Lembranzas dunha vida (82)
Rodríguez Cabanas, M. Francisca - miércoles, 14 de octubre de 2015
Recordando cando casou Pedro
Despois da guerra civil, Pedro tivo sorte de licenciar; non quedou, como tantos, tirado nun recuncho. Pero, os anos para aprender un oficio pasaran, e solicitou para a Garda Civil. Foi destinado ao norte de España: Santander, Navarra, etc...
En Santander, nun pobiño chamado Otañes, coñeceu unha rapaza, que, logo, sería a súa muller de toda a vida. Casáronse en Agosto de 1.947. Saímos de Betanzos Francisco, Pedro e eu, os tres irmáns. Fomos en tren, da estación, ás oito da mañá. Viaxamos todo o día, ata as doce da noite que chegamos a Palencia. Cambiamos de tren.
Chegamos a Santander ás dez da mañá. Ás sete, saímos para Otañes, o noso destino final. Alí, tratáronnos moi ben. Estivemos oito días.
Celebrouse a voda. Foi onde probei as primeiras aceitunas. Era un pobo pequeno, pero acolledor. Era a primeira vez que saía de Galicia. A maioría da xente vivía do carbón das minas. A vida tamén era dura.
Logo, Pedro foi destinado a Viveiro (Lugo). Máis tarde, a Bilbao. Alí, criaron o seu fillo. Este casouse cunha galega. Xuntouse toda a familia en Oleiros. Axudaron a criar catro netos. Á casa de Oleiros puxéronlle 'Otañes', en recordo de onde fora Hilarín, a muller de Pedro. Hoxe, alí están fillo, nora e netos. Eles están no noso recordo. Vai marchando a xente. Con eles, tamén parte da nosa vida.
Un agarimoso recordo de María Francisca.

Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora