Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Persecucion actual dos cristiáns (V). Centroáfrica

sábado, 12 de diciembre de 2015
Recentemente vimos ó Papa nun dos lugares máis perigosos do mundo: Bangui, a capital da República Centroafricana. Pediulles ós cristiáns e os musulmáns que “xuntos dixeran non o odio, non a vinganza, non a violencia”. Porque ese desventurado país acumula xa unha historia de golpes de estado e desgracias incontables, tanto antes como despois da súa independencia en 1960. Aínda que está situado no centro de África, case temos dificultades para ben situalo no mapa. Limita ó norte co Chad, ó nordés con Sudán, e polo sur co Congo e Camerún. Ten uns 620.000 km2 e uns 4,4 millóns de habitantes, con uns 80 grupos étnicos dos que o 99,5% son negros e un 0,5% brancos. Os idiomas oficiais son o Sango e o Francés. No eido da Relixión, 50% son cristiáns, 15% islamitas e 35% de crenzas indíxenas. Hai un 49% de Analfabetos. A esperanza de vida é de 43,7 anos, e están infestados de sida un 13,5%. O país foi colonia francesa ata a súa independencia en 1960. Centroafrica é un dos países máis pobres do mundo, a pesar de ter recursos de petróleo, uranio, ouro, diamantes e abundante enerxía hidráulica dos ríos Ubangui e Chari.

Unha cadea de golpes de estado, e agora con rumbo á democracia.

O eixe dos conflitos permanentes deste pobre país estivo nos constantes golpes de estado. Desde a primeira semi-independencia en 1958, liderada polo fundador do estado, Barthélemy Boganda, que finou ó pouco tempo nun sospeitoso accidente de aviación, comezou a sucesiva cadea de golpes de estado. David Dacko sucedeu ó fundador Boganda e ocupou a presidencia por primeira vez desde 1960 a 1966; mais en xaneiro desde último ano deu un golpe de estado o famoso Jean-Bédel Bokassa, primo de Dacko, que ocupou a presidencia como ditador militar desde 1966 a 1976 e logo seguiu como autoproclamado emperador centroafricano ata o 20 de setembro de 1979, data en que foi derrocado coa axuda dos paracaidistas franceses; e volveu á presidencia David Dacko. A entronización como emperador de Bokassa, ó estilo Napoleón, foi un bochorno para Francia que acabou quitando da presidencia o extravagante emperador.

Seguindo coa restra de golpes de estado, David Dacko foi derrotado en 1981 polo xeneral André Colingba que suspendeu a Constitución e gobernou cunha xunta militar ata 1986 , data en que houbo unha nova Constitución e un referendo nacional; logo gobernou ata outubro de 1993 e cedeu o poder a Ange-Felix Patassé nunhas eleccións democráticas; e este gobernou ata 1999. Patassé reelixido presidente para un segundo mandato, foi derrocado nun golpe de estado polo xeneral François Bozizé en 2003. Este militar celebrou unhas eleccións amañadas en 2005, proclamándose presidente na segunda volta das eleccións; e no ano 2011 gañou a Presidencia noutras eleccións, e desta vez foi recoñecido como Presidente pola comunidade internacional e pola ONU. En 2013 a coalición insurxente Seleka, formada por musulmáns, tomou o Palacio Presidencial e o presidente Bozizé fuxiu a República Democrática do Congo. Tras ese golpe de estado en marzo de 213, Michel Djotodia ocupou a presidencia do país; e despois duns acordos de paz foi nomeado viceprimeiro ministro, cargo do que renunciou en xaneiro de 2014 por incapacidade para acabar coa guerra civil. Alexandre-Ferdinand Nguendet ocupou provisionalmente a Presidencia ata que o Consello Nacional de Transición elixiu un novo mandatario; e a elección recaeu na alcaldesa da capital, Catherine Samba-Panza que actualmente segue no cargo como Presidenta. Todos estes últimos pasos dun proceso de democratización déronse baixo a tutela da Comunidade Internacional e da ONU.

Unha convivencia desgarrada entre cristiáns e musulmáns

Este breve percorrido pola vida política da República Centroafricana xa nos da unha idea de como foi e segue sendo a vida nese país. Mais a maior desgracia segue estando no problema da convivencia entre cristiáns e musulmáns, que xa en moitos casos derivou en violencia extrema. O sacerdote, profesor de historia e mediador neste conflito, Angelo Romano, preséntanos no libro “A condición dos cristiáns no mundo” unha breve síntese da historia social e relixiosa deste país:

Centroafrica foi sempre un país refuxio por onde pasaban as caravanas de escravistas do Sudán e de Darfour. Foi colonia francesa co nome de Ubangui-Chari por referencia ós dous ríos principais do país; e converteuse nunha reserva de materias primas e manobra en situación de seme escravitude. Na primeira guerra mundial estiveron do lado de Francia e na 2ª puxéronse do lado de De Gaulle.

A evanxelización do país comezou en 1890 coa chegada de misioneiros de diversas confesións cristiáns que crearon unha rede de comunidades locais; e tamén subsistiu un 10% de musulmáns que hoxe son un 15% da poboación.

O fundador do país, o sacerdote Barthélemy Boganda, soñaba coa Unión de toda a rexión formada por Centroafrica, Chad, Congo e Gabón; mais ese proxecto non tivo continuidade e acabaron formándose uns países fragmentados e débiles.

A partir da primavera árabe apareceron grupos de rebeldes que desde os países limítrofes penetraron na República Centroafricana e apoiaron a milicia Seleka dos musulmáns. Seleka significa Alianza ou coalición de varios grupos políticos que en 2013 deron un golpe de estado e puxeron na presidencia a Michel Djotodia. Fronte ós Seleka apareceu en escena a milicia dos chamados Anti-Balaka que literalmente significa ante-machete. Este últimos, era un grupo organizado en 2009 para defenderse dos salteadores das vías de comunicación; era unha milicia composta por cristiáns, animistas e incluso musulmáns. Tanto os Seleka coma os Anti-Balaka cometeron crimes horrorosos, uns contra os cristiáns e outros contra os musulmáns.

Os conflitos en Centroafrica son multidimensionais, internos e externos, políticos e relixiosos. Alguén busca reducir a presencia cristiá e unha expansión musulmán? Alguén quere controlar o lugar dos diamantes? Alguén busca unha expansión xeopolítica? Está o odio atizado polos políticos? Todas estas preguntas teñen sentido, mais non aínda unha resposta precisa.
Despois da intervención de Francia en 2013 e das forzas da ONU en 2014, hai posibilidades de que a violencia dos bandos vaia minguando e incluso desaparecendo. O presidente Michel Djotodia, posto polos Seleka musulmáns, dimitiu no ano 2014; e o Consello Nacional de Transición nomeou presidenta a Catherine Samba-Panza, de confesión cristiá, que era alcaldesa de Bangui capital do país. Nas eleccións de 2015 obtivo na segunda volta 75 votos fronte ós 53 do seu opoñente, Desiré Colingba. Esta avogada formada en Francia, despois da súa elección, chamou ós ex-Seleka e ós Antibalaka a que depuxeran as armas; mais non todos aceptaron as propostas dun acordo.

Este era o escenario cando o recen pasado mes de novembro o Papa chegou a este país centroafricano e a súa capital Bangui. Pediulles a todos que por riba de todo buscasen a paz. Foi en persoa a gran Mesquita da capital a rezar e verse cos dirixentes da comunidade musulmán. Ó parecer a súa visita e discursos tiveron unha gran repercusión en tódolos grupos e poboación do país.

Unha vez máis aparece o movemento dunhas minorías fanatizadas e violentas que van rompendo a boa veciñanza e convivencia da xente do común. Ese fenómeno xa o vimos en Iraq, en Siria e en Exipto. En determinadas circunstancias, será esta unha lei universal?
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES