Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santos e Defuntos

jueves, 29 de octubre de 2015
Están chegando os días de Santos e Defuntos no que os nosos cemiterios convértense en xardíns regados polos mellores sentimentos e ata por bágoas. Cando as palabras non dan expresado o que sentimos, acudimos a símbolos que falen por nós, como poden ser un bico,
mesmo o bico a unha foto, un regaliño, unha flor.

As flores son dos máis fermosos froitos que produce esta terra coa que Deus nos agasallou e que tantas veces aldraxamos sen pensar nos que veñen despois.

Por iso desde tempo inmemorial asócianse as flores coas lembranzas dos defuntos. É fermoso. É moi fermoso. Pero tamén debemos ter en conta que as flores múchanse, e nos cemiterios nos que non hai encargados de limpar cada panteón, convén non perder a memoria e acordarse de recollelas pasado o debido tempo, pra que o que foi recordo vivo non se converta en esquecemento e o que foi fermosura non se troque en podredume.

Nada teño contra as floristerías, Deus me libre; pero alí onde haxa posibilidade, paréceme que se as flores que se levan ó cemiterio foron criadas na casa teñen algúns valores engadidos, como que mentres as coidamos, sabendo cal vai ser o seu destino, xa estamos lembrado con mimo a aqueles ós que lle las levaremos, e ó mesmo tempo tamén adornan e aledan a casiña da que partiron ata que sexan expresión pública dos nosos bos sentimentos nos cemiterios.

O que nunca debería ser é que, como é cousa pública, se gaste en flores despois de mortos o que, se cadra, se lles negou de vivos.

Pensando en dicir algo en datas tan sinaladas, e procurando non dicilo de carretilla, boto man dunha ideas que alguén fixo chegar ás miñas mans, e das que descoñezo ó autor ou autora. Completei as ideas expresadas no papel que recibín con algunhas miñas, herdadas tamén; de maneira que, se por un casual, lese isto quen as verteu no papel, doulle grazas e pídolle desculpas por facer uso sen o seu permiso.

Utilizarei un nome propio, o de Xosé, xa que por el foi por quen fixen o amaño, pra que o lese ó remate do seu cabodano a súa muller, que foi a que me deu o papel; pero cada un pode poñer o nome, ou nomes, que lle pareza mellor.

Vai, logo, e Deus queira que sirva de conforto.

En galego tamén lle chamamos a morrer: “O pasamento”.
Prós cristiáns non é paso da vida á non existencia.
É paso desta vida, a través da morte, á Vida plena.
A morte non deixa de ser un túnel escuro,
pero con saída á Luz radiante e agarimosa.
O Señor Xesucristo, tamén pasou do sepulcro á resurrección.
E, resucitado pra nunca máis morrer, segue vivo entre nós.
Non o vemos, pero sentímolo e podemos falar con el.
Tamén sentimos pretiño ós que nos quixeron e quixemos.
Ós que nos seguen querendo e seguen sendo queridos.
Seguimos sendo os mesmos os de aquí e os que nos adiantaron.
Eu sigo sendo, e ti, Xosé, segues sendo.
Tamén segue sendo o que éramos un pró outro.
Cada un dos nosos defuntos que deron o paso,
nin se foron nin desapareceron pra sempre.
Seguen vivindo no noso corazón e no colo de Deus.
Cando dicimos que vivimos mentres haxa quen nos recorde,
non esquecemos que Deus ten moi boa memoria de pai e nai.
Por iso podemos falarlles como sempre lles falamos
Chamándoos polo seu nome, sen tons distintos
nin sempre entre saloucos e bágoas acedas.
Con dolor pola ausencia, si; pero con esperanza no reencontro.
Recordando os momentos duros, sen esquecer tampouco os máis ledos.
Rezando por eles e facilitando que eles recen con nós.
Seguen tendo sitio na casa, cando, con amor, dicimos o seu nome.
Por todo iso e moito máis, Xosé, sei que non estás lonxe.
Un pouquiño máis de camiño e xa chego tamén eu á meta.
Desde esa meta, que ti xa alcanzaches, ben sei que me estás dicindo:
-Non te esquezas de dar grazas.
-Grazas a Deus polo tempo que estivemos xuntos por aquí, ó resto da familia, ós amigos presentes e ós ausentes, e a ti sobre todo, meu corazón.
Resérvame sitio ó teu carón.

Santo Agostiño deixou dito que a única flor que non se murcha é a oración.
Por iso, sen ser obrigado, quen queira dicir: “Amén”, penso que pode facelo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES