Verbas de cómico
Santalla, Iago - miércoles, 28 de octubre de 2015
Hai un tempo Buenafuente inventou un xogo chamado Words que consiste en relacionar palabras. O problema é que só el di se a relación existe ou non. Cómpre dicir que esta relación non pode ser obvia senón orixinal e case única porque as relacións de palabras que Buenafuente considera perfectwords quedan excluídas do xogo para sempre.
Non sei o que se sentirá ao inventar un xogo pero paréceme interesantísimo para adquirir e ampliar vocabulario traballando, ademais, a habilidade mental de relacionar conceptos.
Xogar a Words obríganos a situarnos no universo das verbas e localizar entre elas a relación máis orixinal, única, unha relación que ninguén máis fará nunca e, ao igual que o dos números, o universo das verbas é infindo en todos os idiomas. De nenos, nas viaxes longas sempre xogábamos a aquilo de palabras encadeadas; agora, Buenafuente vai máis alá e convídanos a dominar o vocabulario e xogar con el con axilidade.
Non sei se me atrevo a establecer aquí relacións entre palabras porque chegar a un perfect é complicado pero de certo creo que é interesante para todos aqueles que traballamos coas verbas orais e escritas xogar con elas ata familiarizarnos nunha convivencia intrínseca que as faga imprescindibles na nosa vida. Entón, temos que procurar a habilidade de deconstruír para xerar orixinalidade.
Se nun Words me puxeran as verbas Buenafuente ou Berto diría comunicador e creatividade pero ben sei que non sería un perfect; quizais, son demasiado novo para conseguir un perfect...

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora