Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

miércoles, 07 de octubre de 2015
UN PRESENTE DE ATRANCOS. O bicho quere penetrar, atravesar a conciencia dun soño, pero a loita dun sentimento vai máis alá dunha guerra que se pensa que se ten perdida. Ninguén quere perder unha guerra que non ten cuartel. O bicho quere furgar, escaravellar polas corredoiras da esperanza. Pobre infeliz! Mal pensa el que os desexos dunha mente feliz e libre van máis alá dunha batalla que se pensa que está ganada. Todo presente ten o seu atranco. Para que todo o futuro os esquive, os salte, os brinque, os evite.

O bicho quere fundir os soños dunha vida que circula polas estradas da memoria. Pero ninguén acouga sen escribir catro versos nos que o bulebule dun corazón amosa dúas bágoas e tres sorrisos. Meteremos os sorrisos nun ascensor para que suban ata o infinito e máis alá. Destriparemos o bicho contra os penedos da nostalxia e despois, cada quen, que baile ó son que queira. Algúns bailarán sobre o absurdo, sobre a incoherencia dun recordo. Outros, simplemente, sobre a melancolía dun consolo.

CONDECORACIÓN ESPERPÉNTICA

Esperpento político e, partindo dun militante do PP, por suposto ridículo. E cabreante. O ministro de Interior, Jorge Fernández, volve condecorar a unha Virxe. Seica xa condecorara a dúas antes. Condecora a unha imaxe. Practicamente o mesmo que fixera Fraga (outro do PP) cando inaugurara a fervenza do Ézaro ou do río Xallas, como se a fervenza nunca estivera aí. Non me digades que estes actos non son esperpénticos!

Condecora á Virxe dos Dolores e, aínda que lle poida ter un certo cariño por se chamar así a Lola da Amparo, ou sexa, miña nai, non deixa de ser unha simple imaxe. E dádevos conta dunha cousa: que é o ministro de Interior. Nada menos. Con tanto heroe anónimo que anda por aí solto, ó que si había que premiar, el vai e condecora á imaxe da Virxe da localidade malagueña de Archidona. E a toda esa xente que se afana polos máis necesitados, póñenselle atrancos nos seus cometidos. E a todos eses que se manifestan por unha causa xusta, o señor ministro de Interior, vai e mándalle á policía ou á garda civil. Certo, a culpa é nosa; o mantelo aí para que se burle de Valle-Inclán.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES