Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Poemas de Amor en Outono

viernes, 13 de noviembre de 2015
Poemas de Amor en OutonoO pasado venres 6 de novembro tiven o pracer de acompañar a Toño Núñez na presentación do seu poemario Poemas de Amor en Outono no Salón de Actos do Instituto Lucus Augusti. Na mesa estiveron tamén Xosé Otero Canto e mais Bruno Máez, un como moderador e recitador e o outro na apoiatura informático-cinematográfica. Amais, o grupo Batital amenizou a velada interpretando diversos temas, un deles musicación dunha composición do libro que se presentaba e que ilustrou Miguel Anxo Macía. As palabras que seguen foron as que dediquei a introducir o libro de versos do poeta de Navia.

A poesía é o gran milagre do mundo, deixou escrito Luís Pimentel, poeta maior desta urbs romana que nos acolle. E é verdade. Sen a palabra que aloumiña o Tempo, ¿quen podería aturar os días avarentos?, ¿como celebrar as xeiras solares? Somos raqueiros da verba. Tiramos dela as enerxías necesarias para fundar o futuro, para guiar o presente, para honrar o pasado. Por iso, que nos convoque hoxe aquí a celebración destes Poemas de Amor en Outono de Toño Núñez é a mellor confirmación, máis unha vez, Poemas de Amor en Outonode que somos por obra e arte da palabra, a casa do ser, o miliario áureo a partir do cal cobra sentido a medición do que imos sendo.

Coñezo poucas persoas que posúan, en tan alto grao, a fe poética que Toño atesoura. Vencedor de todos os anxos soturnos do desalento, este meu amigo naviego conxurouse consigo mesmo para facer realidade unha arela: a de ver publicado este volume –en realidade un libro cd– na compaña dos seus amigos; a saber: o pintor Miguel Anxo Macía, responsable das ilustracións que visten estas páxinas; o fotógrafo e director de cine Bruno Máez, responsable das imaxes e montaxe do dvd que acompaña o libro; e o músico Carlos Díaz, encargado de facer vibrar sonoramente a palabra aquecida do poeta. Neste concerto, servidor tivo a fortuna de axudar a colocar o ramo cunhas palabras limiares, que son apenas unha salutación e desexo de boa fada para que estes Poemas de Amor en Outono se fagan ver de lonxe polo Fachinelo no peito dos letraferidos.

Toño, o amigo Toño, é un soñador. El sabe, coma min, que publicar un libro de poemas é como guindar un pétalo de rosa ao Gran Canón e agardar polo eco, que diría o escritor e periodista estadounidense Don Marquis. E, secasí, teima en darse na verba, en instituír o reino independente da súa palabra soberana, imperio do ser sentimental que lle dita o rumbo versal como unha sorte de buxola pola que guiar a singradura dos traballos e dos días.

O poeta de Vilameixide aprendeu pronto que a escrita non é a procura do oficio, que a palabra non se domea con postureos de profesional da Cultura e que Arte fai os versos, pero só o corazón é poeta.

Porque Toño non pode evitar poetizar, vai na súa esencia mesma, é un xeito de estar no mundo dende o que concibe a señardade do pasado en Navia, os amores e desamores que foron, son e, quen sabe, han ser e, xaora, as estrofas como látegos contra a incuria, o abandono, a inxustiza, o maltrato. Verbas ergueitas para a reparación histórica, para a irmandade e a solidariedade, tamén para a patria de Venus, para a paixón que arde nas arterias todas e, sempre, sempre, o nadir naviego, un Paradiso infante memoriado, cardiopaisaxe que vai cosida aos sangumiños, que alenta na santa dos ollos mesma.

Cando un percorre as planas de Poemas de Amor en Outono descobre pronto o incendio do corazón. Sabe, con seguranza indubitable, que é certo aquilo que aseguraba Hebbel de que a Humanidade soña por medio dos poetas. ¿Que é, se non un bieito soño exhortativo, a palabra do poeta cando canta?: “Contra a oligarquía/ da enxurrada liberal/ proclamo a poesía”. Outravolta a verba como “alimento do pobo”, “pan da revolución”. Ideais perennes.

Este poemario de Toño non chega en calquera momento, como os seus propios versos declaran: “Bate o vento do outono/ na fiestra dos meus días./ As feridas da ilusión/ van pechando./ Marelean as follas dos castiros/ no Souto Escuro./ Coma os meus cabelos”. Xa que logo, Poema de amor en outono ve luz nunha conxuntura especialísima para o autor: o limes do algo máis de medio século no que habita este naviego. Vale, por tanto, dicir que tamén el anda no medio do camiño da súa vida e, neste caso, máis propiamente, porque cando o divino Dante escribiu os seus versos no Venres Santo de 1300 tiña trinta e cinco anos, pero a malaria levouno con tan só cincuenta e seis, impedíndolle seguir soñando con Beatrice. Endebén, Toño segue na cerna que o ha levar a facerse poeta centenario algún día e eu agardo ter a honra de que me distinga co convite de presentalo cando vaia cumpríndose a outra metade e un ande xa, tamén, nonaxenario. E en tanto non chega ese día, amigo Toño, beizón por terme á túa beira en día para ti tan sinalado.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES