A organización dos actos do día 2 de Outubro na homenaxe a Díaz Castro polo 25 cabodano do seu pasamento, xa provocou reaccións culturais positivas no concello de

Guitiriz, o nacemento dun grupo poético local integrado inicialmente polos poetas do concello que van participar desa homenaxe: a NPG, Nova Poesía Guitirica, composta por Luz Campello (2 poemario publicados), Jaki Quintela (1 poemario), Xosé Antón Cascudo (1 poemario propio e varios colectivos) Mar Veres (publicacións colectivas e dixitais), Pastora Veres (colectivas e en vías de bn publicación o seu libro sobre Os Vilares), Fátima Fernández (publicacións dixitais e próximo libro), criaron esta iniciativa a raíz do seu encontro para organizar o evento @s Afillad@s de Pepe a través das redes sociais (facebook e watsapp).
Apadriñad@s por expertos coñecedores de Díaz Castro e da cultura que comparten grupo nas redes con este colectivo poético como son Armando Requeixo, Man Castro ou Xulio Xiz, a NPG xa é unha realidade da que Pepe (Díaz Castro) se sentiría fachendoso, pola poesía, pola mocidade dos poetas e pola súa proximidade, tanto territorial como de inquedanzas...
Algo se move en Guitiriz e non por casualidade. Nun pequeno concello chairego que aportou ás letras galegas a figura de Xosé María Díaz Castro e que teña tanta creación poética de xente moza debe ser motivo de orgullo e de apoio. A viva actividade cultural de Guitiriz a través de Xermolos, a intensa creación literaria, son a mostra de que baixo dos penedos e das augas de Guitiriz ferve un mundo de letras. Saúdos a esta iniciativa que xunta poetas novos da Terra de Díaz Castro arredor de versos na outonía.
Longa vida á Nova Poesía Guitirica, longa vida á obra de Pepe do Vilariño!