Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha aperta para David Otero

miércoles, 04 de noviembre de 2015
Meu querido David:
Ti non o sabes pero hai cousa de dez anos convidáronme a asistir ao Congreso de Lorenzo Varela en Monterroso. Asegúroche que foi toda unha experiencia descubrir un poeta que tiña tan preto e do que, en cambio, sabía tan pouco. Aquel desfile de lorenzólogos descubriume un mundo novo, cheo de poesía e historia negada e anegada na frivolidade valeira do tempo.

Entre as ondas poéticas do Sinaia fun descubrindo memoria ergueita que me fixo ser galego con máis intensidade; e, de súpeto, chega un tipo de bigote, de voz rexa e paso firme, que ía pronunciar unha conferencia titulada “Na esperanza de mans non cegas”. Aquel título chamaba a atención mais o programa estaba mal, aquilo non era unha conferencia sobre Lorenzo Varela, aquilo era unha alegación poética, política e histórica. Aquel home que falaba cunha voz bela, doce e, ao mesmo tempo, guerreira, pareceume un home honesto, necesario, imprescindible; pero, tamén, un home difícil de acadar para un rapaz de 22 anos.

Anos despois, no 2010, asistín por primeira vez ao cabodano de Manuel María: entón, encontreime con aquel home e, novamente, con aquela voz rexa que erguía o mundo para impulsar necesarias revolucións. Non en tanto, ti, dono de ti mesmo e das verbas infindas estabas ao meu carón e a túa man estendíase como unha amizade nova xa para sempre irrenunciable.

Pouco a pouco, fun descubrindo que a túa voz rexa nacera para unir patrias poéticas baixo un país que, día a día, créase coa palabra. Para ti, palabra e poesía están soldadas en íntima comuñón cun corazón e cun alma que colectivizas como semente de futuro. Todo en ti é bondade e, desa bondade, teces esa enerxía infinda coa que loitas polo porvir en eterno combate identitario. En cada verso teu Galicia gáñase a si mesma e perden os crueis uniformes que queren amansarnos nunha ringleira tráxica do que perversamente chaman igualdade. Velaí que a perversión da igualdade é imposible mentres Galicia sexa un país de poetas coma ti e aí, na súa derrota máis obvia retórcense coma serpes que se negan a ser carroña. Ben sabemos que aquilo que dicía Celso Emilio é certo: hai moitos adormecedores soñando que os poetas vos dediquedes ao amor e ás flores pero contigo deron en óso e han seguir dando, día tras día, queiran ou non, a túa voz está aí para espertar conciencias e para axitalas ata soñar e tecer porvires novos nos que cada esquina deixe de ser sombra para converterse en avesío de igualdade.

Onde soa a túa voz, o mundo volve ter futuro porque o mundo volve crer en si mesmo e volve sentir o lume solidario que un día impulsou á humanidade. Alguén que consegue isto sinxelamente é imprescindible e iso é o que ti es para nós: unha fonte de coñecemento , de emoción e de creatividade imprescindible pero, ademais, ti es unha emoción pura que mesmo pode encarnar o concepto de fraternidade. Por iso, impulsas apertas, soños, progresos persoais e colectivos que nos levan sempre a querer ser máis, a querer medrar como pobo na idea fonda de que soamente crendo en nós mesmos, gañaremos o futuro.

Así te vexo e te sinto eu, meu chairego de honra que es, a un tempo, corazón e cerne da Galicia do porvir, desa Galicia eterna que sempre agroma en verbas ceibes que debuxan no horizonte cabalos de “buxo, beleza e liberdade”.

Unha aperta fonda dun amigo que viu como a voz rexa dun poeta se transformaba na fraternidade máis imprescindible.

(David Otero será investido CHAIREGO DE HONRA por XERMOLOS-IRMANDADE MANUEL MARÍA, o próximo sábado, 7 de novembro, ás 12,00, na Casa de Cultura de Vilalba).
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES