Ofrenda a San Martiño
Vázquez, Jesús - miércoles, 11 de noviembre de 2015
Permíteme, meu Señor San Martiño, que por primeira vez como Alcalde, e con voz prestada polos homes e as mulleres de Ourense, participe nesta festividade de homenaxe da cidade ao noso patrón, e manteña así, o compromiso permanente desta Alcadía coa historia, coas raíces e coas tradicións.
Este ano, San Martiño, o teu exemplo de xenerosidade, cando partiches a túa capa para cederlle a metade a un pobre en Amiens, no frío inverno do norte da Galia, debe ter un significado moi especial. Pero tamén, San Martiño, a túa actitude de defensa da vida de quen vía as cousas de forma tan distinta a ti, como Prisciliano, a quen non puideches salvar.
Nós sabemos dos problemas que angustian a moitos habitantes da nosa cidade e da nosa Terra:
Sabemos do avellentamento da poboación que fai imprescindible ese esforzo das familias, das administracións e das organizacións sociais da Igrexa para atender con humanidade aos nosos maiores.
Sabemos das carencias e falla de traballo que abafa a moitas familias, especialmente aos máis novos e que fai renacer, con novas caraterísiticas, unha emigración durmida durante anos.
Sabemos do fondo materialismo que trata de afogar aos mozos na inmediatez dos desexos por cumprir e na ansia de posuír uns bens materais, que no fondo, son intrascendentes para a súa felicidade.
Os esforzos na mellora destas e doutras moitas cuestións cotiás centran a nosa actividade, e pedimos tamén a túa intercersión, noso patrón San Matiño, porque toda axuda é pouca para o benestar e felicidade das nosas xente.
En Ourense hai unha rúa, pegada a esta catedral, que leva o teu nome e comeza na túa imaxe partido a capa. En Buenos Aires tamén a rúa San Martín, patrón daquela cidade, pegada á catedral, comeza nunha imaxe túa partindo a capa. Nesa catedral porteña o Papa Francisco foi arcebispo durante anos. Queremos crer que a sensibilidade social del e nosa, ten en común a proximidade do teu exemplo, noso santo Patrón.
Sabemos, si, dos sufrimentos do mundo, e por eles che pedimos.
Sabemos da angustia e padecementos dos irmáns siríacos, caldeos e coptos, tamén católicos e doutras familias cristiás, e incluso do simple pobo musulmán ou xudeu, a mans das interpretacións radicais e extremas das ideas relixiosas dominantes naquelas terras de Africa e Oriente.
Sabemos dos sufrimentos das enfermidade que tantas familias levou en África este ano e do compromiso exemplar dos misioneiros.
Sabemos das guerras que atafegan moitas partes do mundo en peor situación ca nós, e como foxen do desastre e veñen cara a Europa, como se dunha nova Terra de Promisión se tratase.
Moitos milleiros levan morto nesa travesía de proporcións bíblicas, e sabemos que, xuntos, debemos estar á altura con xenerosidade, humanidade, esperanza.
Debemos lembrar, como exemplo, a escena da aparición de Cristo, vestido co trozo de capa que lle dera ao pobre, nos soños de San Martiño, aquela noite, segundo nos conta Sulpicio Severo,: O que lle fixeran a un destes pequenos, a min mo fixeron.
Debemos pois partir metaforicamente as nosas capas, para que o noso pequeno benestar poida amortecer á súa grande desgraza.
Que a nosa cidade sexa un exemplo de esforzo para paliar as desgrazas propias e alleas, coa xenerosidade e bonhomía que fixo dicir de San Martiño, o noso patrón e guía, que a niguén xulgaba, a ninguén facía dano, a ninguén devolvía mal por mal.
Que a ofrenda que fago en nome dos ourensáns neste día grande da túa Festividade, sirva como testemuña permanente do noso respecto e cariño.
Grazas Señor San Martiño, e intercede por nós e por todos os que o precisen.
(Ofrenda a San Martiño no seu día, feita por Jesús Vázquez Abad, Alcalde de Ourense).

Vázquez, Jesús