Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mondoñedo e a súa Feira de As San Lucas

viernes, 16 de octubre de 2015
Velaí un ano mais as San Lucas. Con elas a animación, o bullicio e a vida tornan de novo a Mondoñedo. A esa pequena Cidade, animada capital de provincia en tempos pasados e prestixioso eixe relixioso, cultural e comercial da bisbarra mariñá. Cidade antiga e Sé Episcopal que viviu tempos de prestixio e de sona.

Días de prosperidade e de vida nos que a cotío se escoitaban redobrar a porfía as campás da Catedral, da Igrexa Nova, dos conventos das Concepcionistas e da Alcántara, e o toque diario do esquilón da Catedral chamando, mañá e tarde, ós capitulares a coro. Tempos nos que alí a diario acudían xentes de toda a bisbarra a mercar o seu afamado pan, e a abastecerse no seu florecente comercio, ou mesmo a adicarse o estudo nese centro do saber que foi o seminario, equiparado en tempos pasados a mesma Universidade de Santiago. Días, non tan afastados aínda, nos que se podía ver unha longa fila de seminaristas, ataviados coa súa sotana, franxa vermella e bonete, percorrendo as súas estreitas rúas no seu paseo vespertino.

Unha Cidade coa súa antiga Catedral á que en tempos pasados acudían masivamente os veciños a trocar o seu ocio en cultura escoitando os sermóns memorables do coengo maxistral, as brillantes disertacións públicas dos opositores ás coenxías e as grandes interpretacións musicais da orquestra catedralicia nas festas maiores. Unha ilustrada Cidade, berce de moitos e afamados músicos, escritores e poetas, formados moitos deles no Seminario en cuxas aulas acadaban unha alta cultura humanística, inspiradora das musas dos que logo rematarían formando a agora chamada Escola Poética Mindoniense. Esa culta e silenciosa Cidade, rica en pan y latines, como a cantaba o seu vate, Cunqueiro. Coas San Lucas as súas rúas, hoxe baldeiras de xente e de vida, en forte contraste co mundo de febril axitación no que hoxe se vive, trocaranse durante uns días nunha explosión de alegría e bulicio tentando revivir de novo aqueles pasados días de gloria.

Nestas feiras das San Lucas Mondoñedo disponse un ano mais a acoller de novo ós buliciosos sanluqueiros, romeiros e feirantes, coas súas reatas de cabalos e os seus produtos artesanais. Uns días de animada actividade pra vagar polas súas rúas e prazas, pola Alameda e pola feira do gando no Campo dos Paxariños. Días pra admirar os produtos dos artesáns do barro e da pedra, da madeira e do ferro forxado, da fariña e dos produtos do campo. Unha ocasión pra toparse outra vez cos amigos de vello que acoden un ano máis a estas feiras. Unha oportunidade pra presenciar e admirar, como unha evocación do pasado, as curiosas escenas do picaresco rito dos tratos do gando cabalar, rematados cun apertón de mans pra partir a diferenza do prezo. E cumprido este obrigado ritual do bo sanluqueiro, e sen esquecer a inescusable visita ó Santuario da Virxe dos Remedios a poñer a Santiña, parece obrigada unha volta pola Tasca pra compartir unha cunca de viño cos amigos de tempos pasados que alí se achegan.

Xa a mediodía, e se por un casual lle aperta a un a fame, dar unha volta pola Alameda pra darlle acougo o estómago cunha saborosa ración de pulpo a feira ou cunha apetitosa empanada de raxo da panadería de Crespo.

E todo este ritual xa rematado, deixando pra outra ocasión mais axeitada a imprescindible visita ós espazos históricos e culturais desta histórica Cidade, non marchar sen antes dicirlle adeus ás San Lucas cunha lembranza, como agarimosa homenaxe póstuma, ó Bar Central.
Ese local senlleiro, testemuña nestas feiras de tantos encontros de amigos, sempre tan ben acollidos polos seus antigos donos, Rosa e Higinio, ós que se adica esta achega.
Rodríguez Díaz, José María
Rodríguez Díaz, José María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES