Paus nas propias rodas
Piñeiro, Antonio - lunes, 16 de noviembre de 2015
Hoxe -onte, para vostede- lin na prensa unha conversa telefónica presuntamente delictiva, dado que forma parte dun sumario xudicial ou dunha investigación policial, que me fixo cavilar profundamente sobre a teoría do péndulo na que esta sociedade nosa vive montada dende tempo inmemorial e sobre cómo a Administración xeral -e, polo tanto, tamén a xudicial- está tan afeita a poñer paus nas súas propias rodas, cousa que fai que xamais, en canto non sexa profundamente reformada, sexa un morto completamente inerte. Explícome.
A conversa era mantida entre un representante dunha empresa e un representante do Concello de Pontevedra e, por se non a leu, estaba reproducida, en versión resumida, nos seguintes termos:
- ¿Sí?
- Mira, te llamo de parte del alcalde
- Sí, sí.
- Me llamo "tal". No sé si te comentó el...
- Sí, sí. Claro que sí. ¿Qué tal, cómo estas?
- Vamos a ver. Quería quedar contigo, si puede ser algún día de éstos, para hablar del asunto que hablasteis los dos...
- Sí, sí, sí...
- Y comentar qué solución es la mejor para todos. ¿Vale?
- Yo estoy en Santiago. ¿Tú dónde estás?
- Yo, en Santiago estoy el lunes en la mañana.
- Vale. Entre doce y una estoy allí.
-Vale, pues entonces me paso...
(...)
A conversa segue por estas coloquias vereas ata que ámbolos dous sedespiden:
- Estupendo, gracias, hasta lueguito.
- Perfecto, pues muchísimas gracias ¡eh!, un saludo.
Eu non sei vostede, benquerido lector, pero eu pensei que se disto se desprende algún presunto delicto, entón que deus nos colla confesados a todos cantos temos algo que ver coa Administración Pública.
Unha administración que despois de ter a peneira con redes de buratos coma pratos, agora ponlle unha rede pola que non entra o fío da costura, cousa que fai -como dicía Celso Emilio- verbigracia, que no canto de xestionar as comidas dos centros escolares con restaurantes do mesmo pobo -non vaia ser que o director do centro e o restaurante compadreen e o director consiga a comida de papo-, promovan macroconcursos con macroempresas de catering do outro lado do mundo que logo, cando envían a comida ós centros, leva tantos quilómetros percorridos que lles chega podre.

Piñeiro, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora