Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

martes, 27 de octubre de 2015
Baixo as nubes mansas. Ás veces as nubes corren demasiado á présa. Hoxe están quietiñas, en calma. Unha palmeira inclínase sobre un terreo inclinado. Uns coches pasan moito máis rápidos que as nubes máis espelidas. Levántaseme, escámame a pel das mans. Debe ser polo tempo seco. Ou pola mala uva. Vai ti saber! Por esta vez non son calos. Porque desde a vendima non a manguei. Tranquilos, que logo empezará a poda. E cando empece esta, xa empeza todo, xa empeza unha campaña sen fin. E para máis aquel, cada vez estarei máis só. Porca miseria!
Xa lle peguei unha volta ó Campus. Lendo. Creo que aínda teño tempo de lle pegar outra volta, ou polo menos media volta. Tamén lendo, claro. A ver se pensades que vou perder o tempo así como así.
Vídeo musical pola cadea Os 40 Principais. Deus, como me gusta a música! Desde a clásica ata o heavy-metal, desde un simple tema ata toda unha banda sonora. O jazz é un caso á parte. O jazz é moito jazz. Agora é a publicidade a que invade a cadea televisiva. Estou mellor lendo. Vou ler.

TODOS OS ANIMAIS SON... COMA O HOME

Antigamente tratábase mal ós animais porque eran simplemente animais. E hoxe, cando os tratamos mal, é porque nos fan dano. Hai uns días, indo para a aldea, cruzóusenos un esquío por diante do coche. A muller asustoume, claro. Sempre me asusta. Porque ten unha forma moi rara de chamarme a atención cando conduzo: que berra, que lanza un grito deses agudos que penetran no cerebro. Despois das risas e do susto, confesou a fermosura dos esquíos... “se non fora polo mal que fan”, en referencia a que acaban coas noces que temos na viña. E falando diso, falouse da persecución á que sometiamos a eses animais que tanto mal nos fan. “Pero se o peor animal que hai somos nós, que matamos a esgalla”, soltei de súpeto e con dobre intención: a de matar persoas. E rematei a conversa con outra broma: “mira, ata o xabaril é bo; fíxate como ten as cunetas, nin as desbrozadoras da Deputación as deixan tan limpas de broza”. É que xusto naquel momento tamén pasabamos por un traxecto no que, tanto dun lado coma do outro, a cunetas estaban todas fozadas polo porco bravo. Con broma ou sen broma, creo que todos os animais teñen o seu cometido nesta terra. Coma o home.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania