Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Díaz Castro 25 anos despois

jueves, 08 de octubre de 2015
O pasado día 2 deste mes de outubro/2015 cumpríronse 25 anos do pasamento de Xosé María Díaz Castro, poeta, sabio, veciño e amigo durante moitos anos. Durante este cuarto de século Díaz Castro seguiu crecendo. Os seus poemas foron espallándose máis aló dun círculo de persoas da cultura mediante novas edicións do seu libro único, Nimbos; sementeira mediante conferencias, recitais e homenaxes diversos, mais o que deu proxección universal o noso poeta, tanto en Galicia coma noutros ámbitos, foi o día das letras galegas do ano pasado, 2014. Entre as múltiples traballos cabe salientar a publicación da súa biografía e das súas obras completas. Tamén merece especial atención o estudo feito sobre a súa inspiración poética e relixiosa nas variadas experiencias e fontes que tivo o seu alcance durante os seus anos de formación e de traballo relacionado coa cultura, especialmente europea.

Certamente, a figura de Díaz Castro creceu moito despois de finado, do que debemos aledarnos inmensamente todos, tanto guitiricenses como foráneos. Xa non é patrimonio dunhas minorías de autores e lectores amantes da poesía, senón que empeza a formar parte da alma colectiva, especialmente no seu curruncho natal, aldeas e vila de Guitiriz. Máis aló do valor poético dos seus versos, as ideas enxertadas nos seus poemas merecen ser estudadas e confrontadas co espírito do tempo actual. Ademais hai que aprecialas no seu conxunto para poder asimilar o seu valor e mensaxes, e interpretar as vixencias doutras épocas e os contrastes coa actual.

Podemos achegarnos a obra literaria de Díaz Castro desde diversas perspectivas. Quizais a que está máis en boga sexa a dimensión política a partir do poema PENÉLOPE que ofrece a visión dunha Galicia medio durmida medio espreguizándose; pero ese paradigma de Galicia xa non existe na realidade, xa está mellor ou peor superado. Fai máis de corenta anos que persoalmente lle preguntei ó noso veciño e poeta por ese modelo estancado da Galicia rural que tamén repercutiu no medio urbano galego. A súa resposta foi que aquela inercia xa se rompera en varias direccións, unhas cara ó desenvolvemento e outras cara a unha agonía irreversible. Os que amamos a Terra chairega e galega debemos estar alerta sobre a nova situación ou novos escenarios en que nos encontramos.

Mais creo que a perspectiva esencial do conxunto da poesía de Díaz Castro é un humanismo transcendente en comuñón coa natureza, cos seres humanos, con calquera ser ou acción mesmo insignificante que exista no noso mundo ou no cosmos. Ese humanismo dálle transcendencia intrahumana e tamén suprahumana a calquera “herba pequeniña”. Sen ese punto de vista esencial, a obra lírica do noso veciño poeta seguiría sendo literariamente fermosa, mais perdería parte da súa fecundidade, do seu valor interrogativo permanente. Que esas ideas non están na dirección ideolóxica dos ventos actuais? O tempo corre, pero non se cansa, e constrúe camiños de ida e volta. A sociedade galega, rural e urbana, falta lle fan estes e outros azos, materiais e espirituais, para saír da actual encrucillada.

Oración a Díaz Castro: amigo Xosé Mª, aí onde esteas non deixes de fitarnos e botarnos unha man neste intre en que nos atopamos, tanto os guitiricenses coma os galegos e españois en xeral. Prega ós teus protectores para que nos inspiren e nos axuden a reencontrar os vellos camiños borrados e a construír os novos vieiros necesarios, tanto nos Vilares coma no Buriz, tanto nas aldeas coma nas vilas, tanto en Galicia coma no resto das Españas. Ti, que coñeciches ben a vida da gran vila e corte, rompente de tódolos ventos, axúdanos a discernir o fluxo deste inmenso labirinto de dicires e contradicires, de proxectos e contraproxectos que están xermolando aquí. Amén.
Grazas Xosé Mª; non nos esquezas, non te esquecemos.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES