Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

David Otero, Chairego de Honra

martes, 17 de noviembre de 2015
Este que aquí fala vén de terra de canteiros, de arghinas e mestres da pedra que fixeron da rocha a súa fonte nutricia, o seu sustento. Procedo da terra de Xohán Xesús González (canteiro), da terra do Umia, onde ferve a auga entre os penedos que labraron os mestres artesáns, do país da xantarela, do lumión, a goupa e a terragheira.

E agora teño que falar de alguén, do David, co que non comparto unha David Otero, Chairego de Honracanteira de cousas. Non comparto idade nin moitas canas, non comparto concello de orixe nin de residencia, non comparto veciños nin faladoiros cotiás, non comparto currículo nin docencia, non comparto moitos tempos nin moitísimas vivencias, e aínda así as hai.

Vai, pedriña, vai!
E vai, miña pedriña, vai!
Pedriña, vai,...!
E vai,... e vai,... e vai!

Tal e como me acontece con Xosé María Lema, teño a desgraza de que David Otero non foi o meu mestre, en ningún centro de ensino,… Non foi mestre nas miñas aulas e tampouco fun eu alumno dos seus pupitres, mais si o foi de verdade nas experiencias vitais que marcaron parte da miña razón de ser (buxo, beleza, liberdade...).

PRIMEIRA PEDRA – GOREA ARRIA: Lembro que hai anos estivera o David co meu pai, acompañado de Concha (esa persoa que lle pon pés as ás abertas do David)… Xa daquela non eran veciños do concello de Cuntis. Si o foran cando eu debía ter oito anos e compartía aulas co seu fillo maior, Seném. Pois daquela viñera á xastrería dos meus pais de visita,… e eu, entusiasmado, amosáralle o debuxo dun cabalo que tiña feito a plumiña. O David gustara del e, para me animar, dixérame:
-Un día hasme ilustrar un libro,…

Síntoo, pero agardo con impaciencia ese momento,... Xa son debuxante, tomeiche a palabra hai 25 anos e agora non tes escusa. Para cando a encarga?

E vai,... e vai,... e vai!
A un... pedreiro
A unha... pedra
Alá compañeiro
Que podemos con ela.

David Otero, Chairego de Honra
SEGUNDA GOREA: Doutra volta, nun dos xantares organizados para a entrega dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, promovidos pola Asociación Cultural O Brado (da Estrada), David coméntame que con 5 máis coma min se faría unha revolución. Daquela eu dixéralle que esa estaba por vir,… coma tantas outras revolucións. Mais a resposta non era escusa, estaba todo cavilado, existía un folla de ruta. Certo día reúnese o gremio e varias ducias de mozas e mozos, todos canteiras e canteiros coma min, argallamos en Cuntis o que demos en chamar O Fervedoiro, coa súa sección idiomática denominada ACUDE ALÍ: Acción Cultural na Defensa d’A Lingua. Velaí que ao David non lle quedase máis remedio que vir presentar connosco este colectivo, que aínda loita pola dignidade idiomática e cultural, que aínda loita pola conservación dos espazos naturais da bisbarra do Umia, por erguer a memoria dos que fican aínda debaixo dunha fosa común ou dunha campa sen epitafio. E seguimos bourando pola cultura autóctona, pola propia e comunal, a que nos identifica como pobo diferenciado. Nese día, cabo del estaban outros canteiros amigos e irmáns: Avelino Pousa Antelo, Xosé Luís Bóveda e Xoán Xosé Fernández Abella,…

Fixémolos padriños da asociación, e a nós quixéronnos como afillados (con bolos de ovos e pan de manteiga), colaboraron en multitude de actos, en presentacións de libros, nas homenaxes ao egrexio nacionalista Xohán Xesús González (porta dun futuro proletario, con pólvora e magnolias). Chegaron, con ímpeto os concertos musicais: Na lingua Nai,… Lingua Proletaria do meu pobo e canto porque si,… e –ao calado- asexaron as pantasmas, os espías, os cipaios e as denuncias posteriores da Galicia bífida, a censura, o desprezo, o dedo acusador polo feito de empregar o galego en concursos dirixidos ao centro de ensino do meu municipio, o CPI Aurelio Marcelino Rei García (nome dun que foi mestre e preso na Illa de San Simón: Viva a República Galega!). Porque era delito pedirlle ás crianzas que defendesen e respectasen o seu idioma, que gardasen a memoria de Castelao e Bóveda e de todos os galeguistas, que gardasen a memoria dos milleiros de falantes anónimos que nos regalaron este código e este músculo co que nos comunicamos. Logo da carrexe e a posterior frustración, estaba David agasallándonos cos seus ánimos para iniciar de novo a mesma loita que principia Penélope todas as mañás (as de tecer un país, unha lingua e unha matria).

Ghina racha, ghina racha
Ghina si queres ghinar:
Si foses lus de keikoa
Nexo xerias esperar

Chega a noite, chega a noite
Chega, se queres chegar
Se fose día de festa
Non te farías esperar

TERCEIRA GOREA: Hai anos comecei a publicar en Edicións Fervenza, a facer ilustracións, algún prólogo, algún libro de autoría,… Lembro perfectamente o instante no que o caifós indicaba que teriamos a primeira reunión. Estamos na Estrada, nunha cafetería preto do concello. Chove na rúa, xunto aos semáforos, e ademais do responsábel da editorial -Xosé Luna- senta ao meu lado Fernando González Graña, pero tamén David Otero,… Quizais desta volta, o mestre fita para un co obxecto de me facer unha psicanálise, pois coido que quere ver en min se existe ou non certeza á hora de defender o idioma de noso. Digamos que aposta por un, máis talvez quere selar con lacre o que el xa sabe de certo.

Son un canteiro novo
Inda non gaño diñeiro
Boto barro nas paredes
Levo os picos ó ferreiro

GOREA XIDA: Nas orientacións, nas teimas,... sempre está David Otero, detrás do fío telefónico, no ánimo, no impulso, no ímpeto e no chimpo… Por iso teño que consideralo o meu mestre, o mestre de moitas e de moitos, o amigo, o camarada, o compañeiro e o irmán. Velaí que non comparta nada el, case nada,... ou quizais –do fundamental- case todo.
Xa que falar de David é falar do mesmo compromiso que os Mártires de Carral lle transmitiron aos membros do Banquete de Conxo, semellante ao que Aurelio Aguirre lle traslada a Murguía, e o que este lle ofrece a Castelao e faísca con forza nas Irmandades da Fala, e o que Castelao lle entrega a Avelino Pousa Antelo, e Avelino a David Otero,... e David Otero a todas e todos nós... Porque en resumo vivimos coa Lingua na Terra, coa palabra do país, e co compromiso nel e nos nosos irmáns e irmás. Ao fin e ao cabo, para sermos sempre, Galiza sempre, sempre en Galiza,... lingua patria e nazón de Breogán.

(Palabras de Heitor Picallo no acto en Vilalba no que Xermolos-Irmandade Manuel María homenaxearon a David Otero nomeándoo Chairego de Honra).
Picallo Fuentes, Heitor
Picallo Fuentes, Heitor


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES