Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aspectos sobre o Corpus e as alfombras florais na provincia de Lugo (I)

viernes, 01 de septiembre de 2006
Autores.- José Manuel Blanco Prado y Carmen Montes Prado.

PUBLICACIÓN.- REV. LUCUS, Nº 46, 2002, páxs 64-73.

O Corpus celébrase en toda a igrexa como un acto de homaxe e veneración a Cristo, presente na Eucaristía. Con respecto ós seus orixes temos referencia que desde o século V tiña lugar unha festa do "Natalis Calicis" o 24 de marzo. Mais como coincidía co tempo da Paixón viuse como máis conveniente trasladar a súa celebración, como queda reflectido na bula Transiturus, que data do 8 de setembro de 1264 (1). Na instauración da festa nova influíu a devoción ó Sacramento da beata Xuliana (1193-1258) na diócese de Liexa (Bélxica), onde comezou a celebrala o bispo Roberto Thorete no ano 1246. Logo foi instituída polo papa Urbano IV no ano 1264, fixando o carácter xeral da festa e a súa data sesenta días despois da Pascua. A súa morte non hai interese en fomentala ata que o papa Clemente V dispuxo a súa celebración no concilio de Viena (1311). O papa Xoán XXII engádelle a procesión no ano 1317. A partir desta data os pontífices impulsaron a festividade con indulxencias. Posteriormente, a mediados do século XVI, celébrase o Concilio de Trento onde se declara que o costume introducido pola igrexa de conmemorar con veneración un día festivo ó Sacramento é moi pía e relixiosa. Ademais o regocixo dos fieis debe servir para que os herexes teñan envexa e vergoña, provocando a súa volta á fe."Declarat praeterea sancta Synodus, pie et religiose admodum in Dei Ecclesiam inductum fuisse hunc morem, ut singulis annis peculiari quodam et festo die praecelsum hoc et venerabile sacramentum singulari veneratione ac solemnitate celebraretur, utque in processionibus reverenter et honorifice illud per vías et loca pública circumferretur. Antiquissimum est enim, sacros aliquos statutos esse dies, cum Christiani omnes singulari ac rara quadam significatione gratos et memores testentur animos era commumen Dominum et Redemptorem pro tan ineffabili et plane divino beneficio, quo mortis eius victoria et triunphus repraesentatur. Atque sic quidem oportuit victricem veritatem de mendacio et haeresi triunphum agere ut eius adversarii, in conspectu tanti splendoris et in tanta universae Ecclesiae laetitia positi, vel deabilitati et fracti tavescant, vel pudore affecti et confusi aliquando resipiscant" (2).

Esta festividade introdúxose en España no século XIV, sendo Barcelona a primeira cidade onde se celebrou no ano 1319, logo en Vich (1330) e Valencia (1355). En Galicia as testemuñas da súa celebración son do século XIV e XV. "As primeiras noticias de Puga Brau referentes a Allariz son do século XIV e nun documento do 27 de maio de 1437, transcrito por Ferro Couselo, ordéase ás Cofradías de Ourense como debían de andar no día do Corpo de Deus" (3). Hai pensadores como Vicente Risco para quen a celebración do Corpus en Galicia no vai mais alá do século XVI. Tratábase dunha festa cívico-relixiosa, na que tiñan moito interese os concellos e na que interviñan o clero, os gremios e maila nobreza (4). Esta solemnidade adquiriu importancia no século XVI co arcebispo de Santiago Gaspar de Zúñiga e Avellaneda, quen publicou unha Pastoral na que dicía: "Considerando ser necesario conforme a los Sagrados Concilios, razón e buena costumbre que el Sanctisimo Sacramento esté perpetuamente en el reliquario, e cuanto daño e peligro de las ánimas se sigue de lo contrario, no sin grave tristeza hemos sido informados que en muchas yglesias de nuestro Arçobispado no ay Sacramento, e donde lo ay no está con la limpieza, la decencia e la honorificación que a tan alto Señor se debe. Por tanto, queriendo proveer de rremedio, nos a parecido ser cosa conveniente ordenar una Cofradía del Santísimo en todo nuestro Arçobispado, como la instituyó nuestro muy sancto padre Paulo tercio en Roma e exorta encarecidamente se instituya en toda la Christiandad, e concede innumerables indulgencias e perdones a todos los confrades de la dicha Cofradía, como parece por su Bula; la qual mandamos imprimir juntamente con las reglas que han de guardar los dichos cofrades; e exortamos e mandamos a todos los Rectores, curas e sus tenientes hagan leer muchas veces esta bula en sus feligresías, no dexen de ayudar a tan sancta obra e ganar tantas indulgencias e perdones... (5).
Desde o século XVI en adiante a festividade do Corpus soia consistir no seguinte: "A mañá a Procesión, na que figuraban todalas Irmandades piadosas e todolos Gremios, levando as imaxes dos seus santos patronos e cada unha coa súa comparsa de danzantes e figurantes, e dediante ou no medio os Xigantós, chamados en Galiza Cocas, Almazonas ou Pantasmas" (6).
Despois da procesión ou noutro intre do día tiña lugar a representación de autos sacramentais nun lugar sacro, como a catedral, ou profano, como a praza. Se o auto celebrábase pola maña, os seus personaxes ían normalmente na procesión, vestidos para realizar a representación.
Na actualidade segue habendo determinadas manifestacións do Corpus que é mester sinalar. Na cidade de Lugo, aparte de celebrarse a procesión, que percorre as súas principais rúas, segue habendo o costume de que ó domingo seguinte acuda unha representación de cada un dos sete concellos, que constituíron o antigo Reino de Galicia, presidida polo seu alcalde. Tódolos alcaldes, segundo o seu torno anual, levan a cabo a ofrenda do Reino de Galicia a Xesús Sacramentado; esta ofrenda data do ano 1669 por decisión da Xunta do Reino (7).
Outros importantes restos do antigo Corpus encontrámolos noutras vilas galegas, como Redondela (Pontevedra), Allariz (Ourense), Betanzos (A Coruña) etc... En Redondela aínda se conserva a Coca, as Penlas e a Danza de Espadas. A Coca é unha figura, que simboliza a un dragón de témera cara, gran boca e dentes de madeira; tiran por ela dous cintulos que venden copras humorísticas (8). Este dragón está composto de partes de cobra, crocodilo e de aguia, que son os depredadores máis perigosos dos tres medios naturais; terra, auga e aire (9).
Trátase dunha representación plástica do demo que é vencido e dominado por Deus. As Penlas son dúas nenas moi ben adobiadas con roupas brancas e con pequenas ás, que bailan na procesión, apoiadas non ombreiros de dúas mulleres ("as burras"); a súa orixe é anterior ó Corpus, conservándose documentación delas noutras localidades como Santiago de Compostela, Pontevedra, Baiona, etc… (10). A danza de espadas é levada a cabo por danzaríns, que visten con roupas brancas no transcurso da procesión, executando figuras coreográficas, que representan cruces, estrelas etc...(11)
En Betanzos a Coca desapareceu a causa de que o rei Carlos III prohibiuna o 20 de febreiro de 1777, máis rexurdiu hai algúns anos, saíndo unicamente na festividade do S. Roque, que se celebra a mediados do mes de Agosto (12). A primeira Coca galega da que temos documentación é a de Ourense, que saía a finais da primeira metade do século XV. Hóuboas tamén nas cidades de Pontevedra, Santiago de Compostela, a Coruña etc. Fora de Galicia aínda sae en Granada, Berga (Barcelona), Jaén, Tortosa etc… (13).
En Allariz (Ourense) aínda pervive a tradición da "festa do boi". Segundo Vicente Risco "o víspora e mailo día de Corpus, corren por todalas rúas da vila un boi bravo, atado polos cornos cun sedeño moi longo, que levan agarrado varios homes, os cuales déixano correr ou turran dil,asegún conveña" (14). Tamén nesta vila ourensán realizan bonecos de palla, que simbolizan a Xan de Arzúa. Este personaxe, segundo a tradición local, foi na súa orixe un cristián, que subido enriba dun touro bravo, tentou espantar ós xudeus que presenciaban a procesión dunha maneira irreverente (15). Este costume presente en diferentes lugares de España representa para algúns pensadores unha pervivencia de ritos agrarios (16). Segundo outros a evocación ritual dun que simboliza a forza e a valentía da natureza, mais que se ve dominado polos homes nun acto de afirmación da cultura sobre a forza bruta (17).
A festividade do Corpus está moi vinculada ó emprego de flores e outros vexetais na procesión do Santísimo, que percorre baixo palio as principais rúas das cidades e vilas galegas, así como o perímetro de moitas igrexas parroquiais. Desde hai moitos anos os veciños de bastantes entidades de poboación enfeitan as súas rúas con espadanas, fiúncho, flores etc… Algúns, desde os balcóns das súas casas, botan por riba da custodia, na que vai o Santísimo, flores de diferentes cores. Ó rematar a procesión, algúns devotos recollen flores e outros vexetais e lévanos para as súas casas cunha finalidade profiláctica. "No hay una sola parroquia que no tenga su custodia de plata dorada para hacer el recorrido procesional con el Señor bajo palio y con todo el camino cubierto de rosas, flores, hierbas etc. Hierbas y flores que los vecinos recogían y llevaban a sus casas, una vez que había pasado el Santísimo" (18). "A xente cobre de flores e de ramas os camiños por onde vai pasa-la procesión; mesmo se botan espigas de trigo ou centeo no camiño..."(19). "En Arzúa, despois de pasa-la procesión...a xente recolle os ramallos e flores, sacralizados polo Santísimo, para utilizalos como defensa simbólica contra o mal" (20). Nalgunhas freguesías do municipio de Begonte, como Damil e Felmil...colócanse ó redor das igrexas un considerable número de espadanas. Estas quedan sacralizadas cando pasa o Santísimo, o que motiva que un importante número de fregueses destas comunidades, ó rematar a procesión, adoiten levar algunhas para as súas casas coa finalidade de protexer a facenda (21). Tanto o fiúncho como as espadanas son vexetais non exclusivos de Galicia, senón que se empregan tamén nas procesións do Corpus de Granada, Toledo, Valencia, etc… (22)
Con respecto as alfombras florais é digna de mención, fora de España, a da l'infiorata de Genzamo (Roma), e a nivel do estado español hai que distinguir as da Orotava (Tenerife) e Sigtes (Barcelona) (23). En Galicia teñen moita sona as de Ares (A Coruña), Redondela e Ponteareas (Pontevedra). Estas últimas comezaron a realizarse sobre o ano 1850 na rúa de Abaixo, empregando serraduras tinguidas."Hoxe os veciños armana por barrios, comenzando quince días enantes a apañar fiúncho e retamas de buxo pra perfiar os dibuxos. Nas vísperas do Corpus recóllense as frores, desfollándoas e poñendo en cestos distintos cada coor. Colócase na rúa una plantilla de cartón, feita por un diseñador local e o dibuxo rechéase con axeitada combinación de coores..." (24). Nestas alfombras florais emprégase unha gran variedade de flores e outros materiais vexetais, que permiten realizar importantes grecas, escudos, paxaros e debuxos alegóricos. Foron declaradas de interese turístico nacional no ano 1968, debido a que constitúen unha verdadeira obra de arte.
Na provincia de Lugo imos distinguir unha serie de alfombras florais ligadas ás festividades do Corpus e do Carme.

BIBLIOGRAFÍA
1.- CARO BAROJA, Julio.: El estío festivo, Ed. Taurus, Madrid, 1984, páx. 52.
2.- CACHEDA VIGIDE, Eduardo-Aurelio.: La Religiosidad Popular en Galicia. El Municipio de Arzúa, Edicións e Deseño, Santiago, 1991, páx. 147.
3.- TABOADA CHIVITE, Xesús.: Etnografía Galega. Cultura Espritual, Galaxia, 1972, páx. 70.
4.- RISCO, Vicente.: " Etnografía. Cultura espiritual", en Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo, t.I, Akal, Madrid, 1979, páx. 665.
5.-FRAGUAS FRAGUAS, Antonio.: Palabra "Corpus",
G. Enciclopedia Gallega, t. VII, Silverio Cañada, Gijón, páx. 160.
6.- RISCO, Vicente.: Ob. cit., páx. 665.
7.- GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. Guía de Festas populares de Galicia, Galaxia, Vigo, 1997, p.65.
8.- TABOADA CHIVITE, Xesús. Etnografía Galega. Cultura Espritual, Galaxia,Vigo 1972. p. 71.
9.- MARIÑO FERRO, X.R.: Antropoloxía de Galicia, Xerais, Vigo, 2000, páx. 484.
10.- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio.: As Festas Cíclicas do Ano. Manuais do Museo do Pobo Galego, nº 2, Santiago de Compostela, 1991, páxs. 96-97.
11.- GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: Ob. cit., páx. 66.
12.- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio.: Ob. cit., páx. 94.
13.- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio.: Ob. cit., páx. 96.
14.- RISCO, Vicente.- Ob. cit., páx. 670.
15.- TABOADA CHIVITE, Xesús.: Ob. cit., páx. 70.
16.- TABOADA CHIVITE, Xesús.: Ob. cit., páx. 70.
17.- GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: Ob. cit., páx. 67.
18.-FRAGUAS FRAGUAS, Antonio.: Palabra "Corpus", ob. cit., páx. 161.
19.- MANDIANES CASTRO, Manuel.: Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega, Galaxia, Vigo, 1984, páx. 39.
20.- MARIÑO FERRO, X.R.: Ob. cit., páx. 147.
CACHEDA VIGIDE, Eduardo-Aurelio.: Ob. cit., páx. 147.
21.- BLANCO PRADO, José Manuel.: Religiosidad Popular en el Municipio de Begonte, Diputación Provincial de Lugo, páxs. 45 e 246.
22.- González Pérez, Clodio.: ob. cit., páx. 94.
23.- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio.: Ob. cit., páx. 94.
24.- TABOADA CHIVITE, Xesús.: Ob. cit., páx. 71.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania