Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aspectos sobre o Corpus e as alfombras florais na provincia de Lugo (II)

viernes, 01 de septiembre de 2006
I. ALFOMBRAS FLORAIS VINCULADAS Á FESTIVIDADE DO CORPUS

1.- A FONSAGRADA

Nesta vila, as alfombras florais comezaron a realizarse hai uns dez anos. Ó principio, algunhas pequenas da localidade ían botando espadanas e flores nas rúas, polas que ía pasa-la procesión do Santísimo. Anos despois, algunhas mulleres da vila empezaron a realiza-las alfombras florais, sendo Dª María Luz Fernández a coordinadora deste labor. Teñen unha influencia, segundo comentarios dalgúns veciños da vila, das que se fan na mariña, e preferentemente das da vila asturiana de Figueras. Nos preparativos e na súa elaboración hai que distinguir unha serie de fases:
1ª fase.- Desde hai uns tres anos, algúns veciños da vila levan a cabo reunións periódicas na casa do concello, onde organizan o traballo en grupos.
2ª fase.- Unha semana antes da festividade do Corpus, un bo número de veciños da localidade recollen flores de xestas, margaridas, rosas, plantas do S. Xoán, follas de mirto, area, pousos de café, e serraduras, que tinguen de diferentes cores.
3ª fase.- Faise unha selección daqueles materiais, que se van empregar.
4ª fase.- Na madrugada do día do Corpus, desde as catro da mañá ata as oito ou nove, máis de cen veciños da vila, distribuídos en grupos, elaboran diferentes alfombras florais. Para este labor, dispoñen, desde hai algúns anos, duns modelos que lles permiten face-lo traballo con máis precisión, aínda que hai persoas como Xabier de Amador, Víctor o Pintor, e Amador de Laureano, entre outras, que seguen facendo os debuxos directamente na rúa. No ano 1998 realizáronse nesta vila seis alfombras florais, que tiñan unha superficie de máis de douscentos cincuenta metros cadrados. Os seus motivos variaban desde grecas, de cores diferentes, ata temas florais, zoomorfos, relixiosos, etc... Unha delas simbolizaba un pequeno altar, que presentaba os seguintes elementos: motivos florais no centro, xeométricos nos seus extremos, o símbolo da cruz, ornado con pétalos de cor vermella, e as siglas de Jesucristo (JHS) con pétalos de cor branca. Outra representaba un copón decorado con area, serraduras tinguidas de cor escura e pétalos de cores branca e vermella (25).
No ano 1999, coincidindo co Ano Santo Compostelán, fixéronse tamén varias alfombras florais. A máis significativa foi a que representaba o camiño primitivo, que constaba de tres elementos:
1º.- A espada do apóstolo Santiago adornada con caraveis, rosas e sabugueiro.
2º.- O camiño primitivo ó seu paso polas seguintes localidades do concello da Fonsagrada: O Acebo, Cabreira, Fonfría, Barbeitos, Silvela, Paradanova, A Fonsagrada, O Padrón, Puebla de Burón, Xestoso, Pico do Hospital, Hospital e Paradavella. Foi ornado con area e serraduras tinguidas de marrón escuro; os seus extremos foron decorados con grecas e rosas de cor branca.
3º.- Ó remate do camiño, a cruz de Santiago enfeitada con flores de sabugueiro e sanxoáns (milicroques).
O resto das alfombras representaban motivos diferentes, desde grecas, decoradas con pétalos de distintas cores, ata motivos florais, relixiosos, zoomorfos etc. Entre os relixiosos distinguimos preferentemente dous: A.- Un copón decorado con area, serraduras tinguidas de marrón escuro e normais. Na parte superior tiña as siglas de Xesucristo (JHS), ornadas con pétalos de cor vermella. B.- Preto da igrexa, construíuse un altar, decorado no chan con motivos florais, grecas, enfeitadas con flor de xesta, e unha custodia, que tiña un anxo a ámbolos dous lados. Tanto a custodia como os dous anxos estaban ornados con flor de xesta e con outras flores de cores branca, rosa e vermella (26).
As alfombras florais cubrían o percorrido da procesión do Santísimo, que incluía as seguintes rúas: avda. de Galicia, praza de España, parte da rúa Maior e Rosalía de Castro. Na procesión, interviñan os seguintes elementos: tres fregueses da vila, levando o crucifixo e dúas lámpadas; algúns pequenos, que fixeron a primeira comuñón; o Santísimo levado por un crego nunha custodia e baixo palio; outros cregos concelebrantes da misa do Corpus e algúns devotos en xeral.

2.- SARRIA
No ano 1996, as confrarías do Santo Enterro e da Soidade comezaron a planifica-la elaboración dalgunhas alfombras florais na vila. A coordinación das tarefas estivo a cargo da profesora Dª Violeta Bernardo, que contou co asesoramento dalgunhas persoas da vila pontevedresa de Ponteareas. Na súa preparación e realización hai que distinguir, como na localidade da Fonsagrada, varias fases claramente ligadas entre si. En primeiro lugar, algúns veciños da vila recollen, con bastantes días de antelación, materiais básicos: flores, de variados tipos, follas de mirto, xestas, serraduras, pousos do café etc.; nesta fase participan non só algunhas mulleres da vila, senón tamén da súa zona rural que envían flores dos seus xardíns; tamén colaboran algúns colexios da localidade. Logo un grupo de mulleres da vila traballa na igrexa do Rosario ou na casa do Marqués, facendo unha selección das flores, atendendo ó seu tamaño e cor, así como das follas de mirto e outros materiais de tipo vexetal. Finalmente, o sábado anterior ó Corpus, un relevante número de veciños da vila, de tódalas idades e sexos, realizan, desde as nove ou dez da noite ata as catro da mañá, varias alfombras florais entre a igrexa do Salvador e a de Sta. Mariña.
No ano 1997, as fortes treboadas caídas naqueles días motivaron que houbese que pintar dúas veces as guías ou modelos para a colocación das flores. Nese ano as alfombras florais, situadas na rúa Maior, cubriron unha extensión de trescentos metros cadrados. Pola contra, no ano 1998, cubriron unha superficie de catrocentos metros cadrados. Neste último ano, houbo que distinguir cinco tipos de alfombras florais:
1ª.- Unha alfombra floral, situada entre a igrexa do Salvador e a de Sta. Mariña, composta de motivos florais de cores amarela, branca, rosa, verde e vermella, nunha sucesión alternante co céspede e cadrados de flores de cores branca, rosa e vermella.
2ª.- Na praciña do Salvador, unha alfombra, representando motivos de tipo xeométrico, ornados con pétalos de cores branca e vermella.
3ª.- Ó carón da praciña do Salvador, unha alfombra, representando unha custodia, decorada con pétalos de cores amarela, branca e negra. No centro da custodia, unha cruz e as siglas "JHS" de cor negra. Ó redor da custodia, unha representación de pombas, decoradas con pétalos de cor branca, o céspede e unha sucesión alternante de motivos florais e xeométricos nos extremos da alfombra, adornados con pétalos de cores branca e vermella.
4ª.- Unha alfombra floral, situada na praza da Constitución, na que se indicaba o nome da vila e a data do evento en cor negra. Nos extremos da alfombra, unha serie de grecas, decoradas con pétalos de cores amarela e branca.
5ª.- Fronte á igrexa da Sta. Mariña, unha alfombra, simbolizando o rostro de Cristo, ornado con pétalos de cores amarela e branca. Ó redor da figura, círculos de cor amarela. Logo céspede e unha sucesión alternante de motivos florais e xeométricos nos extremos da alfombra, decorados con flores de cores amarela, branca e vermella.
No ano 1999, coincidindo co Ano Santo Compostelán, tamén houbo que distinguir cinco modelos de alfombras florais, que cubriron unha superficie aproximada de catrocentos metros cadrados. Estas distribuíronse do seguinte xeito:
1ª.- Entre a igrexa do Salvador e a de Sta. Mariña, unha alfombra floral, constituída por dezaseis peregrinos en alternancia con outros tantos lazos da amizade. Os peregrinos estaban decorados con serraduras tinguidas de cor marrón escura, borras de café e labras. Os lazos da amizade de pétalos de cores vermella, branca e amarela. O resto da alfombra amosaba herbas e follas de mirto.
2ª.- Fronte á igrexa do Salvador, unha alfombra floral, que representaba un rosetón, adornado con pétalos de cores branca, rosa e vermella.
3ª.- Ó carón da igrexa do Salvador, unha alfombra floral, composta dos seguintes elementos: un copón e dous anxos no interior dunha especie de mandorla (27). No resto da alfombra había un debuxo xeométrico, que se repetía ó longo da mesma. Na súa elaboración utilizáronse os seguintes materiais: serraduras tinguidas de cor amarela, labras de cor branca, margaridas brancas, borras de café, pétalos de cor vermella e follas de mirto (28).
4ª.- Unha alfombra floral, situada na praza da Constitución, na que se facía referencia, con pétalos de cor vermella, ó nome da vila e a data do evento. Nos seus extremos había catro vieiras, enfeitadas con margaridas de cor branca.
5ª.- Fronte á igrexa da Sta. Mariña, unha alfombra floral, formada polos seguintes elementos: unha representación de Cristo no interior dunha mandorla, rodeada de vintedúas vieiras. Nos seus extremos catro figuras xeométricas similares. Na súa feitura foron usadas as seguintes substancias: serraduras tinguidas de varias cores, labras de cor branca, margaridas brancas, pétalos de cor vermella e follas de mirto.
O día do Corpus a procesión percorre o espacio comprendido entre ámbalas dúas igrexas, volvendo ó seu punto de partida. A disposición dos seus elementos e moi similar á da Fonsagrada.
Noutras vilas da provincia, algúns veciños realizan na véspera ou madrugada do Corpus algunha alfombra floral ó carón do cruceiro da praza, como acontece en Monforte, onde os veciños do barrio do S. Antón cobren unha extensión duns sesenta metros cadrados, ou elabóranas nos accesos á igrexa parroquial, como é o caso da vila de Chantada, onde no ano 1998 construíron unha alfombra, que constaba dos seguintes elementos: unha custodia, un cáliz, unha hostia, unha pomba e diversidade de grecas; os materiais utilizados foron serraduras e pétalos de cores branca, rosa e vermella.
Hai anos, os veciños de Triacastela botaban polas rúas espadanas, fiúncho e flores, de cores variadas, para o paso da procesión do Santísimo, que chegaba ata a "Casa de Pardo", situada no campo da Feira, onde fora construído un altar cheo de flores; alí a procesión detíase un intre e logo voltaba á igrexa parroquial.

II.- ALFOMBRAS FLORAIS LIGADAS Á FESTIVIDADE DO CARME

1.- BURELA
Hai uns oito anos que comezaron a realizarse unha serie de alfombras florais con motivo das festas do Carme de principios de xuño. Con anterioridade, algúns veciños da vila facían ó carón das súas casas algunhas alfombras pequenas. Na actualidade a realización das alfombras require unha organización, que recae nun pequeno grupo de veciños da localidade, coordinados por Dª Anxeles Santalla Fernández, sendo apoiados neste labor por bastantes persoas da vila. Os preparativos comezan con dous meses de antelación, período no que se levan a cabo varias reunións para elixi-los diferentes debuxos das alfombras, elabora-los patróns ou modelos -primeiro sobre papel e logo en cartón-, realizar copias, repartilas entre aquelas persoas, que se van responsabilizar de cada unha delas, escolle-las cores, que van leva-los diferentes debuxos etc… Varios días antes da festividade grupos de veciños da vila proceden a recoller diferentes flores, herbas, follas de mirto, serraduras, labras, pousos de café etc. A véspera do día principal das festas é cando se leva a cabo a elaboración das distintas alfombras, que cobren o traxecto desde a igrexa parroquial ata o porto pesqueiro.
No ano 1999, con motivo do Ano Santo Compostelán, as alfombras florais de Burela estiveron adornadas cos seguintes motivos:
1º.- A Virxe do Carme, representando a unha peregrina, que realizaba o camiño de Santiago.
2º.- O escudo de Burela, situado ó carón da igrexa parroquial, onde comezan as alfombras florais. Logo, nos cruces da rúas, amosábanse os escudos de Abadín, Alfoz, Arzúa, Ferreira do Valadouro, Mondoñedo, Vilalba e os nomes das vilas de Melide e Sobrado dos Monxes. Tratábase de vilas galegas relacionadas co camiño Norte de Santiago.
3º.- Unha serie de elementos ligados directamente coa peregrinación: a vieira, o Santiago Peregrino, o bastón coa cabaza, o botafumeiro, unha ponte sobre un río, unha imaxe de Santiago a cabalo, un peregrino andando, etc...
4º.- Algúns elementos vinculados coa natureza: cogomelos, espigas de trigo, flores silvestres, uvas etc.
5º.- Finalmente, no porto pesqueiro da localidade, fíxose a catedral de Santiago e o mosteiro do S. Martín Pinario (29).
Na elaboración das alfombras empregáronse diferentes materiais: rosas de distintas cores, hortensias, margaridas, milicroques e outras flores silvestres, ciprés picado e outras herbas, serraduras tinguidas de varias cores, pousos de café -bordes das figuras-, restos de caolín, sementes de cabaza, lentellas tinguidas de dourado -escudo de Mondoñedo- etc…

