Os espectáculos idéanse, suscítanse, sempre e de sempre, nun rexurdimento natural, concentrado, da bondade humana, educativa, no seu carácter anxelical, no que del conservamos.

Tódolos espectáculos naceron, xurdiron, iniciáronse, con mentalidade e con vontade educativa, formativa; a súa vertente especulativa, materialista, é, foi, posterior, pero sempre se conservou algo dos seus valores prístinos, de nacencia e de ocorrencia.
Está é a idea que quixen expresar o outro día na Deputación, naqueles actos da 37 SICA, pero non era tema apto para improvisar, así que a miña espontaneidade seguro que saíu inmatura.
Naquela traxedia do Paraíso a catástrofe non foi total, pois algo de anxo, un certo poder rexenerativo nos quedou; iso si, por obra e graza do Misericordioso, acreditándose de Tal.
A medida que espertábamos do noso trancazo, a mentalidade humana foi ideando situacións rexenerativas, desde chanzas individuais a traxicomedias compartibles e compartidas. Así, paso a paso, chegouse ao cine, que non é máis que un teatro filmado; un teatro complexo, con escenarios ad hoc, que dan máis realismo á ficción.
Vén isto a conto, ou á explicación, de que o Montecubeiro do século XX tivese aquel sopro, aquel aire parnasiano ao que quixen referirme, aínda que me saíu lacónico. Un convento de dominicos, con moitas rendas e poucos catecúmenos (¡e xa non andase por medio a prima noctis!), pode facer, e de feito fixo, milagres espectaculares, maiormente no espiritual: ¡As almas espertan, aceleran o seu proceso, en progresión máis que en proporción ao seu cultivo! Certo é que os frades actuaron maiormente no XIX, pero a colleita frutificou, recolleuse, no XX. Daquela foi a concentración das almas; a das terras veu despois.
¡Miúda película a daquel Montecubeiro do XX se tivésemos recompilado o material argumental: Curiel ¡don Manuel!, cualificaríaa de estimulante! Sucintamente, para abreviar:
-As cantigas dos Reis, que de tantas que había, que se transmitían, nunca oín repeticións no mesmo ano.
-As coplas crónicas locais. ¡Coñecín, e conservo, una de cen pés!
-Os contos da lareira, que daban para tres meses, e aínda sobraban, tendo que interrompelos cando se anunciaba a primavera coas flores da merenda.
-As troulas das ruadas e dos fiandongos, que ata había un estilo propio, local, de parrafear, máis poético que prosaico.
-As danzas dos seus trinta muíños.
-As Corridas do Galo, ¡meu pobre, con un tribunal que lles atribuía toda clase de desaforos, incluso cacicadas, anticipándose á Prensa!
-A Queima (pirotécnica) da Pascua, unha Eva rediviva, corruptora da xuventude.
-Para ir parando, que non finalmente, aquelas obras de teatro, que as representou a xuventude local na casa de Córneas, no ano 1935, dirixidas e organizadas polo Mestre, logo fusilado, ¿por corruptor de menores?, Arximiro Rico.
¿Ten algo de particular que procedese daquel ambiente a filla de Ermitas de Gómez de Berlán, Mercedes Cora no teatro e no cine? Seguro que houbo máis, pero como non foron universitarias, quedándose co persoal s.l. no seu currículo vital... En todo caso eu síntome moi honrado coa súa parentela, e non só por min mesmo senón polo que a súa evocación poda servir de estímulo para que a parroquia, ¡tódalas parroquias!, se concentren no espiritual e non só nos eucaliptais.
- Palabras do noso colaborador Gómez Vilabella na homenaxe á súa curmá, a actriz Mercedes Cora, no decurso da XXXVII Semana de Cine de Lugo.Gómez Vilabella, Xosé M.