Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Neira Vilas e Foz

lunes, 30 de noviembre de 2015
Os sinais de identidade de vila de Cruces, concello da comarca do Deza, son o poboado mineiro de Fontao, testemuño dos tempos do histórico wolfram, a banda de música de Merza e o escritor Xosé Neira Vilas.

É ben coñecida a tradición bandística de Pontevedra, provincia segunda do estado, despois de Valencia, en número de bandas populares; pero aínda coñecido o dato resulta sorprendente e admirable que unha aldea de pouco mais de 200 habitantes conte co colectivo bandístico mais antigo de Galicia, dos mais prestixosos, e que a súa escola de música a formen un plante de nove profesores e preto de cen alumnos; a carón da igrexa parroquial unha modesta edificación loce na fachada un escudo coa lenda: “S.C. Banda Artística de Merza”.

Os veciños non ocultan a fachenda e alí mesmo unha lugareña díxonos: “ A nosa banda gaña tódolos premios”. Todos non, engadimos nós; pero moitos sí. A relación de galardóns, ó longo de tanto tempo, sería interminable. Vella coñecida nosa a nengunha coma ela temos escoitado interpretar as “Bodas de Luis Alonso” que co “Sitio de Zaragoza” difícilmente faltaba en todo concerto festeiro nos tan afastados tempos da nosa adolescencia.

A grande figura literaria do Deza é, sen dúbida, Xosé Neira Vilas, que acaba de deixarnos.
Coñecimos persoalmente ó insigne autor de “Memorias dun neno labrego” o ano 1994, cando pronunciou en Foz o pregón da feira do libro e dende entón mantivemos con él e a súa dona Anisia Miranda, tamén escritora, unha moi cordial amizade.

De entón conservamos no caótico arquivo unha carta na que nos dí: “ Volvín contento de Foz. Había moita xente na inauguración. Firmei moitos libros e recibín moi cordiais atencións. Teño estado neste ano e no que pasou en varias feiras, como pregoeiro e firmando nos meus libros, e a de Foz foi a máis concurrida( mais incluso que a de Santiago e Ferrol) no acto e cerimonia inaugural. É a primeira vez que vou a unha feira do libro mais alá de Lugo ou Monforte, ou sexa, ó norte ben norte do noso país, e a experiencia resultou francamente fermosa”… Omitimos varias liñas por tratarse de alusións persoais, e remata Neira Vilas: “Todo, pois, moi alentador, moi ilusionante, e quería decircho directamente”.

Pasado algún tempo fixemos unha visita á parella na súa casa da aldea de Gres onde coa vivenda ten a sede a Fundación Neira Vilas en edificación singular proxectada polo arquitecto César Portela, coa biblioteca e o museo, que ambos doan – continente e contido- para formar parte do patrimonio do pobo. Ao despedirnos, unha encomenda:”Non vos marchedes sen coñecer as ínsuas do Ulla”. Pretiño da súa casa, nun remanso do río,de bucólica beleza, un archipiélago, que son outras tantas carballeiras, comunicadas entre sí por senllos pontigos, compoñen unha estampa de insólita fermosura. Unha destas foi escenario da homenaxe que a Asociación de Escritores en Lingua Galega rendiu en 1990 ó ilustre intelectual. Un soneto, gravado en pétreo monolito,perpetúa o feito: “Auga, pedra, sol e vento/ aquí a ledicia é tanta/que todo rebule e encanta/e o Ulla vaise contento./ Teño nesta terra asento/ e un sentimento profundo/un amor vivo e rotundo/ polo val onde nacín;/ son deste anaco do mundo”. Nunca esqueceremos ó poeta nen ó amigo.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES