Guitiriz, comarca de cinema
jueves, 19 de noviembre de 2015
Estes días foron de cine para a nosa comarca e visualizamos este efecto ou sensación dende o patio de butacas do XX Festival de Cine Internacional de Ourense, que principiou o sábado coa ópera prima Lobos sucios de Simón Casal que foi rodada en parte en Parga e As Pontes pola produtora Agalla Films, nunhas paisaxes áridas de canteiras e minas que nos situan noutrora naquelas de wolframio da II Guerra Mundial explotadas polos nazis nos anos 40.
Pero foi antonte cando a paixón rebordou a Festa do Cinema nas bancadas do Auditorio de Ourense, ducias de alumnas e alumnos e mestres do Ies Poeta Díaz Castro de Guitiriz brincamos de ledicia polo primeiro premio ao filme Os camiños esquencidos, no que participamos dirixidos por Cristina de la Torre, e tamén nais e pais, toda a comunidade educativa. Non era a primeira vez que Ourense disfrutaba con esta obra singular, fun testemuña no 2014 de varias visualizacións desta curta, mesmo o 17 de maio nos Salesianos da cidade de As Burgas. Pero onte acaeu atravesar a alfombra vermella do recoñecemento da setima arte.
O Ies de Guitiriz xa ten unha traxectoria moi vizosa neste eido, e sobre todo no espallamento da obra de Díaz Castro coma é o video A lus do mundo que foi cantado en todos os recantos. A carga emotiva desta curta nace da empatía coa vontade de estilo do poeta que tratou de desentrañar a nosa cultura rural dende o misterio e os tesouros máis agochados, afastado da publicidade das vías máis convencionais. Foi nominada entre as 126 presentadas no Ouff Escola 2015. Abofé que non foi unha solpresa porque son actores e actrices avezados a partillar a súa arte en salóns ateigados de rapazada que disfrutan coa súa arte e sensibilidade.
A súa achega é máis ditosa cando sabemos que máis da metade da poboación galega non vai endexamais ao cinema, que eles están a levar fachendosos aos lugares máis illados da nosa Galiza rural. Estamos a falar dunha das afeccións máis cultivadas por Díaz Castro, a cinéfila, que mesmo o empurrou a intentar algún guión e a frecuentar salas de cinema en Madrid, Vilagarcía, Guitiriz...
Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora