Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

ISAGA homenaxea en Ourense ao doutor Peña Rey

sábado, 21 de noviembre de 2015
A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), organización que pretende promover o uso do galego no ámbito sanitario, celebra este ano a súa Asemblea en Ourense (o vindeiro día 28 de novembro) na que rende homenaxe ao doutor Manuel Peña Rey. Esta será a quinta edición do encontro, no que tamén se incorporarán 30 novos irmandiños, persoas comprometidas co idioma galego no desempeño do seu labor profesional.

En anos anteriores ISAGA honrou a memoria de Manuel Reimondez Portela (o médico dos pobres da Estrada, autor do libro “Un médico na aldea”) en 2011; a de Ramón Obella Vidal (investigador, empresario cofundador de Zeltia e galeguista) en 2012; a de Fausto Galdo (pioneiro da Reumatoloxía en Galicia e reputado gastrónomo) en 2013; e a de Xosé Manuel López Nogueira (ilustre psiquiatra compostelán, de profundo coñecemento filosófico recollido no libro “Dialéctica existencial y psicoanálisis”) en 2014.

Neste 2015, ISAGA quere honrar e recuperar para a memoria colectiva a figura do xinecólogo e político galeguista don Manuel Peña Rey. Naceu en Cotobade en 1889 e desenvolveu a súa actividade profesional en Ourense. Na II República foi director do Hospital Provincial e presidente do Colexio de Médicos. Como militante galeguista chegou a ser o presidente do Partido Nacionalista Republicano de Ourense (PNRO) e fixo campaña pola Fronte Popular nas eleccións de 1936. Foi destituido nos inicios de guerra civil, no verán do 36, e estivo encarcerado no Carballiño. Tardou máis de oito anos en ser rehabilitado.

Manuel Peña Rey foi un dos pioneiros da Obstetricia e Xinecoloxía en Ourense (1); non está moi claro se foi o primeiro médico desta especialidade en establecerse na cidade, pero hai constancia documental que acredita a súa presenza desde o ano 1918. Foi o seu mestre Manuel Varela –prestixioso xinecólogo galego afincado en Madrid- quen lle aconsellou instalarse en terras ourensás. Na revista galeguista Nós (2) aparecen, ao longo dos anos, diversas insercións publicitarias das clínicas e sanatorios que puxo en marcha na cidade. O psiquiatra David Simón, que ten escrito en varias ocasións sobre este personaxe, será o encargado de glosar a súa figura. No acto estará presente Manuel Peña-Rey Bouzas (3), fíllo do homenaxeado, tamén médico e figura destacada do comunismo ourensán: agora é o presidente de honra do PCG.

Con este acto de recuperación da memoria histórica ISAGA quere honrar a todos aqueles que, en tempos ben difíciles, souberon manter o seu compromiso co país e coa lingua. Servirán de exemplo ás novas xeracións, para perseverar na tarefa de defender a nosa cultura e o noso idioma, auténtica riqueza que non nos pertence: é un ben da Humanidade enteira, e con ela debemos sentirnos comprometidos.
http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

NOTAS:
1. http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com.es/2011/04/nombres-e-historias-de-la-obstetricia-y.html

2. http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com.es/search/label/Manuel%20Pe%C3%B1a%20Rey

3. http://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com.es/2010/11/entrevista-y-homenajes-manuel-pena-rey.html
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES