O galego segue
Editorial - jueves, 13 de julio de 2006
O galego, idioma meu que canta María Manuela porque llo escribiu Manuel María, segue a pesar de todo.
Pode estar nun mal momento e baixar o número dos seus falantes, pode ser rexeitado polos pais para falar cos nenos, pode estar en crise estudiada por un milleiro de expertos, pero o certo é que pode con todo, e nada pode con el.
Cando o franquismo miraba mal este noso idioma, custodiado por campesiños e mariñeiros o galego converteuse no idioma da cultura e da universidade.
Os políticos utilízano ou destrózano segundo as capacidades e vontades de cada quen, pero neste tempo o politicamente correcto é falar no idioma herdado dos devanceiros.
Algúns lévano ó extremo, como Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura da nosa Xunta, que mesmo o falou nunha xuntanza con alcaldes da zona Eo-Navia, nun acto de promoción do Camiño de Santiago, provocando reacción contraria nun territorio sensible á politización dunha fala que entenden pero non recoñecen como propia. Quizáis a Conselleira Bugallo non quixo facer máis que reafirmar que o que alí se fala é galego, como o é por Vilafranca, ou por Xalima de Cáceres.
O galego como arma, dentro e fóra. Quizáis non é tan malo como pode parecer ós de fóra, aínda que a pervivencia do galego non dependa das súa utilización como munición de calquera calibre.
Aínda segue a ser o idioma da cultura, do ensino (habería que analisar cientificamente a realidade) e da política. E a pesar de ser idioma oficial deses tres sectores, o galego segue a estar, máis ou menos, como estaba.
Parece como se non dependese dos humanos galegos o destino do idioma. Como se tivese o rumbo marcado. Como se, a pesar de nós, o galego sexa eterno. A nave vai. O galego segue.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora