Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O primeiro alento de Guzmán

miércoles, 25 de noviembre de 2015
Querido Guzmán:
Ti non o sabes pero este pasado sábado foi un día moi especial grazas a ti. Levábamos días impacientes esperando a túa chegada, pendentes do móbil por se ti dabas o primeiro berro de vida; mais quixeches agardar ao sábado para congregarnos no HULA á fermosa espera do teu primeiro alento. Foi unha espera intensa, chea de impaciencia e chea, tamén, de emocións e intriga porque todos estábamos desexando verche a cariña.

Xa antes de nacer eras, como es agora, un símbolo para todos nós. Ao igual que o teu pai Caco botas a andar unha xeración e iso sempre é importante. Ademais porque o fas tamén na familia de María, a túa nai. Pouco a pouco, descubrirás que pertences a unha familia moi diversa, moi extensa e moi unida. Verás que somos moitos e facemos ruído, sempre fomos así e penso que nese ruído cantamos a ledicia de ternos criado xuntos e estar sempre os uns cos outros. Unha familia con fondas raizames no rural pero tamén con intensas andaduras urbanas aquí e acolá; pero, sobre todo, pertences a unha familia aberta, solidaria e acolledora que ten como máxima a unión, o apoio e a confianza mutua. O teu nacemento encheunos de ledicia e fixo medrar un desexo inmenso de terte entre nós e saber que case trinta anos despois, de novo, unha vida botaba a andar.

Probablemente na túa vida estean presentes dúas terras (ao mellor máis): Asturias e Galicia. Transitando por elas descubrirás, palmo a palmo, a natureza máis salvaxe que se nos ofrece como un monumento sacro e infindo para respirar o aire máis puro. Nestas dúas terras tes todo o que unha persoa necesita para medrar san e feliz pero, sen dúbida algunha, o teu maior tesouro está en todas e cada unha das persoas que estes días te agardamos con impaciencia.

Agora tócache explorar, pouco a pouco, o mundo e para esta tarefa tes moitas mans queridas: os teus pais, os teus avós e un infindo de tíos-primos que estamos desexando acompañarte, para agarimarte cando caias, para axudarche ante as dúbidas e para ver polos teus ollos as sorpresas que gardan as primeiras veces. Contigo viviremos, de novo, o tacto da herba, o calor da primeira praia, a ledicia de levantar castelos de area e o primeiro bico da auga salgada na pel. Pouco a pouco, o mundo abrirase a ti e, paso a paso, transitarás polas cores das estacións gardando aromas e gustos que forxarán en ti un carácter. Quero dicirche que sexas sempre ti mesmo e que loites polo que realmente crees xa que o tempo é limitado e temos que gastalo naquelas cousas que realmente nos enchen. Tes que vivir a túa vida, darlle sentido e impregnala do aroma contundente dos teus actos.

Neste momento, quizais te estes a preguntar quen é este toliño que che fala. Pois son Iago, o
teu padriño. Crieime co papá e con todos eses primos que están sempre pendentes de ti e que, para ti, han ser como tíos, como para min foron os teus avós. A vida sempre foi para nós estar xuntos e así medramos erguéndonos no mundo como únicos e irrepetibles. Son o teu padriño a moita honra porque medrei co teu pai e con el aprendín as cousas da vida que agora ti tes que transitar coa nosa axuda; pero non te apures, hai tempo para todo e agora é tempo de medrar, de coller forzas do soño e do leite materno de María, unha nai que sintetiza para ti as formas máis nobres do amor, para que o mañá te colla forte e sexas ti quen tome o temón do teu propio porvir. Dende o teu primeiro alento contas con todo o noso amor porque o teu alento foi vida anovada para todos e nel tomaron forma as chaves do futuro. Obrigados, pois, por chegar cheo de ledicia para ficar con nós e abrir raiolas de luz polas que empezar a materializar os soños. Vivir o teu primeiro alento xa fica para sempre entre os meus recordos máis imprescindibles.

Unha aperta, o teu padriño Iago.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania