Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre asistencia persoal

miércoles, 16 de diciembre de 2015
A semana pasada atopeime cun manifesto do Foro de Vida Independente co que non estou de acordo Antes de entrar a analizar e expoñer os meus motivos quero deixar constancia do meu respecto pola loita levada a cabo por VIGALICIA que supón unha exhaustiva reivindicación dos Dereitos Humanos para as persoas con diversidade funcional. Certamente foron e son pioneiros en moitos aspectos que contribúen ao benestar e á autonomía persoal, polo tanto fan un traballo fundamental para a diversidade.

O citado manifesto fala de cualificación desproporcionada da figura do asistente persoal considerando que unha formación de 20 a 40 horas por parte do usuario é suficiente e que o usuario ten dereito a autoxestionarse. Sobre este aspecto convén recordar que un dereito non é un deber e que, polo tanto, a decisión de delegar a xestión administrativa do servizo é tan respectable como a de autoxestionalo.

Por outra parte a formación é o primeiro pilar do recoñecemento social dunha profesión polo que ten que ser exhaustiva, asegurando que as persoas que traballen con usuarios en situación de dependencia poidan responder ás distintas eventualidades que poidan xurdir.

Cando unha sociedade recoñece unha profesión, dita profesión necesita ter contidos que dean acceso ao seu desenvolvemento. No caso da asistencia persoal, ademais da adaptación entre asistente e usuario, é preciso unha formación que lle proporcione ao asistente ferramentas para responder ante unha situación limite (como pode ser un atragoamento ou un ataque epiléptico).

A profesionalización do asistente persoal require unha formación debidamente regulada e, ao mesmo tempo, unha actitude de flexibilidade que lle permita encaixar no xeito de vida do usuario. Ser asistente persoal ten que ter un peso social máis alá da persoa á que se atende, xa que é unha profesión imprescindible para alcanzar unha sociedade na que a cidadanía acceda á igualdade de oportunidades. Trátase dun traballo fundamental que non se pode deixar en mans de persoas que non teñan uns coñecementos mínimos sobre a diversidade funcional, uns coñecementos que garantan a integridade biopsicosocial da persoa.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES