Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O kinésico-proxémico dos mitins

viernes, 04 de diciembre de 2015
Non ignoro que o titulo ten unha dose nada desprezable de pedantería. Pero...que lles parece se empezara xa falando DO TEATRAL nos mitins?. Seguro que algúns/algunhas lectores/-as empezarían a utilizar un código xestual, habitual nas comunicacións, como manifestación inmediata dun rexeitamento prexudicial, que, por moi xustificado, o seu lugar estaría ao final, porque de entrada sería, cando menos, un pouco á toa, e eu non quixera dar motivo para iso.

Fágome eco dunha opinión que se está xeneralizando nos medios, que sostén que os mitins parece que van perdendo importancia nas prácticas electoralistas dos líderes políticos en beneficio doutras maneiras de chegar aos electores. Se isto fora confirmado, penso que hai que tomar moito máis en serio o uso dos sistemas de comunicación que os estudosos da Lingüística designan como para–linguaxes. Modestamente, considero que estes van ter un decisivo papel tamén fora dos mitins, e, por tanto, talvez estea xustificado o contido desta colaboración, aínda que sexa moito máis pola súa oportunidade que polo acertado tratamento. Vaiamos a iso.

Julia Kristeva, unha filósofa francesa, nacida en Bulgaria, ensina Semioloxía nunha universidade de Nova York e na Denis Diderot de París VII, ben acreditada profesionalmente, como o evidencia o feito de que está en posesión de oito doutorados honorarios. E tendo en conta que a Semioloxía é unha disciplina que estuda o signos na vida social, escuso dicirlles que ben nos viña aos españois que nos interpretara os peculiares dos nosos aspirantes a gobernar o país, utilizados nos respectivos mitins e outras intervencións.

Esta cidadá europea, de orixe búlgaro e de nacionalidade francesa, considérase unha intelectual cosmopolita (ela mesma se define así), contando cun prestixio intelectual suficiente para subministrarnos apoios nesta colaboración, coas súas achegas seleccionadas nas fontes desta materia nada desprezables, como Levi-Strauss, Barthes, Foukault e, principalmente, J. Lacan.

Para darse unha idea da orixinalidade dos seus enfoques expositivos, eu aconsellaría (a quen poida facelo) a lectura dunha interesante entrevista no xornal DIE WELT (El Mundo), datada no 24- 03 – 11. Ofrézolles a tradución do comezo, a modo de orientación: “Necesitamos a filosofía” (Wir brauchen die Philosophie). “A angustia de Europa: A pensadora francesa Xulia Kristeva acerca da identidade nacional, a ira da xuventude árabe e as ocasións pasadas por alto do humanismo” ( Europas Angst: Die französische Denkerin Julia Kristeva über nationale Identität, die Wut der arabischen Jugend und die übersehenen (sic) Chancen des Humanismus).

Pois ben; esta pensadora recórdanos que a “xestualidade” é un sistema de comunicación, que transmite unha mensaxe e que, por tanto, debe ser considerado como un sistema significante, e incluso pregúntase pola relación do xesto e a palabra cando conviven nunha mesma mensaxe. Define a KINÉSICA como unha metodoloxía que estuda os aspectos comunicativos do comportamento do corpo en movemento xestual.

Outros estudosos manteñen a existencia dunha analoxía entre a linguaxe verbal e a xestual. Así: “Engurrar o cello” equivale a un fonema e chámanlle KINE (o máis pequeno movemento corporal perceptible) e nel incardinan unidades superiores, como os KINEMORFOS e os KINEMORFEMAS.

Non cabe dúbida de que esta maneira de transmitir mensaxes prima nas representacións teatrais, e quen tamén a utilizan con estudada mestría son os políticos nos escenarios preparados ad hoc para as súas intervencións electorais; pero sen descoidar as parlamentarias e os plenos das entidades locais. Por iso, parece bastante apropiado que se fale de teatralidades, a veces, para designar as distintas maneiras de representar os papeis. E non debería estrañarlles, porque son verdadeiros artistas nestes quefaceres.

Dito todo isto, penso que temos os elementos necesarios para abordar a convivencia das linguaxes e as paralinguaxes nesas aparicións públicas, sobre todo en circunstancias especiais, como é o caso en España no período electoral ata a votación do 20-D. E non pensen que eu pretendo embarullar ao cidadán, nada máis lonxe da verdade; é que na nosa condición de tales (eu tamén son un cidadán máis), co sabido por diante, e o panorama entrambilicado que se nos ofrece, se a comunicación no sistema lingüístico verbal é deficiente e as mensaxes transmitidas confusas por incoherentes e deliberadamente sofisticadas, teremos, necesariamente, que facer uso doutros recursos que nos permitan sacar algo en limpo do xogo de ambos sistemas de comunicación, é dicir, oír a palabra dos líderes e complementar o seu significado coas expresións xestuais ou outros sistemas de signos paralingüísticos.

E, por favor..., non engurren o cello, porque a confianza na linguaxe habitual levounos á lamentable verificación posterior de que fomos, e estamos sendo, vítimas de falsas promesas: Cambios profundos na Administración do Estado, nas Deputacións, no Senado, e a supresión de solapamentos e duplicidades de funcións nos distintos niveis administrativos, que, salvo pequenos retoques, que se pretenden coar como importantes, seguen aí como albergues e residencias de caducidades políticas. Tamén a xustiza distributiva está necesitada de retoques na súa aplicación, xa que as correccións son ridículas.

Vallan estes como simples exemplos, porque quedan problemas moi gordos sen resolver, aos que non podo concederlles aquí espazo. Probablemente, se consideráramos a linguaxe xestual, sen dúbida, evitaríamos o descoñecemento de que neste teatro político os actores teñen o papel configurado e predeterminado por poderes espurios, e non habería moito espazo para frustrar as esperanzas: Dariámonos conta de que estábamos asistindo a unha representación teatral, que esixe un esforzo interpretativo.

É posible que alguén estea pensando, razoablemente, que nun sistema democrático sempre se pode optar por outra alternativa. Si; pero... por cal?. Porque...un día o xestual complementa con rechamante frenesí, semellando confirmalo, ao verbalizado, e, no seguinte, dilúense os xestos (o aspecto kinésico) nos inesperados movementos (aspecto proxémico) de aproximación a persoas sustentadoras doutras teses insospeitadas, con non poucos disimulados sorrisos e palmadiñas confabuladoras: Coma os viraventos, estamos a mercé dun temporal que non votamos!.

Sen embargo, os cidadáns temos que saír deste atranco; pero non podemos perder o tempo asistindo a insultos e pullas de galiñeiro, porque xogámonos non só o garavanzo, senón o prestixio e a unidade de España, en mans dun infantilismo político, incardinado nos dous estremos da idade, e incorporados a unha agrupación supranacional, UE, poderosa no accidental, e cunha desconcertante debilidade e indecisión no substancial e fundamental, que se rexe por un tratado de intencións, a modo dun sistema xurídico virtual; é dicir, aquí “ser ou no ser” (to be or not to be) non se exclúen, porque “somos e non somos, estamos e non estamos, a vez”. De novo, a presenza do teatral; mais agora a un nivel superior!!.

Pero se reparamos un pouco máis nos sistemas para–lingüísticos, posiblemente seremos capaces de establecer unha importante e decisiva distinción entre a VONTADE DE POTENCIA (Ortiz-Osés) e a VONTADE DE PODER (Nietzsche) dos líderes mitineiros (e mentireiros). A primeira fai referencia a propia realización persoal, mentres que a segunda ven a ser a necesidade de exercer influenza sobre outros. A persoa na que predomina esta última pretenderá sempre impoñer o seu propio criterio sobre o alleo para realizar proxectos audazmente ocultados; a de “potencia” tende a lograr a coordinación de vontades alleas, porque así da un sentido social e político a súa “autorrealización”: Se aquel político encerra un ditador so capa democrática, este último séntese demócrata por esixencias sinxelamente persoais.

Estas percepcións diferenciadas facilítannos, co auxilio do obtido da linguaxe verbal, recibir as mensaxes con maior aproximación á intención do emisor; e aínda que lles parezan recursos alambicados e difíciles de aplicar na realidade, eu asegúrolles que non asistimos a eses actos totalmente alleos a estas valoracións. Polo tanto, só se suxire que se tomen máis en serio, e coa máxima obxectividade.

Contamos con bastante material de ensaio na nosa casa: A caricia da coleta, acompañada dunha exhibición dental de pezas espazadas, nun sorriso forzado, seguido dun calculado silencio, mestura dunha irónica autosuficiencia e reserva de intencións; un simulado enfado con ademáns profesorais, nunha secuencia tonal propia dunha máquina de costureira que urxe o disimulo de inconstancias; un envararse para recitar estereotipos oracionais, que sempre encerran reiteracións de contido; un baile de agarrados con mans amontoadas (sitúense en Cataluña); a riqueza paralingüística de Mas, que subministra material ao máis esixente hermeneuta teatral; etc.

Pero...non se conformen. Xulguen. Son modestas opinións, fuxidas do adoito.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES