Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Díaz Castro, o meu primo poeta

sábado, 31 de octubre de 2015
En primeiro lugar moitas grazas a Xermolos e aos xestores de "Os Vilares, lareira de soños" por me convidar a este acto do 25 cabonado de Xosé María Díaz Castro, por rescatarme do meu Ferrol natal, cidade borbónica, de cor gris naval, emporio de guindastres e máquinas, sociedade de mulleres, homes e barcos que hoxe e dende hai tres décadas esta a sufrir unha profunda decadencia. Doeme e por iso canto a miña dor.Díaz Castro, o meu primo poeta
Grazas por traerme a esta terra dos Vilares, onde o tempo vai de Parga a Pastoriza, terra verde e mar de orballo, á beira do ancho río, onde afundo as miñas raices, onde agroma ou meu sangue vilarego porque aqui naceron e daqui son/eran os meus proxenitores.

Estou emocionado porque é a primeira vez que a miña humilde voz, esta herba pequerrechiña, resoa en público nesta terra benquerida e diante dun selecto auditorio. Dificilmente podo ter a oportunidade de dirixirme a un colectivo tan especial. Especial por ser vilarego e especial por posuir unha excelsa e ilusionante vocación literaria. Hoxe nace aquí, ao pe da casa do insigne vate do Vilariño, nunca en mellor lugar, un movemento poético que estou seguro que vai reforzar a xa longa nómina de esgrevios poetas da Chaira. Sintome honrado e privilexiado por ser un modesto pregoeiro deste acontecemento, que engade aqui e agora outra fermosa paxina para a historia dos Vilares.

Estou emocionado porque hoxe represento aquí á familia dunha gloria das Letras Galegas, de Xosé María Díaz Castro, do primo poeta, como sempre lle escoitaba dicir ao meu pai.

Cando floxeabamos nos estudos invocaba a Xosé do Vilariño como un espello ao que debiamos mirarnos, como unha persoa culta, que falaba moitos idiomas e escribía poesía. Recordo ver na casa a primeira edición de Nimbos que meu pai revisaba unha e outra vez.

Meu pai sentía un gran aprezo por este primo co se carteaba alo polos anos 50 e 60 e ao que chegou a convidar á voda do meu irman maior, Pepe, que casou en Madrid, foto que estaba gardada como ouro en pano nos albumes familiares e que acadou a categoría de documento histórico, porque nesa foto está o poeta, mercé a xentileza e xenerosidade impagables do amigo Armando Requeixo que a incorporou a algunhas das obras editadas con motivo de ser Díaz Castro a figura das Letras Galegas 2014.

Represento a familia, particularmente a rama materna do poeta, que vén ser a paterna miña, é dicir, a rama dos Manchás, ese espazo xeográfico que eu teño na memoria cargado de beleza natural e dun provocador bucolismo. Como figura na prolífica literatura biográfica, producida con motivo de ser homenaxeado nas Letras Galegas, Díaz Castro acudía sempre nas súas vacacións aos Manchás, onde pasaba longas horas de conversa cos seus parentes. Os Manchás, un microcosmos, un recanto singular do territorio vilarego, mitificado, se cadra, non só por ser referente familiar do poeta senón tamén por ese personaxe, Nicolás dos Manchás, o meu avó paterno, tío de Díaz Castro, que emerxerá con luz propia na historia que está a escribir a investigadora, filla tamén desta terra, Pastora Veres. Non cheguei a coñecelo, só sei que foi quen de matar a un lobo coas súas mans, no curso dunha batida contra este animal.

Ides permitirme que, por un momento, no contexto familiar que me foi sinalado para este acto, meta de cheo a primeira persoa. Pode parecer impropio, incluso petulante ou unha indecencia formalista. Se así fora pido desculpas. Non é a miña intención, nin siquera o meu estilo. Os xornalistas estamos acostumados a utilizar o plural maiestático, pero confeso que neste caso apeteceme romper a norma porque quero compartir con todas e todos certas coincidencias que se dan entre o poeta e este xa veterano escribidor de xornais, salvando, faltaría máis, as grandes distancias intelectuais, literarias e de todo tipo que adornaban ao primo poeta.

Adoitaban dicirme os meus curmans que ou meu perfil respondía máis ao da familia dos Manchás que ao da familia dos Camuza de Lea. Que me parecía moito a meu pai e xa que logo encadraba na saga mancharenga, non só fisicamente senón na maneira de ser. Por expresalo na linguaxe ao uso, eu, segundo os primos, era claramente "marca Manchás". Carezo de datos e impresións visuais da familia paterna de Díaz Castro, porque non tiven a oportunidade de coñecelos, por iso que a miña opinión pode ser moi parcial, pero ao meu ver Xosé do Vilariño tiña nos seus xenes forte pegada mancharenga. Fisicamente, cando menos, recordabame moito ao meu pai.

Asi que, ademais de mancharengo como el, tamén fun ao Seminario como el, ao Seminario de Mondoñedo ao que, dito sexa entre parentese, o día 17, véspera das San Lucas, rendiráselle homenaxe como centro que foi secularmente de formación humanista, universidade para as familias economicamente máis humildes, escola poética, que escribeu Félix Villares, e factoría cultural como a define o ilustre fillo mindoniense, Armando Requeixo co que de novo ese dia 17 felizmente me encontrarei, xa que, porque mo pediron, ando metido na organización do acontecemento e Armando participará como coautor nun libro que se vai presentar no propio Seminario, no curso dun acto académico.

Pero, volvendo ao que me ocupa, sobre todo, mira por onde, na vida de ambos a palabra escrita foi a ferramenta da que botamos man, el para construír a súa recoñecida obra literaria e eu para contar no xornal o que estaba a suceder preto de min, na miña contorna social e territorial. Mágoa desa eiva, de non manexar e acariñar e "mimar" a palabra en clave lírica, en modo poético. Pero, amigas e amigos, quod natura non dat, Salmantica non praestat. O que a natureza non dá, a universidade non o otorga.

Sempre admirei aos poetas. Cando era un adolescente, vía aos poetas como uns seres pouco menos que marcianos ou extraterrestres, se se me permíte a licenza da metáfora, ou da hipérbole, que de todo leva a miña afirmación, via aos poetas como uns elixidos -recordarei tamén aquela sentenza bíblica, multi sunt vocati, pauci vero electi, muchos son los llamados, aunque pocos los elegidos- pero é que aínda hoxe os vexo así porque os poetas, as poetas, posuen un talento especial para traballar, para espremer, para dominar e mandar sobre a linguaxe, porque os poetas, as poetas, atesouran unha inmensa riqueza interior, que externalizan a través desa palabra coa que seducen, coa que namoran, coa que transmiten eses sentimentos e paixóns dos que nos deixou moita obra o escritor e filósofo, que tiven o privilexio de coñecer e tratar, Carlos Gurméndez. Esa riqueza interior que amosa espido, en ocasións, o pensamento ou ocultao deliberadamente para que sexa o lector o que descifre, o que cumpra co seu papel de intérprete, de interlocutor nese diálogo que inevitablemente xurde entre as dúas partes.

Iso non está ao alcance de calquera, por iso que, amigas e amigos poetas que hoxe vos dades cita nesta xa emblemática terra dos Vilares e que hoxe constituides A Nova Poesía Guitirica, como dades en chamar, ou guitiricense, como máis lle gusta a Armando Requeixo, emplázovos a darlle pulo a esa alma artística, esa "vis" literaria que levades dentro, nalgún caso xermolando aínda en tersa xuventude, noutros en pleno camiño machadiano.

Porque sodes os herdeiros, porque sodes os afillados de Pepe do Vilariño, porque sodes a nova xeración de poetas chairegos que estades xa a facer historia, sen dúbida baixo a mirada de complicidade, onde queira que estea, do patriarca vilarego das Letras Galegas, ao que hoxe honramos no 25 aniversario do seu pasamento.

Amigas e amigos,
poetas e non poetas,
vilaregas e vilaregos de toda condición
tedes a miña admiración e, sobre todo, o meu profundo querer,
con Xosé Mª Díaz Castro, sempre presente!!!!!

(Velaquí a intervención do noso colaborador MAN CASTRO no acto celebrado nos Vilares de Guitiriz, co gallo do vintecinco cabodano de Xosé María Díaz Castro, o seu "primo poeta").
Castro, Man
Castro, Man


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES