Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Perde un tesouro o que perde un amigo?

jueves, 03 de diciembre de 2015
Se como nos di a Biblia no libro do Eclesiástico: “O que encontra un amigo encontra un tesouro”, o día que aumenta o noso número de amigos tamén aumenta a nosa riqueza; pero tamén, pola contra, o día que perdemos un amigo, ficamos máis pobres.

Fomos moitos os que nestes días pasados perdemos a tres amigos: Xosé Alvilares, Xosé Neira Vilas e Xosé Chao Rego. Os tres tiñan moitos amigos en común ademais dos que podía ter cada un individualmente.

Son un dos que pode presumir, humildemente, de sentirme ben querido polos tres e de terlles tamén moita querenza. Iso non é mérito meu, senón expresión do seu gran corazón; polo mesmo non asomo hoxe a esta páxina, con certas dificultades de saúde, pra presumir, senón pra deixar constancia de gratitude.

Tampouco pretendo dicir de ningún deles o que ninguén máis dixese. Sería incapaz, porque puiden ver que se dixo moito nestes días en distintos medios, tamén en GaliciaDixital, ademais do que xa se tiña dito.

Ós amigos podemos valoralos, admiralos, aprender deles e querelos sen ter que estar completamente de acordo coa súa maneira de pensar e actuar, porque, se a amizade matase a capacidade crítica e a identidade propia de cada un, non sería amizade verdadeira nin perdurable.

Pero tampouco é cousa de que me poña aquí e agora a dicir o que me gustaba ou o que non de cada un. Sería algo así como constituírme indebidamente en xuíz de quen me aceptou a min como amigo sen xulgarme.

Con quen tiven máis trato foi con Neira e con Chao ós que necesariamente teño que agradecerlles que me axudasen a coñecerme mellor a min mesmo e a esta terra na que non escollín nacer, pero agradezo ter nacido nela, e na que puiden vivir.

Neira ensinoume a deixar de sentir a vergoña daquela agarrotante, de ser un neno galego e labrego, fillo de labregos, e a procurar que o aprendido en libros impresos non me levase a fuxir do impreso na alma pola sabedoría dos sinxelos.

De Chao, entre outras cousas, aprendín que Deus non só entende tamén o galego e o escoita con gusto, senón que o fala con soltura e normalidade; porque a súa Encarnación é con todas as consecuencias e a súa Salvación é prós homes e mulleres de onte, de hoxe, de mañá, de aquí (de cada lugar) e de agora (de cada época).

Quizabes deba matizar un pouco o de que cando perdemos un amigo ficamos máis pobres. Deberá matizarse porque, aínda sendo certo que a súa perda empobrece, tamén o é que o que nos deron non temos que devolvérllelo, nin sequera os amigos se van de todo. Seguen vivindo na memoria, no corazón, nas cousas compartidas… e no AMOR que sementa os tesouros das amizades.

Graciñas, logo, amigos, polo que nos destes, e grazas tamén a Deus que vos deu.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES