Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Santuario do Cebreiro (1). Etnorituais e Ofrendas.

jueves, 19 de noviembre de 2015
Publicado en Revista Croa, Nº25, 2015.

Introducción
O fenómeno relixioso popular tenta dar solución a necesidades non satisfeitas polo sistema relixioso oficial; polo tanto, fronte á linguaxe conceptual do sistema oficial, que é ininteligible para a xente sinxela, a relixiosidade popular tende de cara a outras linguaxes baseadas na sensibilidade e na imaginación. Como producto da sensibilidade proxectámonos de cara a algo singular, concreto e tanxible, reflectido nas imaxes, e símbolos de entidades divinas. Como producto da imaginación proliferan as narraccións e lendas, que son instrumentos de transmisión oral de diferentes eventos relixiosos. Estes novos modos de percepción do sagrado están máis cercanos ao corazón que ao entendemento. En consecuencia, a relixiosidade popular aparece máis como a expresión de aqueles que sinten e ven, que de aqueles que saben e coñecen. Asi mesmo, este fenómeno relixioso amosa un claro componente pragmático en canto que se fundamenta nun mutuo intercambio de favores.
Unha das manifestacións básicas da relixiosidade popular encontrámola nos santuarios. O santuario funciona como un espazo de mediación entre dúas dimensións: a coñecida e a descoñecida; a humana e a divina; a natural e a sobrenatural. No seu interior, os devotos establecen unha relación persoal, sen interferencia doutros intermediarios, coa imaxe obxecto de devoción e que goza da súa confianza. Non embargantes, o maior ou menor número de devotos que acoden a un santuario, está relacionado cos prodixios ou curacións que lle adxudicaron á súa imaxe de devoción ó longo da súa historia. Estes contribuiron a fomentar e dar solidez a súa devoción. “A sona dun centro romeiro deriva dos portentos que lle son atribuídos”.

1. Trazos Xeográficos e históricos de Concello de Pedrafita
O santuario do Cebreiro encóntrase no lugar do mesmo nome, parroquia de Santa María do Cebreiro, do arciprestado de Triacastela e diócese de Lugo, e, tocante á administración civil, pertence ao concello lucense de Pedrafita do Cebreiro.

O concello de Pedrafita, dunha extensión de 104,9 km2, sitúase no ámbito das serras orientais, onde conversen as altas terras de os Ancares e o Courel. No seu territorio conflluen diferentes estribacións montañosas. Así, mirando ó leste encontramos os montes de Pedrafita; na parte septentrional se une cos Ancares; no seu tramo meridional enlaza coa serra do Courel; e de cara u oeste se desdobra en dá orixe ás serras do Oribio e aos montes de Louzara. No marco deste conxunto de estribacións montañosas, tamén, encontramos profundos vals coincidentes coas cabeceiras de importantes ríos como o Lor, o Louzara e o Navia.

O clima do concello é de tipo oceánico de montaña, o que motiva que os veraos sexan curtos e frescos e os invernos fríos e longos.

Respecto a demografía do municipio, o trazo dominante é o descenso da poboación desde principios do século pasado, aínda que a partir da década dos cincuenta a emigración acada cifras alarmantes, provocando un avellentamento da poboación. Así, mentres que no ano 1900 o concello tiña 4217 habitantes, no 2014, segundo o Instituto Nacional de Estadística, acadou 1155, distribuidos nas seguintes parroquias: O Cebreiro (Santa María), Fonfría (San Xoán), Hospital (San Xoán), Liñares (Santo Estevo), Lousada (San Vicente), Louzarela (San Xoán), Pacios (San Lourenzo), Padornelo (San Xoán), Pedrafita do Cebreiro (Santo Antón), Riocereixa (Santa María Madanela), Veiga de Forcas (Santa María), Zanfoga (San Martiño).

Historicamente as altas terras de o Cebreiro, tiveron sempre unha función de paso para acceder a outras comunidades. Así, unas veces foi o itinerario das vías romanas; logo, usouse, como camiño de Sant-Iago e camiño real e, no século XIX, construiuse a primeira estrada moderna de acceso dende a meseta. Dous trazos moi singulares do municipio son: as vivendas tradicionais ou pallozas, de orixe prerromana, e o santuario do Cebreiro, que nos seus inicios foi antigo priorato e hospital. No ano 1821, o seu territorio estaba repartido entre os concellos do Cebreiro e Vilanova do Padornelo, fusionados en 1835 no concello do Cebreiro. A súa adscrición xudicial cambiou ao longo do tempo. Así, de 1821 á 1840 permaneceu no partido xudicial de Cruzul; entre os anos 1840 e 1965 pasou a Becerreá; logo, ata o ano 1988, a Lugo; e, finalmente, voltou a Becerreá.

En canto a economía do concello, o 64,76% da poboación activa está ocupada, dun xeito preferente, nunha agricultura de autoconsumo e nunha gandeiría vacuna para a carne. A industria tivo siñificación ata o peche da importante planta mineira de Exminesa. Na actualidade, pequenas industrias artesanais ocupan ao 18,47%. O resto traballa en actividades terciarias –comercios, hostelería, turismo- que se aglutinan en torno á vila de Pedrafita, como centro de servizos para un territorio de montaña.

2. Trazos históricos do santuario e anexos
O Cebreiro é unha pequena entidade de poboación que, segundo o Instituto Nacional de Estadística, posúe 27 habitantes. Esta situada na parte oriental da provincia de Lugo, a uns 1300 metros de altitude. O motivo esencial de que esta pequena colectividade sexa coñecida dunha maneira universal débese a conexión que tivo dende sempre coas peregrinacións a Santiago de Compostela. Así, é moi probable –segundo nos informa o P. Yepes- que ao comezar as peregrinacións, os monxes de San Bento construísen un mesón-hospital no ano 836.

Dende os seus inicios, os reis favoreceron a este refuxio de peregrinos, declarandoo de protección real. Así, no ano 1072, Alfonso VI puxo ó fronte deste mesón-hospital ós monxes de Aurillac, ligados a Cluny. Doña Urraca, filla de Alfonso VI, donou outro hospital en Pereje –a vinte kms. do Cebreiro- para máis alivio dos peregrinos e desafogo do Cebreiro. D. Fernando II e a súa dona concederon os lugares de Pereje e Zanfoga– este último, a cinco kms. de distancia do Cebreiro. No ano 1189, Alfonso IX donou ao Hospital do Cebreiro o monte de Connania, onde está situado o Cebreiro. Así mesmo, fai doación de tódolos lugares do seu coto e freguesía. O 13 de xullo de 1369 Enrique II, encontrándose en Triacastela, concedeu ao Priorato e Hospital do Cebreiro o privilexio de que todos os veciños e moradores do coto do Cebreiro e Pereje non pagasen ningún tributo. Este privilexio así como as demais concesións realizadas polos seus antecesores foron confirmados por Xoán I no ano 1379 e polo seu neto (nombre) en 1420. Todo isto motiva que as propiedades do Cebreiro, como efecto das doacións, se extendesen ata a rexión do Bierzo. Non embargantes, a decadencia de Aurillac, o sistema de Encomendas, a opresión exercida por cabaleiros sen escrúpulos, así como un incendio acaecido a mediados do século XV, levaron ao Hospital do Cebreiro a un estado ruinoso. Polo tanto, a chegada dos Reis Católicos en setembro do ano 1486, como peregrinos a Compostela, vai ser providencial, xa que a vista do estado calamitoso que amosa o Hospital, adquiren o propósito de redimir ao Cebreiro desta situación de abandono, para que recobre o seu prestixio histórico. Para solucionar esta situación, os Reis Católicos diríxense ao papa Alexandro VI solicitando a anexión do mosteiro de San Vicente do Pino de Monforte e do priorato de San Pedro de Valverde, próximo a Monforte, ao priorato do Cebreiro, e, como consecuencia, éste quedaría ligado á S. Bento o Real de Valladolid. O papa accede á petición dos Reis cunha Bula que expide en Roma o 18 de xuño de 1496 pola que o Cebreiro, abandona a dependencia de Aurillac, e pasa a unirse a S. Bento o Real de Valladolid. O desexo dos Reis Católicos por engrandecer ao Cebreiro queda reflectido non só pola ratificación de todas as doacións e prerrogativas levadas a cabo polos seus antecesores senón tamén polos novos privilexios concedidos ao longo dos anos.

O século XVI representa unha época de transición para o Cebreiro. Aínda se seguen expedindo privilexios reais con Carlos V e Felipe III. Así, no ano 1520 Carlos V expide dende A Coruña unha Real Cédula na que confirma todos os privilexios dos seus antecesores e ordena que sexan gardados como o foron ata o intre actual. Tamén a comezos do século XVII (1605) Felipe III expide en Valladolid unha solemne confirmación de todos os privilexios de Nosa Señora do Cebreiro.

O século XVII marca xa unha etapa na que se comeza a facer patente a súa decadencia, influíndo unha serie de feitos: 1º. A merma das peregrinacións a Santiago. 2º. O preito do Cebreiro coas súas igrexas filiais de San Martíño de Zanfoga, Santa María Madalena de Riocereixa, San Estevo de Liñares e Hospital da Condesa e, 3º O incendio que tivo lugar no ano 1641. Todo isto posibilita que no ano 1722, o Cebreiro teña que pedir un préstamo de dous mil ducados e, logo, contar co apoio económico do mosteiro de Valladolid do que dependía como priorato. A partir deste século, o declive vaise incrementando co paso do tempo ata que os monxes son expulsados de O Cebreiro como consecuencia das leis desamortizadoras de mediados do século XIX. A última sinatura aparece no Libro de Bautizados nunha partida de data 28 de agosto de 1858, sendo o firmante o crego prior desta parroquia, Fr. Xosé Pereiro. Días despois o Cebreiro convírtese nunha freguesía máis da diócese de Lugo, que paseniño vai acelerando a súa ruina e abandono, ata que, no ano 1963, a Dirección Xeral de Arquitectura leva a cabo a restauración comezando pola igrexa, o mesón, novas casas para os veciños, e o acondicionamento dunha palloza para Museo Etnográfico. Deste xeito, a nova hospedería ábrese ao peregrino no ano 1966. Anos despois, e malia algunhas críticas a este labor, o Cebreiro foi equipado dos medios necesarios para dar resposta á gran demanda de peregrinos iniciada no 1993 con motivo do Ano Santo Compostelano e que marcou o inicio dunha nova etapa para este lugar de peregrinación.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania