Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Carballo de Cabreiros

sábado, 21 de noviembre de 2015
Para Anxo Moure e Marta.

Cabreiros é un deses insólitos lugares da parroquia chantadesa de Camporramiro, elevado en monte amplo e sorrideiro onde o sol esmalta seus praceres de elocuentes vistas cara o norte. En horizonte aberto Cabreiros asexa longas terras de veigas e cómaros até os altos de Merlán, que marcan o lonxe das mais íntimas proximidades dunha certeza que convive coa terra aberta e desexada. Transitar por estas paraxes abertas e con lustre bucólico que outean ao nordés profundo. Resúltanos vital cando nos deixamos engulir polo clamor desas vistas lúdicas que proclaman reencontros e perpetúan residencia.O Carballo de Cabreiros
Cabreiros é un deses lugares aldeáns que nos proporciona achegos de admiración as súas robustas casas de granítico albo que foron envellecendo, mais resisten as ventaladas do norte e teñen ese respiro de nobreza nas amplas portadas e do brasón de armas, na chamada casa do capitán, onde houbo liñaxe folgada con suculentos celeiros e adegas de viño para os praceres que non disimularon envexa en casa de pobres.

Cabreiros é ese lugar labrego de bo asento para ollar o microcosmos que o rodea e emancipa. Como indica a súa toponimia, é terra de cabras montesías e de pastoreo groso, como indican eses fértiles prados con rebentos de auga animada que bule e produce apastadeiros, outonizos e campas verdes que manteñen boas vacas de fartura e plenitude de relucente pelaxe. Prados en súa verdura, con regos e regadas onde a auga apresurada, canta e danza en seu descenso cara o regato de Santa Lucía, que alboroza estes eidos co son das súas cachoeiras, coa présa de entregar as súas augas ao río Miño.

Cabreiros é unha terra fértil, o mais parecido ao edén confortábel e fecundante que produciu mantenzas que marcaron a nosa dieta O Carballo de Cabreiroschantadesa, neses soutos de castañas; nas devesas de carballos de repoludas landras que deron mantenza a carnosas cebas de porco, polas calendas de S. Martiño. Patacas en seus trollos e terras pesadas; centeo e millo en seus agros, no alto cume que rodea a este lugar ben plantado e agromado. Mais Cabreiros soporta esa decadencia estrutural e demográfica que fai tremer o vital da ruralidade galega, soportando os malos tempos de aconteceres dramáticos para os nosos campesiños. Pese a todo, seus reducidos veciños seguen albiscando cara ese enorme plano aberto de resplandores e claro escuros do norte, no que comeza a reducirse as vocacións de repetir os labores e a cultura dos nosos ancestros e, sobre todo, estar en tódalas resistencias posíbeis.

Mais o emblema de Cabreiros é ese carballo de centos de abriles que recendeu primaveras e que atopamos nos rentes do antigo camiño real, hoxe estreita estrada que nos conduce a esta aldea, e nos obriga a parar e desexar botar unha parrafada con el; porque aínda que non fala, el escoita e dos seus silencios sacamos idílicas conclusións. O dito carballo resiste ante quen o ignora e aínda permite agresións dos que o depredan, a non coidalo e mimalo como súas guedellas de vello demandan. Un formato prodixioso con torada enorme que sostén a mais de vinte grosas e altivas pólas, gallos e ramallos elevándose ante quen o aloumiña, con seus resplandores: o sol.

Esta árbore talentosa e acomodada no beiral desta calzada ascendente, realmente ignorada polos que desprezan o patrimonio forestal; polos que tratan de ignorar un ven tan esencial como é o coidado ecolóxico que merecen este tipo de harmónicos exemplares. É verdade que os políticos de onte e de hoxe ao fronte do Concello de Chantada ignoraron os baremos medioambientais que debe rexer nun municipio ben organizado na protección de espazos naturais e individuais como ao que nos referimos. A depredación que soporta o carballo de Cabreiros, non só son as silvas e outras plantas que trepan a súa corpulencia, é a frialdade de sentimentos, a ignorancia e o mirar cara outras perlas desexadas en política. Os concellos teñen a obriga de coñecer puntualmente o noso patrimonio forestal. Ademais, teñen prerrogativas legais para protexer estas individualidades, tan marxinadas pola falta de iniciativas institucionais.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES