Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

martes, 10 de noviembre de 2015
A memoria quédase durmida. Crúzome de brazos e contemplo a vida como pasa... por entre os dedos da esperanza ou por entre o pelo das ausencias. Quen está? Quen se foi? Quen queda? Quen aboia? Miro para a rotonda da Familia e vexo un soño que corre detrás dun coche e un latexo que acouga ós pés do monumento. Quen corre? Quen suspira? Quen berra? Quen navega? Coloco os lentes sobre o nariz aguzado e alcanzo a ver máis alá dun poema mal escrito. Quen canta un réquiem? Quen roza uns parágrafos? Quen asubía no silencio da noite escura? Quen dorme entre os ruídos duns saloucos?

Nunca saberei por onde corren os soños da esperanza. Porque a metade dos camiños están atrancados con verbos irregulares e con adxectivos impronunciables. Quen escoita un tema musical sen que os latexos do seu corazón bailen ó ritmo da canción? Quen agatuña pola novela de máis de mil páxinas? Contemplo a vida pasar. Pasa demasiado a modiño. E aínda que o tempo pasa e todo cambia, nada se move no recanto da memoria. Quen vai? Quen queda? Quen dorme coa conciencia tranquila? A memoria cabecea e quédase durmida.

XA NON ME QUEDA TEMPO

Estou só na cafetaría. Xa hai un bo cacho que tomei o café. Lin un xornal e repasei uns datos dun personaxe que quero sacar en Testemuñas da Memoria. Ía escribir sobre el, pero o tempo pasa e xa non me queda tempo. O tempo, cando quere, é o demo, é dicir, pasa de présa. Outras veces pasa a modiño. Pero ese é outro asunto. Sigo só. Os vídeos musicais da televisión sucédense nesta soidade tranquila. Si, hai soidades terribles, espantosas, tremendas. Esta é tranquila. O tempo pasa e teño máis cousas que facer. Hai que mercar para comer. Hai que ler un pouco antes de recoller ós rapaces. Fóra, agora mesmo, non chove. Pero é coma se chovera… apálpase, nótase a humidade. Unha moza canta e baila na televisión. O ritmo da canción é rápido. Entrou unha clienta, pediu e saíu para a terraza. Ou sexa, sigo só. Escribindo, claro. Outeando o horizonte, é dicir, a rúa; non hai máis alá. Máis alá só están os edificios da outra beirarrúa. Agora é outra moza a que chouta uns valos noutro vídeo musical. Dixen que os vídeos sucedíanse uns a outros? Pois iso. Sigo só. Voume. Queda isto sen clientes.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES