Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha bolsa Keds azul

lunes, 23 de noviembre de 2015
Eu non sei se xa o contei algunha vez. Como hai tantos anos, certamente non lembro se o fixen nalgunha outra efeméride. Se é así, prégolle que me disimule a eiva. Aconteceu tal día coma hoxe -cando vostede lea isto-, pero de hai 40 anos. Si! 40 anos! Nada máis e nada menos.

Estaba eu, xunto con outros tres mil mozos, na inmensa fortaleza xesuítica da Universidade Laboral de Gijón a piques de entrar nas aulas, cando nos convocaron para informarnos dunha noticia pola que todos agardabamos coma auga de maio. Non tanto porque ós 15 imberbes anos estivesemos devecendo pola chegada da democracia, canto porque todos intuiamos que unha vez sucedese o deceso, mandaríannos unha semana para as nosas alonxadas casas.

E así foi. Aí polas nove da mañá, o Padre Von Riedt, un xesuita alemán que andara de neno perdido por Europa á procura dos seus pais desaparecidos, subiu ó alto dunhas escaleiras e díxonos con grande solemnidade, pero sen acadar os pucheiros traxicómicos de Arias Navarro, que Franco acababa de morrer e que aquela mañá marchariamos uns dez días para a casa.

De contado todos botamos a correr para as nosas habitacións para facer o macuto e agardar o autobús que nos había -no noso caso- para Ourense e Vigo. Eu collín unha pequena bolsa de deportes de color azul coma o da bandeira, que levaba escrito "Keds" que daquela estaba moi de moda nas roupas deportivas.

Chegamos a Ourense polas once da noite e deixáronnos na estación porque a seguridade instaurada non permitía , seica, viaxes na madrugada.

Alá pola unha da mañá pecharon a estación e a un grupo de -calculo- unhas dúas ducias de mozos que non deramos collido ningún enlace deixáronnos ó raso, xunto con algún que outro despistado ó que a noite tamén os collera co paso cambiado.

Debían ser as seis da mañá cando volveron abrir a terminal, cousa que nos volveu levar á sala de espera e arremuiñámonos para durmir un chisco ata que empezaran a saír os trens e os autobuses.

Aí polas nove fómonos erguendo como puidemos e cada quen colleu a súa bolsa de viaxe para continuar a singular travesía. Todos menos o meu amigo Manuel de Trado e eu mesmo, ós que non nos apareceu por ningún lado. Fixemos unha reclamación ó "mestre armeiro" e marchamos cada quen coas mans no peto. Ata que pola tarde dous homes se cruzaron comigo en Celanova e identifiquei a bolsa. "Esa bolsa é miña!", exclamei. "Es Antonio Piñeiro?, preguntáronme. Pois a iso viñamos. A devolvercha, porque collémola equivocada". E do mesmo xeito que nos topamos, do mesmo xeito deron a volta, sen máis explicacións debidas.

Eu sempre pensei -ou quixen pensar- que fosen policías. Por iso de botarlle algo de prebe ó argumento da miña prosaica e pouco emocionante vida.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES