Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (89)

miércoles, 02 de diciembre de 2015
Enfermidade e morte na Galicia do século pasado

Como se vivía a enfermidade e a morte na metade do século pasado. A xente só ía ao médico cando se sentía moi enferma. O médico era como o de cabeceira de agora. Recordo que lle daban un ferrado de trigo ao ano (11 kilos). Así, podían ir ao médico todo o ano de balde. Non se miraba a tensión, nin se facían análises. Naqueles tempos, traballábase moito, e comer, comíanse cousas moi sas. Morría xente xoven, pero tamén había vellos. Estes eran moi respectados; coidábanse ben. Nas casas había avós, pais, netos.

Recordo, sendo nena, miña nai leváballe o leite recén muxido á madriña, pola mañá. Dicían que era moi bo. Gardaban a manteiga das vacas para facer o chocolate. Os avós traballaban ata que podían. Coidar unha vaca, pola corda, arredor das leiras. Debullar garavanzos, fabas, pelar patacas. Eses traballos que lles servían para estar entretidos.

Cando viña o médico e dicía que era grave, chamábase o cura. Viña confesar e traerlle a Comuñón. Recordo que poñían unha mesa pequena á porta da casa do enfermo, cuberta cun mantel branco, cun crucifixo e unha vela acendida. Viña o cura co Señor. Acompañábao algunha xente.
Tocaban a campaíña polo camiño e, se se cruzaban con alguén, a xente axeonllábase. Chegando á porta, o cura rezaba unhas oracións. Subía ao piso. Confesaba ao enfermo e dáballe a Comuñón. Se estaba maliño, poñíalle a Santa Extremaunción, que eran os Santos Óleos, cun algodón, rezando as oracións apropiadas. Poñíallos na fronte, no peito, nas mans, nos pés. Así, xa estaba preparado para a viaxe. Tamén se traía o notario, se non fixera testamento de san.

Case toda a xente morría na casa, agás a que morría nunha operación, no hospital. Os veciños axudábanse moito, cando había algún enfermo, a pasar a noite con el, a traballar, a coidar os animais. Eran moi unidos.

Cando o enfermo morría, o primeiro, tocar a campá a morte. Se era muller, dúas badaladas na campá pequena e unha na grande. Se era home, ao revés. Se eran anxeliños (menos de sete anos), repicaba a festa, pois dicían que, se estabas bautizado e tiñas menos de sete anos, ías ao Ceo de cara. A xente, ao sentir a campá, ían preguntar quen morrera. Así, xa o sabía toda a parroquia.

Xuntábanse os veciños. Uns ían á vila para traer a caixa. Levaban as medidas do defunto. Sendo nena, recordo que os ataúdes facíanos ao momento, todos cubertos con pano negro, por dentro e por fóra. Se a persoa morta era xove, poñíanlles lazos nas esquinas. A que facía a caixa tamén facía o hábito. Era como un manto negro, con puntilla. Cubría todo o corpo. Se era moza ou nena, tamén se facían de color azul. Case sempre viña poñerllo a nicheira.

Ían tres ou catro persoas para traer as cousas. Tamén traían catro velas moi gordas para poñer ao lado da caixa, na igrexa, alumando durante o funeral. Cando chegaba a caixa, a xente choraba moito, pois aquilo xa era sinal de que a morte era de verdade. Poñíase o defunto na caixa. Estaba rodeado de xente: parentes, amigos, veciños.

Pola noite, viña os da parroquia. Os veciños traían bancos para sentarse a xente. Rezábase o rosario. Logo, parolando. Por último, quedaban na casa os máis achegados. Como as casas eran moi vellas, cubrían as paredes con sabas brancas. Facían así como unha habitación. Naqueles tempos, a maioría das casas só tiñan un sobrado. Subías as escaleiras e, todo arredor, camas. Algunhas tiñan un cuarto engadido, feito despois. Logo, había as dos ricos, que xa eran guapas.

Os días que estaba morto na casa (un ou dous), había unha muller, parente ou veciña, que facía a comida. Os parentes e amigos traían ovos, queixos, bacallao, etc...

O día do enterro, levábase para a igrexa comida, para os cregos e parentes de lonxe. Tres paxetas, nunha queixos, noutra molete, e noutra viño e caña. Estas paxetas acostumaban levalas as afilladas do morto. Se non tiña afilladas mozas, outras parentes.

Despois do funeral, pasaba a xente á confraría. Este era un local que tiña a igrexa, ao lado do cemiterio. Nalgunhas, non había e comían na Sacristía. Primeiro, os curas; logo, os parentes, pois algúns viñan de moi lonxe. Non había coches como agora. Pola noite, o día do enterro, facíase unha cea para todos aqueles veciños que axudaran, pois había que avisar aos parentes de lonxe. Non había coches nin teléfono. Tíñase que andar a pé.

Neses tempos, non había seguros de funerarias. Os cregos cobraban ben. Os queixos e ovos que sobraban vendíanse na vila e xa se axudaba a pagar os gastos.

O loito tamén era un gasto. As mulleres da casa vestíanse de negro. Traían tintes. Tinguíase todo, ata as medias. Os homes poñían garabata negra, botóns e unha cinta no brazo da chaqueta ou do abrigo. Traíase loito segundo fose o parentesco. Se eran pais, dous anos. O viúvo ou viúva toda a vida. Irmáns ano e medio. Ata se poñía loito polos criados. Polos avós seis meses. Algúns mozos e mozas pasaban toda a súa xuventude na casa. Estaba mal visto ir ás feiras e paseos. Hoxe, iso acabouse. Paréceme ben.

Despois do enterro, se era cabeza de familia, lían o testamento. No meu lugar, acostumaban a deixar a cuarta ao fillo que estivera casado na casa. Algúns deixaban o terzo. Destes, dicían que non se salvaban (eran ditos). Logo, unha parte coma aos outros irmáns. Antes, non había pensións como agora. Algúns irmáns quedaban amigos; outros non.

Naqueles tempos, as terras tiñan moito valor. Fundar vida era duro. Os das comenencias podían escoller mozas guapas (ser de comenencia era ir vivir á casa do mozo ou da moza).

Xa non tiñas que comprar cacharros, roupas, vacas, carro, terras. Tiñas a vida solucionada. Só facer vida. Axudábanche a criar os fillos. Os que fundaban vida caía todo sobre eles.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES