presidente electo nas urnas. Habería moito que contar pero é curioso destacar que os dous medios más críticos con Néstor e Cristina --”Clarín” e “La Nación”-- foron antes os que máis louvaron ao xeneral Videla. Hai unha razón económica que xustifica totalmente as diferentes varas de medir da gran prensa arxentina. O dúo de medios é o propietario da empresa “Papel Prensa” que ten o monopolio da importación de papel. A propiedade foi conseguida mediante acto delictivo que foi bendecido polo católico xeneral Videla.

Haberá quen pregunte, se Cristina foi tan boa, por qué perdeu as eleccións o seu partido, a“Fronte para a Victoria”. Hai dúas respostas posibles, segundo responda un macrista ou un peronista. Eu son da opinión de que o andazo macrista atopou sitio no infantilismo duns cidadáns da clase media que enguliron gostosos as mentiras coas que os ateigaron. Non é fácil de entender que un país coa mellor taxa de emprego dos últimos 50 anos queira volver ao desemprego. Non parece axeitado que voten para a desaparición da industria nacional e tampouco é lóxico votar para volver a endebedarse no exterior.

As realizacións do goberno de Cristina Fernández foron recoñecidas por diferentes organizacións internacionais. O país non debe nada ao FMI e ten na caixa 27.000 millóns de dólares; cando asumiu Néstor Kirchner había 11.000 millóns. Hai sete novas universidades e retornaron e foron contratados máis de 1000 científicos. Foi posible a posta en órbita de dous satélites, man de obra nacional, de comunicacións e centos de novos trens volven a transportar viaxeiros. Hai moito máis pero, evidentemente, os logros non serviron para que o partido de Cristina seguise no poder.

Entón, para falar sobre o triunfo de Macri haberá que estudar o seu programa electoral. Supoño que foi tal o poder seductor das propostas que os electores sentiron desexos tolos de ir votar. Aquí é onde teño que facer un punto e aparte. Os que elixiron a Macri, coido eu, son seres dunha afastada galaxia. É unha pena que non teña coñecementos de astroloxía para determinar cal é o signo zodiacal máis influínte para votar sen saber o que votas. A alianza “Cambiemos” encabezada por Macri gañou sen programa de goberno. Ninguén preguntou polos posibles beneficios xa que abonda con quitar de diante a Cristina.

Estou fondamente abraiado. A sociedade arxentina é moi educada e presume de estar moi ben informada sobre o que pasa no mundo. Sendo así, a maioría dos votantes analizará as diferentes propostas e logo decidirá. Non sei ben, ando un pouco atrapallado. Non chego a determinar cal foi razoamento feito polos votantes do presidente Macri. Certamente, penso que non se fixo unha valoración previa do candidato. Don Mauricio está procesado en varias causas xudiciais aínda non pechadas. O seu pasado de empresario trucho que fixo cartos co contrabando de pezas para a ensamblaxe de coches, non parece meritorio. Por non falar do seu machismo activo. É o típico herdeiro do “tano” emigrante que non soubo manter o patrimonio familiar.

Quizais, os que votaron a Macri, sexan os máis burros, egoístas e patéticos electores do último século na Arxentina. Son burros porque escollen o máis feo, malo e cheto dos gobernos posibles. Son egoístas porque votan para foder aos negros peronistas. Son patéticos ao creer que o globo amarelo (símbolo do cambio) lles traerá feixes de dólares baratos. Poida que cada voto macrista leve unha pinga de rancor contra dos que menos teñen. Así se explica que millóns de arxentinos enchan a boca falando de “cambio” cando en realidade é un retorno a antigos escenarios de peche de industrias nacionais e alto índice de desemprego.

Haberá quen diga que estou fóra de onda ao criticar porque son seareiro da liña patriótica cristinista. Entendo que en democracia haxa alternancia no poder e tamén que o electorado escolla mellorar a calidade democrática das institucións. O que non me cabe na cabeza é ir para atrás. Calquera persoa normal do mundo prefire un choripán [chourizo crioulo na grella] en lugar dun globo amarelo. Agora na Arxentina --terra de excelentes carnes de vacún--- fanse adeptos a unha nova ideoloxía fashion que pregoa a alegría de ter un globo amarelo na man para unir en irmandade a todos os defensores dos que máis rouban e estafan. Volver aos felices tempos infantís? Enfado de nenos mimados?

Os historiadores recollerán nas súas futuras publicacións que cando Néstor Kirchner asumiu a desocupación era dun 25% [agora 7%] e a pobreza dun 54% [agora 10%] e o PIB endebedado dun 160% [agora 30%] e que o país medrou máis en 12 anos que nos últimos 50. O meu amigo Xoán Carlos Romero López, xornalista fundador do Facepopular di que “agás que os pobres van estar na miseria e que a clase media vai empobrecer en meses; aquí non pasou nada”. O gran Mark Twain dicía que “é máis fácil enganar a xente que convencelos de que foron enganados”e ningún macrista recoñecerá que non sabía o que votaba. Afirmará que acertou ao cumprir co obxectivo desexado de “botar a égoa Cristina”.

Agardo que Macri non estrague totalmente os logros desta etapa de crecemento xa que será máis doado o cosido das feridas por parte do vindeiro goberno. Non dubido que a “Fronte para a Victoria” volverá ao temón con máis apoio popular e coa urxente tarefa de quitar as castañas do lume da desigualdade. Haberá que ir convencendo aos veciños de que os globos, sexan da cor que sexan, son indixestos aínda que os recomende o creador da dieta macricida. Cómpre volver ao tradicional “asado de tira” dos domingos para que as honradas familias, recuperen, o seu sentimento de irmandade que lles foi extraído cunha troula na contra dos máis desfavorecidos. A nosa querida Arxentina volverá ser terra de xenerosidade e o macricidio quedará esquecido coma se dun escuro pesadelo se tratase. Adeus e graciñas, dona Cristina.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania