As V xornadas Catoira na historia
Cardalda, Theo - miércoles, 05 de junio de 2002
A GUERRILLA ANTIFRANQUISTA EN GALICIA
O Concello de Catoira está a preparar as Xornadas da Historia que terán lugar o vindeiro 31 de xullo ata o 3 de agosto. Este ano consistirá en recuperar a memoria histórica duns homes e mulleres que ao rematar a Guerra Civil no ano 1939 tiveron que fuxir ao monte para seguir loitando pola democracia, arrebatada polas armas do Xeneral Franco.
É digno de eloxio que o Concello de Catoira, en especial o Alcalde Alberto García que merece tódolos parabéns, por tratar uns temas da historia que ás veces son esquecidos deliberadamente, sendo este un tema moi especial debido a manipulación que durante corenta anos fixo a propaganda franquista da Guerrilla en España.
As Xornadas son dirixidas polo Catedrático Emérito e membro numerario da Real Academia de Lingua Galega Xesús Alonso Montero, e coordinadas por Gonzalo Bouza Brey. En estes catro días de charlas e documentais sobre o tema, teremos uns conferenciantes de luxo, entre moitos deles estarán: Xosé Ramón Barreiro, Presidente da Real Academia Galega, Hartmut Heine Catedrático da Universidade de Berlín, un especialista na historia dos movementos guerrilleiros e oposición antifranquista, e por suposto os principais protagonistas do evento, como son os guerrilleiros Camilo de Dios, Francisco Martínez López (Kiko), Manuel Zapico Terente El Asturiano.
É moi importante coñecer a realidade histórica destes homes e mulleres que foron tratados polo réxime franquista como bandoleiros, onde a súa loita era o recuperar as liberdades democráticas rachadas en 1936 por un golpe militar contra a vontade popular, rematando nunha terrible Guerra Civil. Non foron nin bandoleiros nin bandidos; só combatentes pola República, do goberno que o pobo votara libremente nas urnas.
Moitos destes homes combateron na Resistencia contra o Nazismo en Francia axudando a liberar Europa das gadoupas de Hitler. Moitos deles son considerados como heroes en Francia,Italia e outros países, inclusive lles adicaron rúas, como exemplo a que ten adicada en Saint-Denis (Francia) Cristino García Granda; pero en España seguen sendo bandoleiros, con esto quero dicir que a partir da morte do Dictador en 1975 en España nos dixeron que se cambiou para non cambiar ren. Levamos preto de 27 anos con esta democracia e moitos políticos nada fixeron para rehabilitalos e tratar de recuperar esa memoria histórica que aínda está por escribir. Sempre dou a sensación dende que se restaurou esta democracia, os guerrilleiros sempre foron molestos para todo o mundo.A historia deste país temos que escribila aínda que non queiran ou non lles guste aos cidadáns.Temos que rematar dunha vez por todas da España de pandeireta e castañolas, onde séguese ensinando aos rapaces na escola que Carlos V era un príncipe renacentista, Felipe II un amante das artes e Isabel de Castela unha santa, como hoxendia que: España vai ben politicamente, e unha España que vai moi ben historicamente.
Por outra banda, o PSOE estivo 13 anos no goberno, e moitas veces con maioría absoluta e non fixo ren de ren, nin moveu un dedo para que se lle recoñeceran a súa histórica defensa pola democracia. Todos eles eran militantes do PCE, PSOE, Anarquistas e simplemente defensores da República sen filiación política, estiveron todos mesturados na loita, pese ás diferencias.En 1997 se lle fixo un acto moi emotivo ao lendario guerrilleiro Manuel Girón no Bierzo, alí estaban os seus compañeiros de guerrilla Manuel Zapico que reside en Francia, e Francisco Martínez (Kiko), que estarán en Catoira nos días das Xornadas. Conta O Kiko, que durante o período de facer ao homenaxe, unha morea de Concellos do Bierzo apoiaron a iniciativa, pero enfrontáronse á oposición do Concello de Ponferrada, polo silencio do Alcalde socialista, xa que era indispensable o acordo por ser esta cidade a capital do Bierzo e o lugar onde xacen os restos de Manuel Girón. Este é un dos moitos exemplos negativos por parte da chamada esquerda actual. Ante isto quero recoñecer a labor cultural e lembranza da historia do Alcalde de Catoira por estas Xornadas, coido que pasarían pola súa mente de que o esquecemento das vivencias destes homes (guerrilleiros) só sirve para incorrer en moreas de erros e voltar a xerar os mesmos desastres de antano. Falar polo tanto do noso pasado (por moi cruel que sexa), é entender os porqués do noso presente.
Voume a espallar con unhas verbas que dixo no Ateneo Cultural de Madrid un dos estudiosos das lendas dos homes do monte, Catedrático de Instituto de León Secundino Serrano (que estará en Catoira), yo reivindico el papel de la historia, en mis clases siempre digo que es la asignatura más importante y no por corporativismo. Ni una persona, ni un páis, pueden vivir sin historia. Cuarenta años de dictadura aniquilan un país, y si estudiáramos el franquismo la percepción que tendriamos del país sería diferente y el país por tanto sería diferente y a lo mejor Gran Hermano no batiría récords de audiencia. Estas grandes verbas aínda hoxe me dan moito que pensar.
Si en toda Europa son considerados como heroes contra o fascismo e aquí oficialmente son bandoleiros e bandidos, agardo que despois das Xornadas en Catoira sexan heroes sin estatuas nin oropeles, homes co o orgullo de ser homes libres, bravos, que non adoraron o fascismo, fóronse para o monte a dar exemplo: preferiron morrer que ser escravos. Si estes heroes son unha vergoña, España enteira é unha vergoña.

Cardalda, Theo