Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O refuxio europeo

sábado, 21 de noviembre de 2015
Os recentes ataques terroristas en París xeraron unha grande onda expansiva, especialmente en Europa, pero tamén mais aló, con moitos países fortalecendo a seguridade e intensificando os controis sobre os refuxiados, vítimas por partida dobre desta situación. Europa non é xa un lugar seguro. En EUA, varios gobernadores rexeitaron aceptar máis refuxiados sirios –a pesar da moita responsabilidade de Washington no estado das cousas en Damasco- co argumento das preocupacións de seguridade. Os primeiros datos que apuntaban a que un dos terroristas involucrados nos atentados de París tiña pasaporte sirio –resultou ser falso- e seica entrara como refuxiado, alentaba a idea de que podían camuflarse entre os refuxiados que fuxían da guerra. Unha hipótese que pasa por alto que os terroristas teñen outras vías alternativas e seguras e dificilmente optarían polo calvario de penurias e incertezas que tantas vidas custan aos refuxiados.

Europa, en proceso de deconstrución hai tempo, vai camiño de introducir controis fronteirizos mais estritos mentres, como aconteceu en EUA, un grupo crecente de estados amósanse reticentes a recibir refuxiados, deteriorando aínda mais a crise, só en aparencia mitigada porque desapareceu dos nosos televisores.

Na fronte paralela, máis voces reclamaron a urxencia dun acordo político sobre a crise siria. En Viena reuníronse Rusia, EUA e as potencias europeas e do Oriente Medio polo momento sen froitos sobre o calendario de transición. Mais doado pareceu o consenso sobre a prioridade que supón a loita contra Daesh, a expensas dunha cooperación sobre o terreo. Pero nun caso e noutro, segue sen estar clara a posición e determinación dos diferentes interlocutores. Como en tantas cousas, sobran cinismos e dobres varas de medir. Xa o dixera o noso Plácido Castro: a diplomacia é unha cousa tan delicada que non resiste a presenza da verdade.

Por mais que Francia, EUA ou Reino Unido, ou a propia Rusia sumen capacidades militares no Golfo para calmar as súas respectivas cidadanías, sen unha solución política que contemple horizontes de medio prazo será imposible evitar a reiteración desta traxedia e o terrorismo continuará a súa escalada. A violencia pola violencia leva a máis violencia. Crer que pode resolver o problema é unha ilusión. Por mais poderosos que sexan os gobernos occidentais e dispoñan do armamento mais moderno, sen iniciativas políticas de alcance derivaremos na impotencia.

Pero a cuestión central que todos eluden en Europa é a dimensión da nosa responsabilidade no que está a acontecer. Sen esa autocrítica só estaremos contribuíndo a disimular as aparencias por mais que o PS de Hollande e Valls, cos seus avións de combate sobre Siria, obteña bos resultados nas eleccións rexionais do 6 e 13 de decembro.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES