Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Filgueira Valverde, 79 anos despois

martes, 17 de noviembre de 2015
Cando o Mestre Xosé Fernando Filgueira Valverde escribe e, despois pronuncia en Radio Lugo, esta conferencia para pedir o SI, ao Estatuto de Galicia de 1936, levaba un curso incorporado á Cátedra de Lingua e Literatura, no Instituto Nacional de Enseñanza Media de Lugo. Era, pois, un mozo de 29 anos coa súa carreira docente e política consolidada. Xa fora, desde 1928, axudante interino da Sección de Letras no Instituto de Pontevedra, e xa aprobara as correspondentes oposicións en marzo do trinta e cinco.
Tamén era un político bastante coñecido, pois xa tiña exercido de secretario de Labor Galeguista na súa cidade natal; tamén estivera moi activo na Asemblea Constituínte do Partido Galeguista (5 e 6 de Decembro de 1931), e fora elixido secretario técnico do Partido Galeguista, cargo que exerceu durante dous anos. Asemade tiña participado intensamente na elaboración do texto do Estatuto de Galicia redactado no seo do Seminario de Estudos Galegos e, especialmente, interveu activamente na Asemblea de Municipios de Galicia, aquela que impulsou o 1º Estatuto de Autonomía, celebrada en Santiago entre os días 17 e 19 de decembro de 1931. Desta asemblea saíu o xermolo do texto que se ía votar aquel 28 de xuño de 1936, precisamente do que fala e defende Filgueira na conferencia/mitin, que se ven de publicar.

Afirmaba ao comezo que esta conferencia/mitin ten aplicación hoxe por tres razóns:
1. Porque clarifica a ideoloxía político-autonomista de Filgueira e da Dereita galeguista.

2. Porque define un modelo de desenvolvemento autonómico coherente e integrador de Hespaña.

E 3. Porque ofrécenos, agora e cara ó futuro, “un proxecto suxestivo de vida en común” para a convivencia española.

Antes de referirme a estes tres puntos, parece conveniente clarexar brevemente o motivo de ser presentada esta publicación no Centro Ramón Piñeiro, e no edificio de San Roque.

Estar neste Centro motívase porque o Mestre Filgueira estivo intimamente unido ao Instituto Pai Sarmiento (ubicado aquí). Asemade está aquí o Consello Escolar de Galicia que representa aos profesionais da función á que se adicou preferentemente o Profesor. Finalmente o Mestre Filgueira, formou parte, desde o inicio, do proxecto e do Consello Reitor do Centro Piñeiro. Aínda máis, cómpreme manifestar aquí que foi un dos promotores da creación do Centro.

Lembro que, naquel momento (nos anos noventa e catro – noventa e cinco), o Presidente Fraga manifestou o desexo de facer unha institución que fose (cito textualmente) “unha homenaxe permanente ao noso benquerido amigo Ramón”. Da realización dese desexo foi encargado o entón Conselleiro de Educación, D. Juan Piñeiro Permuy, quen contaba co apoio de todo o goberno e con bos soportes (digamos) “exteriores ao goberno da Xunta”. En concreto, deste “apoio externo” debo citar ao, entón, Presidente da Real Academia Galega D. Domingo García Sabell, ao Presidente do Patronato Rosalía de Castro D. Agustín Sixto Seco, e a D. Xosé Fernando Filgueira Valverde antigo Profesor, en Lugo, dun xoven bacharel chamado Manuel Fraga Iribarne. Tamén é de xustiza ben agradecida citar ao equipo inicial e impulsor deste centro. Este equipo foi, en boa parte sigue a ser, o grupo do gran promotor e creador de equipos (coma o foi D. Xosé) do inesquecible asturiano e Profesor (ovetense e compostelán de pro) D. Constantino García González.

Feito este recordo – homenaxe, ao que apetéceme engadir un agradecemento explícito ao actual equipo do centro, polo seu exemplar traballo actual, voltemos ao texto que nós ocupa.
Dicía que o texto ten plena actualidade por clarificador ideolóxico, definidor do modelo autonómico e ofrecernos,agora e cara ao futuro, “un proxecto suxestivo de vida en común”.

Vexamos:

- A primeira parte do texto é unha clarificación dos principios antropolóxicos de D. Xosé Fernando e, por extensión, da dereita galeguista que non é outro que un vitalismo de corte orteguiano, completado coa crenza cristián. Sensu contrario, esta ideoloxía enfronta dereitamente cos dous imperialismos rampantes nos anos trinta en Europa e en España que eran: o materialismo dialéctico leninista e o capitalismo salvaxe agochado no nazismo e no feixismo.

- Na segunda parte do discurso faise unha historia da singularidade de Galicia, e das virtualidades dun proxecto autonómico para desenvolver, co Estatuto aprobado, unha Galicia próspera dentro dunha Hispania Maior (recordo da Hispania romana). Tal era a interpretación que facía Filgueira e a Dereita Galeguista do proxecto autonómico que se estaba a desenvolver ao abeiro da Constitución de 1931. Este proxecto era nidiamente: autonomista, integrador e pacífico. Polo tanto, nunca, endexamais se debeu poñer en práctica -saltándose (¡tamén daquela!) a legalidade da Constitución republicana- baixo as opcións extralegais: federalista, disgregadora e violenta.

Penso que a idea autonomisma defendida por Filgueira como conselleiro das Forzas galeguistas de Dereita atopámola resumida no parágrafo que se le no final da páxina 38 onde di así: Nós, os que hoxe co Estatuto pedimos a autonomía non somos un pobo de separatistas. Non sabemos o que é o separatismo. Somos o berce maternal das Hespañas a “terra genÇor” “la España madre de la España entera”, a célula da formación histórica e social da Hispania cristiá.

- Se, como poidemos ver, temos aquí un modelo definido de autonomismo, tamén –na páxina siguiente (final da 39), ofrécese, cara o futuro, “un proxecto suxestivo de vida en común” cando se di:

Temos tamén o dereito a que se sepa que pedimos a nosa libertade non para arrenegar da nosa historia [fraterna], senón para que teña agora inda mellor cumplimento esa misión maternal de Galicia …(e remata) agardando de novo … as terras da Hespaña a xunguirse nunha [superior] soliedariedade superestatal.

Penso que nesta frase contense unha referencia anticipadora a unha futura unidade superestatal que, hoxe, ten a súa realización na Unión Europea.

Utilizamos aquí ideas que D. José Ortega y Gasset expón e D. Xosé Fernando asume. En concreto, Ortega na España invertebrada (na edición de 1983 de Alianza Editorial, 1ª parte, apartado 3º, páxina 41, parágrao 2º) escribe este texto tan repetido:

…la incorporación nacional, la convivencia de pueblos y grupos sociales exige alguna empresa de colaboración y un proyecto sugestivo de vida en común. La historia de España confirma esta opinión, que habíamos formando contemplando la historia de Roma. Los españole nos juntamos hace cinco siglos para emprender una weltpolitik y para ensayar otras muchas faenas de gran velamen.

A historia de Roma recóllea o Mestre Filgueira na mención á tradición da Hispania maior, a welpolitik reflíctese no seu deseño da autonomía, e as “faenas de gran velamen” ábrennos ás comunidades fraternas de España e á Unión Europea. Ortega pensaba e dicía que España debía unirse e para iso o sistema que se debe seguir unidos e progresando era o seguinte: proyectar empresas comúns. Textualmente dicía:

Mientras España tuvo empresas a que dar cima y se cernía un sentido de vida en común sobre la convivencia peninsular, la incorporación nacional fue aumentando o no sufrió quebranto. (Isto tamén está tomado da páx 43 da citada España invertebrada)

¿Era todo esto unha ensoñación dos dous autores coetáneos e contemporáneos D. José Ortega e D. Xosé Fernando Filgueira Valverde? Pois, penso que non. Creo que é unha posibilidade aberta e suxestiva para Galicia e España. Creo isto por dúas razóns: unha de tipo histórico e outra baseada en feitos constatables.

- Os feitos constatables patentízanse na propia existencia do Comité de Rexións Europeas e da participación efectiva das Comunidades Autónomas e Rexións recoñecidas na Comisión Europea. Por exemplo, nos xornáis do mércores 14 de outubro puidemos ver a seguinte noticia: Galicia impón, por unanimidade, as súas ideas sobre acuicultura ante o Comité das Rexións da U. E. (¡Noraboa á Dirección de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta!)

- A razóns de tipo histórico estan. Por unha parte, no Título X da Constitución actual no que se contempla a posibilidade de reforma da propia Carta Magna. Nesta probable reforma temos a experiencia histórica razonablemente boa do actual proceso autonómico. Por outra parte. na historia do proceso de elaboración do primeiro Estatuto de Galicia temos un precedente alentador. Neste eido quero, para rematar, recordarlles o que se di na nota (páxina 14 da publicación) da que estamos a falar:

A Asemblea de Municipios foi promovida polo Alcalde de Santiago Raimundo López Pol, nela tivo un papel destacado o concelleiro e profesor universitario Enrique Rajoy Leloup.

Loxicamente, cabe pensar e penso que o neto de D. Enrique pode saber dabondo sobre autonomismo.

(Este texto foi leído polo noso colaborador na presentación da publicación AS RAZÓS DO NACIONALISMO AUTONOMIST, no Centro Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela).
Regueiro Tenreiro, Manuel
Regueiro Tenreiro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania