Eleccións do 27/S en clave de humor?
Carballo, Xosé Manuel - jueves, 01 de octubre de 2015
En determinados lugares non se permite falar de relixión, de política nin de fútbol; porque disque a xente apaixónase moito ó tocar este temas. Xa que logo optei por non querer saber nada, pero nada, nadiña de fútbol desde que escoitei que algúns xogadores custan moitos millón de euros pagados por mileuristas forofos e en cambio non hai pra investigacións absolutamente necesarias, nin prá atención a dependentes, nin prá desconxestionar os xulgados, nin para habilitar camas de medicina interna no HULA
De relixión algo sei, pero moito teño aínda que aprender e non falo dela fóra dos lugares nos que debo facelo se non me preguntan ou non me provocan. De política gustaríame saber pero esa arte e súa circunstancia supera as miñas capacidades cognitivas.
Por exemplo, non son capaz de entender como o 27/S gañaron en Catalunya todas as formacións. Supoño que se chaman así porque o que escabarda da fila ou formación queda fóra por iso da disciplina do voto pra zugar do bote os que van en cabeza da ringleira que tamén se di recua. Se gañaron todos non perdeu ninguén e, mira que ben! Ata nos sentimos contentos os seus medios irmáns do resto de España. O de medios irmáns pode ser por unhas segundas nupcias ou por pai incógnito; iso seino pero non tén que ver coa política, me parece.
A ver, imos por partes: Junts pel Sí, que aplicado o tradutor de catalán a galego significa Xuntos polo Sí, gañou en escaños aínda que perdeu en votos ou á viceversa, tanto me tén, que non vou quebrar a cabeza por culpa da lei dun que me parece que lle chaman D´Hont ou Don Hont, non sei; e se non gañou máis. que aplicado o tradutor de galego a catalán significa Mas, foi por culpa dos outros coaligados, pero mal ensamblados.
Ciutadans, que polo mesmo sistema do tradutor catalán galego significa Cidadáns, gañou por ser a segunda forza máis votada. Eu pensaba que nas eleccións non se votaban forzas pra pelexar senón persoas pra servir, pero o que non sabe fai coma o que non ve. A ver se o arranxan cando cambien a Constitución. E digo eu que nin vexo moito nin entendo ben, que, se cadra, Cidadáns pasa a ser primeira forza, porque Xuntos xa están tan xuntos e dálles por tirar cada un pró seu lado e neutralizan as forzas polo Sí ou polo Non.
Os PSC, que non o colle o tradutor, porque as siglas volven tolos ós tradutores, pero polos subtítulos da tele sei que quere dicir: Partido Socialista Catalán, gañou porque aínda perdeu máis o PP.
CIU, que se descolgou, tamén gañou, porque o señor Durán terá máis tempo pra tocar a batería, que é o que lle gusta, e compoñer unha terceira vía coma nova sinfonía.
Catalunya Sí que es Pot, quen non traducín porque son catro, pero a súa cabeza visible é o da coleta, gañou en experiencia e poida que poidan cando o da cola de cabalo poida ser presidente do que poida quedar de España, se queda algo pra daquela que poida pagar a pena.
E ven despois o PP, que non hai tradutor que o incorpore, porque os tradutores son todos de esquerdas e están confabulados, gañou moitísimo, porque tiña medo a perder moito máis.
E de remate a CUP, aí queda iso! gañou a chave que non é pouco gañar en tempos de tanta corrumpunción.
Individualmente tamén gañou un baixiño, que mentres foi presidente sempre miraba pra baixo moi pudoroso coma se tivera vergoña, e que fala coma se tivese papas na boca, porque durante un tempo non se falou en Catalunya nin no estranxeiro del nin da súa familia e tivo tempo para ir a Andorra e volver.
E quixo gañar outro máis ou menos da mesma estatura que tamén foi presidente con bigote, ó que, gardando as debidas distancias, e sen ánimo de ser irreverente se lle podería aplicar aquillo do evanxeo: Un pouquiño verédesme e outro pouquiño non me veredes e logo volverédesme a ver. Este gañou en estatura porque valéndose dunha arroutada quixo meterlle unha rabenada de medio metro por baixo ó candidato Albiol do, presunto, seu partido pra non ter que mirar tanto pra riba. A Raxoi non lle gustou nada, pero non ergue moito a voz a ver se gaña tamén.
A ignorancia crea desconfianza e, como son ignorante en política, desconfío de que tanta ganancia poida traducirse en estreiteces pró resto dos medio irmáns; porque observo que a un neno que come sen remilgos o que lle boten ninguén lle aplaude nin case lle fai caso, coma se non o houbera e, en cambio, ó que está con mixarocadas e chorimiqueos e dicindo que se vai pra conseguir o que quere, apláudeselle cando remata o vasiño de leite que houbo que probar antes pra que non estivese nin moi quente nin mi frío, dánselle galletas e cruasantes mercadas en vez do pan cocido na casa e se se encapricha por algo que estea comendo o irmán sácaselle a este pra darllo a el. Case sempre estes que se comportan coma medio irmáns caprichosos acaban índose e por riba hai que pagarlles a viaxe, darlles cartiños prós seus gastos e aguantar que vaian falando de que os roubaron nos que quedan.
Quen me dera dar entendido algo de política.

Carballo, Xosé Manuel