2.- FOZ
Nesta vila lévanse a cabo unhas importantes alfombras florais desde o ano 1981 con motivo da festividade da Virxe do Carme, que se celebra o 16 de xullo. "De uns años a esta parte, las calles por las que transcurre la misma se cubren de artísticas alfombras" (30). Estas comezaron a realizarse na rúa do mar e ó ano seguinte na rúa do Xesús Nazareno, ámbalas dúas situadas no barrio mariñeiro. Para a súa elaboración é mester unha planificación axeitada, levada a cabo por un grupo de veciños da vila, que deciden os motivos decorativos, que van leva-las alfombras, con bastantes días de antelación á festividade (31).
Logo dispoñen os diferentes modelos nos que se van reflecti-los distintos motivos propostos. Finalmente algúns días antes da festividade, persoas de tódalas idades da vila, incluídas un bo número de veraneantes, buscan flores e plantas de diversa índole: rosas, margaridas, milicroques, hortensias, ciprés, espadanas... e outros materiais diversos: serraduras tinguidas de varias cores, area, pousos de café...Todo este material gárdase ata a noite do día 15, que é cando se confeccionan as diferentes alfombras florais, labor que remata ó mencer. Ó mediodía sae en procesión a imaxe da Virxe do Carme, levada en andas por pescadores da localidade, que percorren varias das súas rúas, pasando un ano pola rúa do mar e ó seguinte pola de Xesús Nazareno -ámbalas dúas, como dixemos, no barrio mariñeiro-. A procesión detense na praza dos Condes de Fontao, onde se reza un responso polos doce pescadores mortos no naufraxio do barco da vila "O Xesús Nazareno", que tivo lugar no ano 1945; logo do responso bótase ó mar un ramo de flores como ofrenda. "En la dársena del puerto, se realiza la ofrenda floral a los náufragos, ceremonia de gran emoción, al tiempo que se canta la Salve Marinera" (32). Outra parada lévase a cabo na Cofradía de Pescadores, onde se canta a Salve mariñeira, ritual que se volve a executar no interior da igrexa parroquial (33).
Os motivos das alfombras son moi variados. No ano 1992 referíronse ó descubrimento de América. No 1995 ó naufraxio do barco de Foz "O Xesús Nazareno". Nos anos 1993 e 1999, con motivo dos Anos Santos Composteláns, houbo diversidade de temas xacobeos: o bordón e a cabaza, a vieira, Santiago peregrino etc…

BIBLIOGRAFÍA
25.- Dª María Luz Fernández, informante da Fonsagrada.
26.- Dª Alicia Arias Rodil, informante da Fonsagrada.
27.- A mandorla é unha auréola mística, en forma de amendoa, que envolve a Cristo ou á Virxe en maxestade na iconografía artística medieval.
28.- Dª Elvira Vila, informante da vila de Sarria.
29.- Dª Ánxeles Santalla Fernández, informante da vila de Burela.
30.- FERNÁNDEZ, Suso.: Foz. Un lugar de ensueño, Everest, León, 1991, páx. 63.
31.- NIÑÉ FERNÁNDEZ, Antón.: Alfombras para a Virxe do Carmen, Foz, 1993.
32.- FERNÂNDEZ, Suso.: Ob. cit., páx. 63.
33.- NIÑÉ FERNÂNDEZ, Antón.: Ob. cit.

O mapa foi realizado polo delineante José Cancio Fernández e as fotos por ámbolos dous autores.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania