Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sempre de actualidade e en garda

jueves, 03 de diciembre de 2015
Tres de decembro, unha celebración máis do “día internacional das persoas con diversidade funcional”. Podemos pensar que despois de tantos “días” xa está todo dito. Pois non. Sempre estamos de actualidade e sen poder baixar a garda. Certo que as cidades son cada vez máis accesibles, ata se fixo realidade o soño dun ascensor na nosa muralla; pero custa moito inverter en dereitos porque non son tan visibles. Non son motivo de inauguracións nin fotos. A Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional, ratificada por España no ano 2008, incorpora o modelo social e de vida independente. No artigo dezanove fala do dereito a vivir de forma independente e a ser incluído na comunidade.

Acaba de publicarse unha Resolución do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (Boe, 16 novembro 2015) para acreditar a cualificación profesional do coidador, xerocultor, auxiliar de axuda a domicilio e asistente persoal. Contempla un mínimo de 2000 horas de experiencia, títulos de formación profesional, desenrolar plans de formación... É fácil imaxinar a cara que se lle poñerá a tantas mulleres que levan anos e anos “exercendo” de coidadores.

Meten no mesmo saco a figura do “Asistente Persoal”, pendente de concretar quizais noutro Real Decreto. A casa da vida independente empezou a construírse polo tellado e non ten os cementos asentados. Moito nos tememos que se perdan divagando en formacións desproporcionadas, esquecendo a participación dos usuarios e propiciando privatizacións. Pretenden impulsar algo no que non acaban de crer e, desde a situación de desemprego que atravesamos, chama máis o oportunismo do negocio. Chama máis dar cursos de formación aínda que o emprego efectivo non teña consistencia mentres non se asuma a necesidade de implantar a asistencia persoal de maneira máis xeneralizada. Lamentablemente tamén hai organizacións que ven na formación da figura do asistente persoal unha maneira de manter o seu status.

Fagamos un pouco de historia. O Foro de Vida Independente foi pioneiro –segue sendo- en facer visible esta figura aínda pouco regulada. Nun principio resultou un concepto moi novidoso e pouco asumido incluso por parte das propias asociacións de afectados. Por activa e por pasiva tentouse demostrar con datos, con números e con referencias doutros países a desproporción entre a atención en residencia e o custe da asistencia persoal directa. Case que ninguén nos entendía aínda que hai investigacións rigorosas que poñen de manifesto as vantaxes de vivir na comunidade fronte aos riscos de exclusión e abandono que pode representar o ingreso nunha residencia.

Quizais conveña matizar a diferenza entre o termo xenérico de “coidador” e o específico de “asistente persoal” para ir centrando conceptos que se prestan a confusión. Os coidados permiten unha mellor calidade de vida e os coidadores son os que deciden; en cambio, os asistentes persoais axudan a vivir, pero somos nós os que tomamos as decisións. A responsabilidade dos éxitos ou fracasos e o dereito a equivocarse é da persoa. Como todos, non é nada novo. O asistente persoal ven a ser a ferramenta humana, elixida pola persoa con diversidade funcional que é quen ten capacidade para dirixir a súa vida. É a que decide se quere ir de compras e o asistente persoal acompáñaa; mentres que se se trata de facer unha cura dunha úlcera postural, por poñer un exemplo simplón, é o coidador socio sanitario o que leva a iniciativa de como debe facerse.

Evidentemente, a formación é necesaria, pero non ten porque ser desmedida nin con custo desmesurado como parece darse a entender. A formación idónea deste profesional debe ser áxil e moi práctica. Necesítanse asistentes persoais que teñan claros os principios de vida independente. O resto de habilidades vanse adquirindo no día a día. O usuario é o que mellor coñece os seus gustos e preferencias. Para colocar algo nun sitio alto, se se quere a auga da ducha moi quente ou o café moi cargado… non se necesita moita explicación nin anos de formación. Enténdese que a persoa é a que vai organizar a súa vida, so se trata de complementar o que ela non pode facer. O cambio esencial radica en que a persoa sexa o centro co seu dereito a vivir como desexe. Non se trata de poñer o profesional por encima do usuario.
Queremos incidir tamén en que o traballo do asistente persoal non pode limitarse ao domicilio como se deixa entrever porque, a parte das actividades da vida diaria, tamén se pode visitar aos amigos, viaxar, ir a un restaurante, ao cine… En definitiva, as persoas con diversidade funcional non poden quedar excluídas do dereito a xestionar todo o relacionado cos seus asistentes persoais, incluída a formación. Non se pode regular sen contar con nós. Lembremos o lema: “nada sobre nós sen nós”.

Remato aproveitando esta oportunidade para “felicitarnos” pola distinción de Lugo como “Destino turístico accesible”. Felicitarnos por poñer de novo a accesibilidade en primeiro plano. Que esta placa conmemorativa represente simplemente un seguir traballando porque todos sabemos que aínda queda moito camiño para recorrer. Como mostra dous titulares destes últimos días: “Una vecina de Abadín denuncia al Concello ante la Valedora do Pobo por mantener barreras arquitectónicas” e “Los pacientes en sillas de ruedas no pueden entrar en los baños del ambulatorio del Sagrado Corazón”. Temos que ser heroes no cotidiano ata para realizar tarefas básicas da vida diaria. Sen querer convertémonos nos “outros” sometidos a pedir dereitos como esmolas e dar as grazas sempre.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES