Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contaminadores da nosa lingua

martes, 10 de noviembre de 2015
Un non acaba de crer como é posíbel que na utilización da nosa propia lingua, tanto na fala como na escrita, teñamos chegado tan abaixo. A negación do galego estase a facer tan natural e normal coma que o sol nace polo leste e se afunde horas despois tralas Cíes, aquí en Vigo, na placidez do océano. E semella que case ninguén se sente estrañado.

Montouse hai algúns días no interior dunha igrexa do barrio vigués de Teis unha vistosa exposición de paneis didácticos sobre o traballo que levan a cabo en Galicia unha serie de institucións relixiosas de vida chamada “consagrada” que operan no noso país. Tiven aínda ocasión, unha vez rematado o tempo oficial da exposición, de entrar no lugar detal evento e detívenme un chisco en contemplar e ler os paneis cando estaban xa a punto de seren retirados. Posibelmente fose eu un dos poucos, se non o único, que se levou metaforicamente as mans á cabeza ante o que alí estaba a ver.

Empecei efectivamente a ler, un por un, o que en cada un dos paneis se dicía, anunciaba e proclamaba en relación coa actividade de cada unha das institucións relixiosas actuantes na nosa terra. Mais nin o tempo nin o humor de que podía dispor me fixeron posíbel seguir lendo, aínda que si puiden polo menos anotar cantos eran os tales paneis. Salvo erro involuntario da miña parte, alí estaban expostos para admiración e información dos visitantes e devotos fieis nada máis e nada menos ca trinta e cinco paneis explicativos, todos eles escritos porén –advírtase a grave anomalía-na lingua procedente de máis alá da Canda e do Padornelo. Paneis fieis á nosa propia lingua só había un: o que facía referencia ós Irmáns da Salle. Sexa dito isto en explícita loanza e agradecemento a esa benemérita institución.

Non poucos historiadores e analistas expresaron xa máis dunha vez que a Igrexa (especialmente unha xerarquía maioritariamente foránea que durante séculos exerceu entre nós as súas funcións) tivo un papel relevante no deterioro e subordinación da nosa lingua respecto do castelán. As loábeis disposicións, no ronsel do Concilio Vaticano II, do inmediatamente posterior Concilio Pastoral de Galicia a prol da introdución do galego nos usos litúrxicos e eclesiásticos continúan a ser maioritariamente papel mollado ou simple tema de curiosidade histórica. E nin sequera é xa ningunha excepción vermos curas novos, recentemente saídos do forno formador do seminario, recitando en finísimo castelán con fonda devoción e entrega persoal a súa misa domingueira perante os seus sufridos fregueses de aldea.

Deberían darlles algún día a estes asistentes ó rito semanal, galegos de sempre, unha futuríbel nova versión do premio Nobel, o da paciencia.Os responsábeis da contaminación producida polos motores trucados dos Volkswagen alemáns terán que pagar algún día –iso esperamos- os prexuízos causados, digo eu. E os que levan séculos contaminando a nosa lingua e cultura, non? Non sería xusto.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES