Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O autobús do sinxeito

miércoles, 11 de noviembre de 2015
OSinxeito era o dono dunha pequena empresa de autobuses de cando era ben máis novo, que moitos lectores recordarán porque facía a liña regular dende Ridadavia a Celanova, ata -se non me traizoa a memoria- ben entrados os anos 80.

Descoñezo de qué aldea era orixinario, pero si lembro algunhas anécdotas que fixeron moi popular os seus percorridos cotiáns pola vella estrada de Vilanova, Viveiro, Freixo, Santa Baia de Anfeoz, Outomuro, Cartelle e Barral e das que poden dar conta bastantes lectores que me superen en idade e que teñan procedencia, máis ou menos, nalgunha destas zonas que separan as Terras de Celanova das de Castrelo de Miño e O Ribeiro.

A principal característica que o identificaba, é dicir, o que agora se podería definir como a súa imaxe de marca era aquela que un sabía cando saía dos Catro Camiños de Celanova, pero nunca sabía cando ía chegar ó seu destino por moi preto que este fose.

Contan, por exemplo, que algúns usuarios paraban a tomar a copa de licor café nun bar da carretera e aínda que o Sinxeito arrancara, moi preocupados non quedaban porque sabían que a nada que botaran unha carreira acaban volvendo subir ó coche na seguinte aldea.

Non hai moito vin -non sei onde- unha foto dun deles completamente estartelado ó pé da feira de Cartelle e deume mágoa, xa non tanto porque imaxes dese tipo devolven ó ámbito alonxado da nostalxia, senón porque de poder ser recuperado, hoxe sería un excelente reclamo turístico para percorrer non só a ruta de Celanova a Ribadavia senón outros diferentes lugares desta orella invertida que se mete en Portugal en forma de dúas bocarribeiras como son as do Arnoia e o Limia.

Preguntarase vostede, benquerido lector, que a qué ben esta historia singular sen corolario duns autobuses traqueleantes que cruzaban para arriba e para abaixo as terras da miña infancia á velocidade da verme?

Pois veñen a que hoxe fixen asociación de ideas e este Estado indefinido a piques de caer polo barranco asemellóuseme ó autobús do Sinxeito. E, se non, vexamos.

Imaxine que nel viaxan 17 pasaxeiros, o revisor (o TC) e o propio chófer -evidentemente-, é dicir, o Sinxeito.

Imaxine, así mesmo, que no medio da carreira, un deles di que se quere apear porque non viaxa a gusto no vehículo. Pero, para baixar -como pensa que pagou de máis pola pouca confortabilidade que lle ofrecen- asegura que vai levar con el o seu asento e o do compañeiro do lado, medio cigüeñal, catro pistóns e polo menos unha parella de rodas. "Pero iso é imposible!", exclama o que vai diante. "Déixao que proteste, xa se cansará!", afirma convencido o de atrás. "O que leva o volante son eu e isto parará e arrancará só cando eu mande!"

E así, dunhas noutras, cando se quixeron decatar, estaban todos esnafrados no fondo do barranco.

Visto o visto, non me negará, benquerido lector, que levamos moito tempo viaxando no autobús do Sinxeito!
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES