Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No XXV cabodano de Díaz Castro

sábado, 03 de octubre de 2015
Onte fixo exactamente un cuarto de século que falecía Xosé María Díaz Castro e, con el, íase unha voz irrepetible que os amigos comezaron a botar en No XXV cabodano de Díaz Castrofalta aquel mesmo día, que seguimos botando en falta os que admiramos a súa escrita.

En homenaxe a quen nos ensinou que ata a herba máis pequerrechiña é valiosa para o Universo, que o tempo se mide en sabas de mil anos e que as cousas hainas que amar ata que se sangre, deixo aquí estas palabras que escribín como lembradoiro daquela xornada, tal se fosen os nimbos, coma cinza de rosas que onte encheron de perfume o mundo, morto xove, dun poeta.

A enfermidade rendeuno e tivo que ser hospitalizado a mediados de setembro de 1990 no Hospital Xeral de Lugo. Alí permaneceu batallando contra a súa falta de saúde durante máis de dúas semanas, nunha “paz tensa, cheíña de vida, en loita contra a dor e o sufrimento”, como diría despois na súa homilía fúnebre Alfonso Blanco Torrado. Nese tempo pasaron polo seu cuarto visitalo infinidade de vellos e novos amigos, xentes por el queridas para os que sempre tiña unha palabra amable, un xesto amigable. Entre os máis asiduos, Saleta Goy e Manuel María, tamén Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer e mais Xulio Xiz e, por suposto, Alfonso Blanco Torrado, amais, xaora, dos seus familiares.

Tras se debater en longas xornadas coa enfermidade, finalmente o seu corazón non resistiu e deu o derradeiro alento ás tres da madrugada do 2 de outubro de 1990. Segundo a acta de defunción, a causa do falecemento foi unha parada cardio-respiratoria.

O enterro de Díaz Castro tivo lugar ao día seguinte, mércores 3 de outubro. Ás cinco da tarde, os seus restos viaxaron dende a casa mortuoria (a súa vivenda na rúa Sesulfe) ata a igrexa de Santa María (para todos a Igrexa Nova) de Guitiriz. Alí, oficiou a misa Blanco Torrado, acompañado do crego daquela parroquia e do entón tamén cura e mais amigo e estudoso diazcastriano Victorino Pérez Prieto. Tras da misa e antes de proceder ao enterro, tomou a palabra Xulio Xiz, quen dedicou unhas sentidas verbas de lembranza ao finado e á súa admirable traxectoria humana e literaria; logo Lois Diéguez, que leu un poema en homenaxe escrito para a ocasión; Luís González Tosar, quen tamén literaturizou o momento, e, por último, Manuel María, quen recitou, emocionado, algúns versos do amigo de corpo presente.No XXV cabodano de Díaz Castro
A seguir conduciuse o cadáver ata o cemiterio de San Xóan de Lagostelle. Achegárono ao seu leito definitivo portándoo a ombros, baixo a chuvia impenitente, Manuel María, Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana, Luís González Tosar, Paco Martín e Xulio Xiz. Aínda diante o cadaleito pronunciou Manuel María unha “Nenia” derradeira. Escoitábano outros escritores e amigos como Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, Miguel Anxo Fernán Vello, Cesáreo Sánchez Iglesias ou Bernardino Graña, mais tamén centos de veciños que acudiron en masa dende O Buriz e Casanova, Drada, Reboira e A Chousa Grande, As Reixas, O Merendeiro, San Salvador, O Mesón da Cabra ou Moscosa. Todos quixeron acompañar o poeta e despedilo e todos, soñadores da palabra e veciñanza fidel, lle deron o derradeiro adeus cantándolle o himno de noso que se foi vertendo sobre as coroas de flores que deitaran ao pé do cadaleito a Asociación Xermolos, a Asociación Rosalía de Castro, o Fato Daniel Castelao de Euskadi…

Morría unha ser excepcional, de discreción e modestia comprobadas, amigo dos seus amigos e desprendidamente xeneroso. Manuel María, que tan ben o coñeceu, escribiu del nunha ocasión unhas palabras que coido o retratan como mellor non podería facerse. Foron redactadas en 1989, cando aínda vivía o poeta, mais son a súa vera effigies, a imaxe que en vida quixo transmitir e que a súa obra reflicte harmónica, o exemplo que nos legou; velaí as están:

Xosé María Díaz Castro, ademáis dun grandísimo poeta, é un home esceicional. Ten, pese aos seus longos anos de estadía en Madrid e aos seus moitos saberes, un aspeito de vinculeiro de casa grande do lugar de Vilariño -que un día visitamos- de Os Vilares de Parga. É un home de mediano altor, ben proporcionado, ampla frente, cabelos plateados e ollada espresiva tras dos seus espejuelos como dicen os cubanos. As notas caraiterísticas da sua personalidade, ao noso xuicio, son: a autenticidade, a mesura e a humildade. Non intenta deslumbrar nen apampar a ninguén como tantos poetas ‘profesionais’. A sua poesía e a sua vida son a mesma cousa como agudamente nos enseñou Otero Pedraio. Nada máis lonxe que Díaz Castro de esa ‘feira das vaidades’ que é a vida literaria da que sempre estivo ao marxe. E fixo ben. A sua cortesía é sobria e requintada. Fala serea e pausadamente. Non é charlatán. Fala o xusto. A sua mesura venlle dada, sen dúbida, pola sua formación clásica, perfeitamente asimilada. Chámanos a atención o seu rexo temple moral e a sua enorme vontade demostrados, tanto nos seus lexítimos trunfos como nas suas adversidades. Díaz Castro ten un enorme pudor pra falar da sua persoa e da sua obra. E tamén unha certa timidez.

Xosé María Díaz Castro é un home cordial, bo e xeneroso. Un home sen pretensiós que vai pola vida cos ollos abertos á beleza e o corazón aberto á paisaxe, aos animais, aos homes. Non esixe nada, non pide nada. Cando ten un pequeno reconocemento asómbrase e agradéceo moi fondamente porque lle semella escesivo. Nunca é importuno. Aos seus amigos dalles -danos- xenerosamente a sua limpa, fonda e sinceira amistade do mesmo xeito que a cerdeira florece na primaveira ou o reiseñol canta e encanta nos máxicos días do luminoso maio.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES