Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Poder Mediático

viernes, 11 de diciembre de 2015
O Poder Meditico Vivimos nun tempo no que aquel que non estea nos medios de difusión, xa sexa prensa escrita ou audiovisual, non ten moito que facer á hora de darse a coñecer, e non digamos nada se non estás na rede chamada eufemisticamente social. Se non figuras en twiter ou Facebbok ou non tes blog ou páxina web é que non existes. E isto o saben ben os políticos que aspiran a facer carreira nisto de prometer e non dar. Achéganse as eleccións e na medida en que nos aproximamos a elas vemos como os líderes dos partidos perden o cu por ir aos programas de TV máis faranduleiros con tal de ocupar minutos na pantalla por que son eses programas precisamente os que máis audiencia teñen, e a min que quer que lles diga, non me parece serio porque creo que o máis importante dun candidato que aspira a acadar responsabilidades de goberno é precisamente o programa que defende, as solucións que propón diante de tanto despropósito que vemos por aí. Impórtame un pito si ao personaxe lle gusta xogar ao baloncesto, ten unha nena que se lle parece ou practica footing, si toca o piano ou a bandurra ou si é do Madrid ou do Barcelona Non creo que acaden máis votos se se marcan un baile ou preparan un zume na cociña da casa do desmemoriado Bertín Osborne.

Os mitins ocupan xa un segundo plano: so serven para darse un baño de multitudes arroupados polos seareiros e para saír ao día seguinte nos xornais. A fórmula que impera hoxe é a dos debates e se poden ser por TV e internet moito mellor. Hai que ir cos tempos que corren, pero cando un esperaba que efectivamente tiveran lugar debates importantes, neses onde se confrontan programas e se defenden posturas para levalos a cabo, resulta que o presidente de Goberno, candidato a reelección, fuxe deles como gato escaldado. Rajoy non quere debater a catro bandas porque quizais sospeita que vai perder relevancia ou que lle van dar un repaso monumental. Seguramente prefire saír na foto máis tempo e enfrontarse solo a Pedro Sánchez apostando descaradamente por ese bipartidismo que agora esmorece. Pablo Casado, ese rapaz que semella saído doutro tempo, dixo que o non ir ao debate organizado por Atresmedia débese ao apertado da axenda, e nós imos e nolo cremos. Non ten tempo, pero si o ten para estar o mércores pasado nun programa da COPE falando de fútbol, da Champions, e tamén a axenda se flexibiliza para ir falar dos “problemas de España” con Bertín Osborne En tu casa o en la mía, a dese señorito andaluz metido a cantante de rancheiras que un día manifestou que a el lle fusilaran a sete tíos en Paracuellos e que si el foi quen de esquecer, tamén o poden facer os demais ( sic). Asombra como a xente pode ser tan esquecediza. Din, e imaxino que será certo, que TVE lle prohibiu invitar a Pablo Iglesias, que por certo tamén se prolifera bastante, como Albert Rivera, polos programas de máxima audiencia, e dicir: os menos serios. Pero éche o poder mediático, o poderoso influxo da TV e a repercusión que esta ten na maioría dos espectadores, a que fai crer aos directores de campaña dos candidatos que compiten nestas próximas eleccións que saíndo aí, facendo un pouco o parvo e o desinhibido, poden acadar unha morea de votos dos indecisos, dos que lles importa máis que Rajoy sexa do Real Madrid e lea o Marca que o fondo da cuestión.

Preparémonos logo para o que está por vir, dispoñámonos a ver aos candidatos falando de todo por TV menos de política, desa ciencia que tanto adoece hoxe de científicos competentes. Polo menos iso é o que transluce.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES