O día 30 de outubro foi o cabodano de Xosé Pérez Ballesteros (Santiago de Compostela, 1833-A Coruña, 1918), un dos intelectuais galegos máis destacados entre aqueles que os historiadores da literatura adoitan denominar Precursores.

Ensaísta e articulista en diversos medios da época, contertulio da Cova Céltica e membro fundador da Real Academia Galega, Pérez Ballesteros é lembrado, sobre todo, polo seu labor como folclorista, pois nese eido xogou un papel fundamental ao erixirse nun dos compoñentes máis activos da Sociedad El Folklore Gallego, creada na cidade herculina en febreiro de 1884 baixo a dirección de Emilia Pardo Bazán, institución da que Pérez Ballesteros formou parte como vogal da súa xunta directiva, ao abeiro da cal se alentou o traballo de recolleita que logo deu lugar á publicación dos tres volumes do seu referencial Cancionero Popular Gallego (1885-1886).
Mais Pérez Ballesteros foi tamén poeta e, como tal, figura xa no Álbum de la Caridad (1862) coa composición Un soño. Logo, publicou dous poemarios: Versos en dialecto gallego (1878) e mais Foguetes (1888).
Precisamente unha dedicatoria deste seu primeiro libro é a que se recupera agora aquí. A obra ofréceselle a un outro poeta coetáneo, Josep Francesc Sanmartín i Aguirre (Valencia, 1848-Madrid, 1901), co que presumiblemente coincidiu na capital do Estado, onde o compostelán se doutorou na Universidade Central e publicou varios dos seus libros e o valenciano viviu moitos anos. Polo demais, unía tamén a ambos a súa querenza polos idiomas propios das súas terras e o aprecio cruzado destes, pois non debe esquecerse que Pérez Ballesteros foi un dos cinco autores galegos que participou na edición políglota de Lo Gayter del Llobregat (1888) e que Sanmartín i Aguirre é recoñecido como autor non só en lingua castelá, senón sobre todo por obras como Cuentos vells y baralles noves (1876), Jagants y nanos (1895) ou Del agre dols (1900).