A persecución actual dos Cristiáns (III)
Pérez López, Xenaro - viernes, 16 de octubre de 2015
Compás Social
SIRIA
O libro negro da condición dos cristiáns no mundo, na páxina 209, comeza por darnos uns datos esenciais de SIRIA: poboación, 23 millóns; musulmáns, o 92,8%; cristiáns, de 5 a 10%; e outras relixións, un 2%. Así mesmo resume a situación dos cristiáns na guerra actual: Con 200.000 mortos e millóns de desprazados, Siria é despois de tres anos, -datos referidos a 2014-, o teatro dun conflito dunha violencia sen precedentes na rexión. Nesta encrucillada, onde ocorreu a conversión de San Paulo, os dous millóns de cristiáns pagan un alto prezo pola proximidade co réxime político de Bashar al-Assad que sempre se presentou como protector das minorías, mais agora amosou, fronte á rebelión, a súa cara máis sanguinaria.
FUXIR OU MORRER
Fuxir ou morrer, este é o dilema que se lles presenta ós 2 millóns de cristiáns de Siria. Eses fieis pertencen cando menos a unhas once igrexas diferentes, algunhas delas de orixe apostólica, tal é o caso dos cristiáns das vilas de Maaloula e Sednaia, no camiño de Damasco, onde se fala aínda a lingua de Cristo, o Arameo, e onde as igrexas e conventos son aínda lugar de peregrinación. Os Gregos Ortodoxos son a maioría dos cristiáns sirios, un 60%; logo seguen os Armenios Apostólicos e Católicos, os Maronitas, os Xacobitas, os Protestantes, os Nestorianos, os Católicos Siríacos, os Caldeos e os Latinos. Na historia da Siria contemporánea houbo moitos cristiáns que son figuras nacionais, pois existiron unhas relacións de harmonía entre cristiáns e musulmáns, manifestada nas festas relixiosas comúns, na convivencia nas escolas, nas universidades e nas asociacións frecuentes nos negocios e nos proxectos nacionais.
Mais a situación empezou a cambiar para as minorías protexidas coa chegada do réxime de Bashar al-Assad que pouco a pouco impuxo o poder da súa comunidade Alauita, con tan só un 10% da poboación siria fronte a maioría do país, os sunnitas con un 70%. Trataba de controlar as minorías de drusos e cristiáns mediante unha política metódica de certos privilexios os dirixentes relixiosos. Mais coa chegada da primavera árabe as inquietudes dos cristiáns, ante as ameazas anónimas, empezaron a crecer: expulsar os cristiáns a Beirut e matar os alauitas, foi unha das consignas da rebelión. A minoría cristiá observou unha resistencia pasiva ante a escalada da confrontación armada, coa excepción dalgúns mozos activistas cristiáns que loitan a favor dos opositores ó réxime de Bashar al-Assad. Mais todo se complicou coa aparición dos extremistas afiliados a Al-Qaeda que impuxeron o terror: secuestros, torturas, rescates, decapitacións públicas, e outras prácticas de barbarie refinada.
Cando os yijadistas atacan ós cristiáns para sometelos a súa lei, empezan polos símbolos e polos sacerdotes e relixiosas para esixir a continuación un rescate; seguen co saqueo e incendio dos mosteiros, conventos e igrexas nas principais cidades baixo o seu control, destruíndo así parte do patrimonio histórico de Siria. Os altos representantes das diversas igrexas cristiás mobilizáronse ante a opinión pública occidental, defendendo algúns abertamente o discurso e as actuacións de Bashar al-Assad; mais outros grupos de intelectuais cristiáns pediron a todos os eclesiásticos que condenaran os crimes contra o pobo sirio, tanto do réxime como dos grupos armados. Segundo os informes do bispo monseñor Lahan, desde 2011 uns 450.000 cristiáns sirios abandonaron a súa casa para fuxir ó estranxeiro ou a outra rexión do país. Existía xa unha tradición de máis de vinte anos de emigracións, que se acelerou con este conflito a tres bandas: réxime, oposición, yijadistas.
Un dos casos máis sorprendentes da barbarie dos yijadistas do novo califato foi a destrución do pobo de Maaloula, reduto dunha comunidade cristiá primitiva que aínda fala a lingua de Cristo, o arameo. Era un lugar de peregrinación, promocionado polo réxime, onde cada ano acudían máis de 100 mil persoas, moitas delas estranxeiras e estudosos da Biblia. Esa pequena vila foi practicamente destruída nun combate entre as forzas armadas do réxime e os islamitas rebeldes.
A confrontación entre o réxime de Bashar al-Assad e a oposición converteuse en guerra total a partir do verán de 2012; e a radicalización progresiva da rebelión armada chegou con combatentes yijadistas estranxeiros que buscan impoñer mediante o terror unha visión histérica do islam: decapitacións mediáticas, torturas, secuestros e outras prácticas bárbaras. Atacan os cristiáns e destrúen os seus símbolos, torturan ós sacerdotes e ás relixiosas para logo pedir rescates, executan misteriosas desaparicións, como a dos bispos de Alepo e a do Xesuíta italiano Paolo Dall´Oglio. O saqueo e incendio de mosteiros, de conventos e de igrexas nas principais vilas do país contabilízanse como grandes atentados ó patrimonio histórico de Siria.
Ante esta situación extrema algunhas autoridades relixiosas acudiron a opinión pública de Occidente, Europa e América. Algúns cualifican como xusto o discurso de Bashar al-Assad e non ven problema nos 100.000 mortos daquel momento; outros apelan á coexistencia e ó diálogo; mais outros terceiros non aproban esta diplomacia das sotanas, e crean a Asociación Sirios Cristiáns pola Democracia en febreiro do 2013 en Antioquía. Este movemento reagrupa a intelectuais, universitarios, homes de negocios e relixiosos cristiáns no exilio, apelando a unha Siria unida e libre para todos. Así mesmo os Sirios Cristiáns pola Paz, co mesmo espírito, pediron a todos os eclesiásticos sirios que condenasen tódolos crimes cometidos tanto polo réxime como polos grupos armados.
Recentemente vimos a gran traxedia dos refuxiados sirios repartidos por todo o continente europeo. O escritor sirio Toufik-Thomas al-Jamil afirma que o gran perigo reside no éxodo dos cristiáns e a destrución das súas raíces históricas e civilizadoras en Siria. Isto é unha inmensa desfeita para a mesma supervivencia de Siria como nación e estado.
Unha vez máis podemos ver que nesta dramática situación do pobo sirio mestúranse intereses económicos, fanatismos culturais, diferencias étnicas, vinganzas veciñais ou mesmo persoais; e cubrindo todo iso, como escusa e xustificación suprema, as diferencias relixiosas. Mal servizo á causa do humanismo e dos cidadáns sirios está sendo esta apelación á relixión. Certo que moitos líderes relixiosos de todas as confesións claman agora pola paz e polo diálogo, mais terán que preguntarse sobre o que sementaron durante os años pasados.

Pérez López, Xenaro