Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A rúa é nosa

viernes, 06 de noviembre de 2015
Din os nenos. A rúa debería ser nosa, pensan sen pensar as meniñas. A rúa é nosa di a rapazada que vive convivindo nese escenario amable e lúdico dos amores primeiros.

A rúa é nosa din os vellos que non aturan a soidade das longas horas colgadas do reloxo e precisan como respirar da palabra de camaradas coa mesma longa andaina.

A rúa é nosa din os cidadáns e as cidadás que mercan e falan, que van e volven dos seus asuntos, que asisten ao teatro ou entran na igrexa, que levan as carteiras rebordantes de documentos nestes tempos de informática virtual.

Si, a rúa é nosa. Porque a cidade é dos cidadáns.
A cidade ten que recuperar os espazos comúns para non convertirse en ringleiras de casas que se entrecruzan. O rostro da cidade non pode ter as cores duras dos cartos e a textura visual do ladrillo. Porque o que define a cidade son as prazas, os espazos públicos, as perspectivas amplas, as liñas e as cores que debuxan as casas no ceo. E a xente. Non se pode parcelar a cidade en espazos estancos onde non circule o sangue da liberdade, o aire de vida.

A cidade só é cidade cando é para todos: un espazo aberto e compartido por nenos e adultos, anciáns e rapaces novos para moverse e gozar dos mesmos lugares, inventando modos de convivencia onde as vidas se entretecen con urdiduras de palabras e lazos de veciñanza.

Tamén habitan a cidade os nenos. Pero quen os consulta? Que políticos contemplan a rúa desde a altura dos seus ollos? Os nenos teñen que ser recoñecidos como cidadáns para que aprendan a exercer a cidadanía, onde dereitos e deberes fan posible unha vida en liberdade.

Proclamamos os seus dereitos, entre eles o xogo.. O neno ten que xogar e deberiamos garantir unhas horas de xogo na rúa cada día. Mil actividades devoran o ocio duns nenos que antes podían perder o tempo. Ese tempo de vagariño é o máis aproveitado porque, a carón dos outros, vive experiencias fundamentais.

Un dos indicadores ecolóxicos da saúde da cidade é a presenza de nenos xogando na rúa. Por iso cómpre presionar aos políticos para que eliminen os atrancos para os vellos, as barreiras para os discapacitados, as trampas para os nenos, e para que cren na cidade espazos abertos e libres. E cómpre poñer couto aos coches que aterrorizan, que atordan, que expulsan a xente das rúas. Algúns compórtanse como matóns impoñendo na cidade a súa lei.

A cidade ten que permitir que os nenos se movan, berren e barullen, que sexan nenos. Ten que escoitalos e telos en conta. E para iso ten que reducir as calzadas e ampliar os espazos para eles, poñer os pasos de peóns á altura da beirarrúas. A cidade lles está a roubar o seu tempo de nenos, os lugares de xogo condenándoos ao maltrato das pantallas e da soidade.

Si, a cidade é nosa, porque polas súas rúas e prazas, polos recunchos que gardan a orografía dos nosos recordos máis fermosos segue a correr ese aire de cidadanía que nos fai libres.

É a cidade espazo de liberdade e de democracia, un lugar de encontros e palabras. Porque a vida dos homes e das mulleres, porque a vidiña dos nenos transcorre nesa creación xenial que chamamos cidade, un espazo próximo, de estatura humana, unha cidade que se poida vivir andando.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES