
No ano 1991, ao quitar caleado das paredes, foron descubertas as pinturas murais da igrexa de San Vicente dos Vilares nas Reixas. Un ano despois, o profesor Juán M. Monterroso Montero, publicaba no número 8 do caderno de estudios mindonienses o seu estudio "San Vicente de Os Vilares. Nuevas pinturas de un antiguo maestro (S.XVI)" que informaba do achádego e ilustraba sobre a súa importancia. A igrexa dos Vilares, que ten a súa orixe no século XII e que sufreu varias modificacións, a primeira delas no século XIII, foi sempre un importante centro de culto, dependente primeiro de Monfero e posteriormente e ate hoxe de Mondoñedo.
Os frescos situanse na parede de frente á entrada os primeiros (dos evanxelios) e representan tres esceas:
1. Lamentación de Cristo Morto.
2. Imposición da casulla a San Ildefonso.
3. Santiago Matamouros.
Parede á dereita da entrada (da Epístola):
1. Ornamentos xeométricos.
2. Fragmento de escea de paisaxe.

Estes elementos pictóricos foronse conservando pola costume profiláctica desde o século XVI de calear as paredes para evitar a proliferación de pestes e enfermidades.
Datan segundo o estudo de Monterroso Montero do Século XVI, probablemente de 1530 a 1540 na que coinciden tamén cos da igrexa de San Estebo de Parga e probablemente o autor, polas coincidencias iconográficas das pinturas, da autoría do Mestre de Parga, moi coñecido na época.
Hoxe, os frescos dos Vilares, deteriorados e en perigo de desaparición definitiva pola falta de atención e mantemento, as humidades, e o paso do tempo, precisan de traballos profesionais de recuperación como elemento patrimonial de grande importancia e para evitar que pasen a ser lembrados unicamente por publicacións como a mencionada anteriormente. Os retablos, os cruceiros do calvario, o sarcófago, a propia igrexa, son un importante valor patrimonial que se debe reforzar coa recuperación deses frescos.
É por esto que o proxecto multidisciplinar Os Vilares, lareira de soños, que dirixe Pastora Veres, solicitará entrevistas cos responsabeis das respectivas administracións (Deputación, Xunta, Arzobispado) para sensibilizalos, documentar o estado dos frescos e promover a súa restauración e posta en valor da maneira máis acaída.
O patrimonio etnográfico e arquitectónico da parroquia esmorece e aos frescos habería que sumar outros moitos elementos que tamén abordaremos como os vellos cobertizos da feira, a mellora da Casa Habanera da Conchada, o sindicato, a casa natal de Díaz Castro, muíños, fontes, lavadoiros, etc...
Non hai nada peor paea o noso patrimonio que o seu abandono e posterior esquecemento, polo que é de agradecer ao proxecto dos Vilares o seu interés en recuperar o patrimonio material e inmaterial da pequena parroquia chairega do poeta Díaz Castro e achegar o seu coñecemento á opinión pública e aos responsabeis politicos respectivos.